Galicia entra no menor nivel de restricións pola COVID en máis dun ano co 83% da poboación vacinada

Doses de vacinas contra a COVID nun dos recintos de vacinación masiva habilitados polo Sergas, que comezan a pechar pola ampla cobertura da inmunización CC-BY-SA Moncho Fuentes / Xunta

Dende as cero horas do sábado, 25 de setembro, Galicia entrará no que, a efectos prácticos, é o menor nivel de limitacións asociadas á pandemia en máis dun ano. Nesa xornada entrará en vigor a última actualización dun mapa de restricións que o é cada vez menos, con todos os concellos en nivel baixo agás dous (Foz e O Barco, no medio) e, sobre todo, cun incremento xeral ao 75% nas ocupacións máximas permitidas en diversas actividades sociais e culturais [a listaxe completa pódese consultar no DOG] en interiores e unha ampliación no número posible de asistentes, por exemplo, a concertos ao aire libre.

Esta ampliación de capacidades para diversas actividades sociais, económicas e de lecer únese ao novo protocolo na hostalería -os contidos mínimos na formación que deber recibir o persoal foron publicados este xoves, case dez días despois da entrada en vigor do novo plan- e tamén á recente supresión das limitacións aos encontros entre persoas non conviventes. Todo, cando Galicia xa cruzou o limiar do 83% da poboación vacinada por completo contra a COVID-19, segundo os protocolos vixentes.

Deste xeito, alén das limitacións específicas da Xunta que aínda persisten para diversas actividades -fundamentalmente, as referidas aos máximos de ocupación en interiores- e dos diferentes protocolos sectoriais -que tamén vai flexibilizando, coa fin de prohibicións como a do uso de pantallas táctiles nos museos, por exemplo-, o groso das restricións que aínda persisten son precaucións xerais asentadas na normativa estatal. É o caso da obriga xeral de uso de máscara en interiores e mais no exterior cando non sexa posible gardar distancia de seguridade con non conviventes, cuxa reforma tería que ter o visto e prace, en última instancia, do Congreso dos Deputados.

Máis vacinación, menos incidencia

Estes avances cara ao que oficialmente se dera en chamar nova normalidade tras as maiores limitacións para evitar contaxios do coronavirus prodúcese nun contexto no que o avance da vacinación é xa máis lenta, dada a alta porcentaxe de poboación que xa recibiu a pauta completa, o 83%, e co 85% xa con cando menos unha dose.

Por grupos de idade, como amosa o gráfico sobre estas liñas, os dous únicos grupos de idade que aínda non superan o 80% de cobertura con pauta completa (20-29 e 30-39) están a piques de facelo. Nos últimos días, o Sergas combina a administración de doses a través de autocita coas inxeccións de reforzo en residencias da terceira idade. Para propiciar a vacinación de persoas que aínda non recibiron dose ningunha, o Goberno galego anunciou que dende este 23 de setembro abre a posibilidade de concertar cita a través de WhatsApp, contactando nesta aplicación de mensaxería co número 981215930.

Cinco días seguidos por baixo dos cen casos novos

A incidencia acumulada a 7 días xa cruzou o limiar do risco baixo e a 14 días, o valor máis elevado rexístrase no único grupo de idade aínda non incluído na campaña de vacinación, a poboación menor de 12 anos

Mentres todo isto sucede, o Sergas notificaba este xoves 53 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores no que foi o sexto ciclo de vinte e catro horas consecutivo por baixo dos cen casos novos rexistrados. En termos de días naturais, a tendencia é semellante e son xa cinco seguidos por baixo do cento. Nos últimos sete días con datos completos, a media de infeccións activas diagnosticadas rolda as 81.

Con estas cifras de casos novos, para o conxunto de Galicia a incidencia acumulada a 14 días continúa baixando e está a piques de baixar de 50 casos novos por cada cen mil habitantes, o que é sinónimo de risco baixo de transmisión segundo os protocolos vixentes. O indicador que xa cruzou ese limiar do risco baixo é a incidencia acumulada a 7 días, toda vez que está xa por baixo de 25. Por grupos de idade, a tendencia é descendente en todos eles e a incidencia acumulada a 14 días máis alta é a do único grupo de idade aínda non incluído na campaña de vacinación, a poboación menor de 12 anos, con 114,43 casos novos por cada cen mil persoas.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, ese indicador máis inmediato, a incidencia a sete días, marca valores baixos en todas as áreas sanitarias e a taxa máis alta, a de Lugo, xa baixa dos 40. A tendencia xeral tamén segue sendo o descenso, alén do leve estancamento que se aprecia nos últimos días na área ourensá

A incidencia acumulada xeral, non obstante, ten actualmente menos peso que antes do avance da vacinación á hora de establecer restricións. Neste sentido, a propia Xunta vén explicitando en declaracións públicas -e no propio DOG- que cada vez pondera máis elementos como a idade das persoas con novas infeccións detectadas e, sobre todo, o seu risco de hospitalización. Neste sentido, a evolución da ocupación hospitalaria con pacientes positivos por COVID-19 segue sendo favorable. Ás seis da tarde do mércores eran 62, isto é, 57 menos que unha semana antes. Dezanove destes pacientes estaban na UCI e hai sete días eran 31.

Tamén as cifras de falecementos de persoas que deran positivo no coronavirus -o cal non implica necesariamente que morresen a causa desta doenza- marcan unha lixeira liña descendente. Nos últimos sete días con datos completos, a media diaria é inferior a 2 e o total dende o comezo da pandemia é, segundo o Sergas, de 2.625.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.