A pasada primavera, a Xunta asegurou non dispoñer de datos de casos novos da COVID-19 vinculados a cada centro educativo do país. Tras unha petición de información de Praza.gal ao abeiro da lei de transparencia, a Consellería de Sanidade afirmou non manexar esa información e desviou a responsabilidade á de Educación, que mantivo que tampouco a tiña.
Os datos pasan de cinco días á semana a só un e unha suma por áreas sanitarias substitúe á relación de positivos activos e aulas pechadas en cada escola, colexio ou instituto
A resposta chegaba en vésperas do remate do curso escolar 2020-21, o primeiro no que os centros educativos tiveron que convivir coa pandemia dende o seu inicio. Dende o comezo do período lectivo, o Goberno galego -a través de Sanidade, que citaba a Educación (responsable de colexios e institutos) e Política Social (con competencias en escolas infantís)- ofreceu datos de casos activos do coronavirus vinculados a cada centro educativo. Facíao sen desagregar casos de alumnado ou profesorado e tamén sen informar das cifras de altas, o que impedía calcular cantos casos novos se producían, información que a Xunta non divulgaba directamente.
Esa información, aínda que parcial, si viña acompañada dunha relación completa dos centros de ensino de todo o país con cadanseus casos activos e aulas en corentena, onde as houber. Deste xeito, foi posible realizar un seguimento homoxéneo dos datos, malia ás limitacións, durante todo o curso. Pero esa dinámica vai cambiar no período escolar 2021-22. No marco da obvia mellora xeral da situación epidemiolóxica, a Xunta decidiu recortar aínda máis esta información.
Tras non divulgar dato ningún durante os primeiros días de curso, este 22 de setembro o Goberno galego confirmou cal vai ser a nova dinámica para informar dos casos activos da COVID-19 vinculados ao ensino. Os partes xa non serán diarios de martes a sábado (dando conta da información de luns a venres), senón semanais, e publicaranse cada mércores. Esa periodicidade semanal teraa tamén a información sobre casos COVID vinculados a residencias de maiores e discapacidade -nos últimos meses, datos que nos últimos meses xa viñan publicándose só cando se rexistraban casos novos e non mediante partes diarios, por existir numerosos días e semanas sen casos ningún grazas á vacinación-.
O primeiro parte co novo modelo reflicte 367 casos activos entre alumnado e persoal dos centros educativos, o que reflicte unha situación semellante á da pasada primavera
Este pasado mércores chegou o primeiro e fíxoo con evidentes cambios. Onde antes había unha relación completa de centros de ensino, agora hai só unha referencia ao número de casos activos "en poboación vinculada por idade ou profesión" a centros de ensino por cada área sanitaria no día do propio parte. A información de aulas pechadas refírese aos sete días previos e tamén é unha suma por áreas sanitarias.
Nestes novos partes só haberá referencias a centros educativos concretos cando a Xunta os considere "casos destacados". Desta volta só ten esta consideración un colexio, o CEIP O Cantel de Foz, no que o Executivo refire "30 casos activos e 4 aulas pechadas". O resto están agregados nos datos por áreas, de cuxa suma resultaría que, a 22 de setembro, se rexistraban 367 casos activos do coronavirus entre alumnado e persoal dos centros educativos e 19 aulas en corentena na última semana.
A situación no curso 21-22
A primeira foto fixa da COVID nas aulas para o curso 2021-22 permite concluír que a situación actual sería máis ou menos semellante á da pasada primavera no que atinxe a casos activos. Non obstante, non será posible coñecer a evolución ao xeito do pasado curso, cando o pico de casos vinculados a escolas, colexios e institutos chegou tras a vacacións do Nadal, con case 4.000 que cadraron co pico da que resultou ser a vaga máis virulenta tamén para a poboación xeral, toda vez que a alta transmisión nos encontros das festas se produciu cando aínda non comezara a vacinación masiva.
O curso comezou cunha ampla extensión da vacinación entre o profesorado e entre estudantes maiores de 12 anos, pero á espera de que as vacinas sexan autorizadas para a infancia de 11 e menos anos
A vacinación, precisamente, é un dos factores clave tamén no novo curso escolar. Non en van, mentres que o profesorado e o alumnado de 12 ou máis anos está xa total ou parcialmente vacinado, a poboación escolar de 11 ou menos anos comeza un novo curso sen esta protección, toda vez que as vacinas aínda non foron autorizadas para a infancia deses rangos de idade -algo que se prevé que aconteza proximamente-.
Os últimos datos do Ministerio de Sanidade (a Xunta dispón deles, pero non os divulga) apuntan a que a incidencia acumulada a 14 días é baixa en todos os rangos de idade no conxunto do Estado e tamén en Galicia. A máis elevada (121,30 casos novos por cada cen mil persoas) é precisamente a do grupo de menores de 12 anos; o seguinte grupo con máis incidencia en Galicia era, con datos do día 21, o da poboación de entre 40 e 49 anos, con 58,44 casos novos por cada cen mil persoas. A tendencia é actualmente, así e todo, levemente descendente en todos os grupos de idade.