Setembro remata en Galicia coa COVID en mínimos e a vacinación masiva a piques de rematar

Xiringas para a administración de vacinas contra a COVID nun dos recintos de vacinación masiva do Sergas CC-BY-SA Xunta

A incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia a 14 días rolda os 36 casos novos por cada cen mil habitantes. A sete días, esta taxa sitúase na contorna dos 13, case unha terceira parte do indicador a dúas semanas vista. Ambos indicadores están no seu nivel máis baixo dende que hai rexistros comparables, toda vez que as únicas cifras inferiores dende o comezo da pandemia son das do verán de 2020, cando a capacidade diagnóstica do Sergas -como do resto de sistemas sanitarios- era moi inferior. Non en van, calcúlase que daquela eran detectados apenas un terzo dos casos.

As incidencias acumuladas a 7 e 14 días son as máis baixas dende que hai datos comparables e a súa tendencia continúa sendo descendente

Estas baixas taxas de incidencia e a continuación da liña descendente marcan a situación epidemiolóxica de Galicia neste remate do mes de setembro. Este martes, o Sergas notificou 29 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. É tamén o nivel máis baixo dende aquel verán de 2020. En termos de días naturais, son xa dez completos por baixo do centenar de casos novos rexistrados e tres seguidos con menos de 50.

É sabido que a correlación entre as taxas de incidencia da COVID-19 indica a un descenso cando a máis inmediata, a da última semana, é menos da metade que a cifra a 14 días. Neste caso, a incidencia acumulada a sete días é practicamente un terzo que a dúas semanas, o que acredita unha pronunciada tendencia descendente que tamén amosa ás claras a coñecida como razón de taxas, isto é, a comparación da incidencia acumulada dun día determinado coa da mesma xornada da semana anterior.

Cando a división do dato de cada xornada co de sete días antes é inferior a 1, a razón de taxas indica tendencia descendente. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, esta é a situación das incidencias acumuladas do coronavirus tanto a 7 como a 14 días en Galicia dende principios de agosto, cun descenso especialmente pronunciado dende os primeiros días de setembro.

Días finais da vacinación masiva con máis do 83% da poboación con pauta completa

Alén de factores como a redución da mobilidade tras a temporada alta do verán, non é posible interpretar estas cifras de incidencia e a favorable situación epidemiolóxica xeral sen observar canda ela a evolución da vacinación. Con datos do Sergas pechados a 27 de setembro, son xa 2,25 millóns de persoas en Galicia con pauta completa da vacina, o que implica un chisco máis do 83% da poboación total do país e algo máis do 90% da poboación maior de 12 anos, a incluída ata o momento na campaña de vacinación.

O peche dos grandes recintos de vacinación é a mostra máis simbólica da fin da campaña de inmunización masiva. O Sergas céntrase agora na 'repesca' dese algo máis do 15% de poboación que consta como non vacinada e na administración de doses de reforzo

Esta é a razón pola que Sanidade está a piques de dar por finalizada a campaña de vacinación masiva. Ese remate inclúe o peche dos grandes recintos de vacinación -caso do instalado no Ifevi de Vigo, que xa rematou a súa actividade- e a súa substitución por inxeccións en centros sanitarios ordinarios, alén das administracións a domicilio en casos como as doses de reforzo en residencias da terceira idade. 

As eventuais terceiras doses e repesca de persoas que aínda non recibiron ningunha centrarán a actividade de vacinación do Sergas dende comezos de outubro. Así, Sanidade prevé continuar chamando a ese algo máis do 15% da poboación que aínda non consta como vacinada para valorar a súa situación -nalgúns casos, son persoas vacinadas noutras comunidades autónomas- e convidar estas persoas a vacinarse se aínda non o fixeron. No que atinxe ás eventuais terceiras doses, unha das hipóteses sobre a mesa é administralas xunto coa vacina da gripe.

Por grupos de idade, os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade este luns -pechados o domingo- amosan que o grupo de 12 a 19 anos segue a aproximarse á cobertura do 90% con pauta completa. Mentres, o de 20 a 29 roza o 80% e o de 30 a 39 anos segue a ser o menos vacinado, se ben tamén achegándose a esa cota do 80%.

As novas hospitalizacións, en mínimos

Con este pano de fondo, os gobernos continúan levantando restricións. Fano pola boa marcha da vacinación e as baixas taxas de incidencia, mais tamén pola escasa carga hospitalaria directamente vinculada á pandemia. Segundo os datos pechados polo Sergas ás seis da tarde do luns, a esa hora había 58 persoas ingresadas con test positivo da COVID, 29 menos que o mesmo día da semana anterior.

Galicia achegouse ás 6.000 hospitalizacións novas na vaga da COVID posterior ao Nadal. Na que vén de pasar, apenas superou as 2.000 e a caída nas cifras de novos ingresos é constante dende agosto

Alén desa foto fixa de ocupación hospitalaria, o indicador de referencia que publica o Sergas, a información relativa ás novas hospitalizacións de persoas infectadas -que a Xunta manexa e transmite ao Estado, pero non publica- en Galicia, accesible a través do Ministerio de Sanidade, amosa tamén tanto a mellora da situación como a obvia diferenza entre a última vaga da pandemia e as anteriores. Mesmo tendo en conta que os datos da última semana adoitan estar incompletos e sen consolidar, a tendencia á baixa das novas hospitalizacións durante agosto e setembro é obvia

É igualmente evidente a diferenza de hospitalizacións entre o que se deu en chamar quinta vaga e a onda epidémica inmediatamente posterior ao Nadal. Nesa vaga do inverno, Galicia chegou a rexistrar picos con máis de 150 hospitalizacións novas de pacientes coa COVID nun só día. Na vaga estival, o día con máis ingresos non chegou aos 50. 

Deste xeito, a vaga do Nadal rexistrou case 6.000 hospitalizacións e a que vén de pasar, apenas 2.000. As autoridades sanitarias e diversas voces expertas sinalan a vacinación como a causa principal desta mudanza: na vaga do verán o groso dos novos casos situáronse entre a poboación que aínda non estaba vacinada, a máis moza e a priori menos susceptible ante o risco dunha enfermidade grave que xa estaba moi atenuado entre as persoas de máis idade grazas á vacinación.

A vaga estival tamén foi menos virulenta no que atinxe aos falecementos de persoas coa COVID -cómpre recordar que non todos eles son directamente atribuíbles ao virus-. Así e todo, Galicia segue rexistrando nos últimos días unha media a 7 días algo superior dunha morte por xornada e o total sitúase en 2.634, segundo datos do Sergas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.