Adeus ao mapa de restricións COVID: Sanidade eleva as ocupacións xerais ao 90% e augura "normalidade"

Persoas con máscara, nunha rúa dunha cidade galega antes do levantamento da obriga xeral de portalas en espazos abertos CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

"Os niveis dos concellos desaparecen". O mapa que, coas súas múltiplas versións e protocolos asociados, viña condensando en Galicia dende hai máis dun ano as restricións da Xunta para tentar conter a pandemia do coronavirus queda oficialmente desbotado. Tras varias semanas nas que estes niveis de restricións xa non tiñan apenas efectos prácticos, o Goberno galego deixa de utilizalo definitivamente dende este sábado, 9 de outubro, cando entra en vigor un novo paso na prolongada desescalada, neste caso para elevar ao 90% os límites xerais de ocupación para actividades en interiores.

A Xunta disponse a plasmar no DOG unhas ampliación da ocupación máxima do 90% no groso de actividades sociais, económicas e culturais, onde xa non haberá límite máximo de persoas participantes

Ao contrario que outros gobernos autonómicos, o galego evita aínda o levantamento xeral das restricións alén das medidas xenéricas de uso de máscara, distancia ou hixiene que dependen da lei estatal. O conselleiro de Sanidade admite, non obstante, que está preto de facelo e Julio García Comesaña sinala que ese "paso máis, que xa sería pequeno" pode chegar dentro de dúas semanas se a situación epidemiolóxica segue sendo tan favorable como a actual.

A incidencia acumulada a 14 días rolda os 22 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a 7 días está por baixo de 9  mentres a vacinación supera o 84% sobre o total da poboación. En síntese, di Comesaña, Galicia está "cada vez máis cerca de convivir co virus" e de que a COVID xa "non condicione tanto as nosas vidas".

Nos concertos, a ampliación ao 90% aplicarase aos que se celebren co público sentado. Se está de pé, no exterior queda no 66% e no interior, no 50%

Cos indicadores epidemiolóxicos en niveis da denominada "nova normalidade" -segundo os protocolos estatais vixentes-, a Xunta disponse a plasmar no DOG unhas mudanzas tras as cales o groso de actividades sociais, comerciais, económicas ou culturais baixo teito quedarán cunha ocupación máxima do 90%. Ao tempo, desaparece o límite máximo xeral do número de persoas que poden participar en cada actividades -será o caso, exemplifica Comesaña, dos ximnasios- e aumenta o de ámbitos concretos que seguen limitados, como os velorios (de 10 a 20 persoas).

No que atinxe ás actividades culturais en interiores como os concertos, o novo límite do 90% de ocupación aplicarase para os espectáculos nos que o público estea sentado. Se está en pé, queda polo momento no 50%. No exterior, os concertos con público en pé poderán encherse ao 66% e se está sentado, aplicarase tamén o límite xeral do 90%.

Na hostalería, a ocupación máxima de cada mesa pasa de 8 a 10 persoas no interior e de 15 a 20 nas terrazas

A nova normativa tamén trae consigo cambios no protocolo que rexe na hostalería dende setembro. A ocupación máxima de cada mesa pasa de 8 a 10 persoas no interior e de 15 a 20 nas terrazas. No interior, os locais situados no nivel 1 do protocolo poderán aumentar a ocupación máxima do 50% ao 75% no interior e do 75% ao 90% nas terrazas. Os de nivel 2, que xa podían ofrecer todas as prazas das terrazas, terán de agora en diante o 90% de ocupación no interior e non o 75% que tiñan ata agora. 

Nos pubs e discotecas, polo momento, non haberá máis cambios unha vez instaurada a posibilidade de ampliar ocupacións e horario se a clientela amosa o certificado COVID. Sinala o conselleiro que no denominado "lecer nocturno" o seu departamento opta por maior prudencia, se ben tampouco descarta "avanzar" tamén neste ámbito nas vindeiras semanas. No relativo ás medidas xerais, avanza, "se a cousa segue ben seguiremos ampliando e achegándonos ao 100%" de ocupación.

A hospitalización segue á baixa e a positividade rolda o 1%

Sanidade anunciou as novas flexibilizacións nas restricións nun contexto no que as cifras de incidencia acumulada teñen cada vez menos relevancia e no que os indicadores hospitalarios seguen acompañando. As 51 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 que o Sergas rexistraba ás seis da tarde do luns son sete menos que hai unha semana. Trece delas estaban na UCI, case unha decena menos que unha semana antes. Mentres, a porcentaxe de probas diagnósticas da COVID que dan positivo apenas supera o 1%.

Sanidade evidencia que todas estas medidas e as eventual retirada definitiva de limitacións de capacidade nas vindeiras semanas están intimamente relacionadas co avance da vacinación. Neste sentido, unha vez pechados os grandes recintos de vacinación e á espera de posibles decisións sobre doses de reforzo para máis colectivos -xa foron administradas a a persoas inmunodeprimidas e nas residencias da terceira idade-, Comesaña sinala que o Sergas vai seguir "tendo puntos de vacinación" sen cita para persoas que aínda non recibisen ningunha dose. 

Os datos máis recentes indican que algo máis do 84% da poboación total de Galicia xa recibiu a pauta completa de vacina. Por idades, a información do Ministerio de Sanidade indica que só un grupo, o de 30 a 39 anos, segue por baixo do 80%. A este grupo de idade dirixiuse especificamente en rolda de prensa o doutor Tato Vázquez Lima, membro do comité clínico e xefe de Urxencias do hospital do Salnés: "Fago un chamamento a esta xente para que, por favor, pense que é clave o traballo en equipo de toda a poboación para acabar definitivamente con esta pandemia e entrar nesa chamada nova normalidade, á que eu prefiro chamar normalidade con prudencia"

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.