Os contactos estreitos de positivos COVID poderán acudir a clase se están vacinados

Medidor de CO2 nun instituto de secundaria en Galicia © IES Antón Alonso Ríos

A progresiva volta á nova normalidade, ante o rápido descenso dos contaxios de COVID grazas ao éxito da vacinación e as cifras máis baixas de incidencia dende xullo de 2020, permite tamén relaxar as normas para afrontar o coronavirus nos centros de ensino. 

Así, a Xunta vén de actualizar o protocolo no que establece as medidas a adoptar para "protexer e previr no máximo posible o risco de contaxio por COVID-19" nos colexios e institutos de Galicia. Como principal novidade, e en liña co aplicado a nivel xeral, é que os contactos estreitos dun positivo por coronavirus poderán seguir asistindo a clase sempre que estean vacinados coa pauta completa ou pasasen a doenza nos seis meses anteriores

Entrada de alumnado a un centro escolar, no outono de 2020 © IES Antón Alonso Ríos

As persoas conviventes cun positivo de COVID poderán acudir a clase sempre que estean vacinadas ou pasasen a enfermidade nos últimos seis meses

Así o aclara a actualización do protoloco, publicada o pasado día 1 de outubro, na que se explica que o alumnado ou persoal do centro que conviva cunha persoa positiva será considerado contacto estreito, agás que a Central de Seguimento de Contactos (CSC) lles indique o contrario, e "poderá acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo, extremando sempre as medidas de prevención" no caso de estar "vacinada coa pauta completa" ou se foi "diagnosticada da COVID nos últimos seis meses". 

De non ser así, "deberá absterse de asistir ao centro educativo e esperar as indicacións da Central de Seguimento de Contactos en corentena". 

A recomendación é semellante no caso de conviventes dunha persoa con síntomas compatibles coa COVID á espera do resultado. A nova versión do protocolo indica que "evitarán as interaccións sociais que sexan prescindibles" ata que se confirme ese resultado e, de non estar inmunizados nin ser diagnosticados de coronavirus nos últimos seis meses, deberán "absterse de asistir ao centro educativo ata que se resolva a situación do caso sospeitoso". 

En consecuencia, o protocolo muda tamén a xestión dos gromos nos centros de ensino. Mentres que na versión anterior definíase o abrocho como "a aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación nun determinado lugar", na actual aclárase que será considerado gromo "calquera agrupación de tres ou mais casos con infección activa nos que se establecese un vinculo epidemiolóxico". 

Ademais, advírtese de que, sempre que eses tres ou máis casos aparezan nun período de tempo de menos de 14 días entre o primeiro e o último, as autoridades sanitarias deberán valorar a situación. Nese caso, será o persoal da CSC, xunto co da xerencia territorial do Sergas ou o Sistema de Alerta Epidemiolóxica, os que decidirán "se é necesario levar a cabo algunha actuación extraordinaria".

As novas medidas abranguen, xa que logo, a boa parte do alumnado dos colexios e institutos galegos e a práctica totalidade do profesorado, agás aqueles que polo motivo que fose aínda non estean inmunizados. 

No caso da rapazada, a vacinación cobre a práctica totalidade dos mozos e mozas entre 12 e 19 anos (arredor do 89% da poboación neste tramo de idade está inmunizada en Galicia), pero non aos rapaces e rapazas de 11 anos ou menos, que aínda non foron incluídos entre a poboación diana a vacinar. 

Xa que logo, eespois de dúas semanas completas de aulas, a situación nos centros de ensino semella relativamente controlada, cun número de casos activos moi inferior ao que se rexistraba o curso pasado. No entanto, as comunidades escolares reúnen neste momento máis dunha cuarta parte dos casos activos de COVID en Galicia, segundo a limitada información achegada pola Xunta.

Dende o inicio do curso, o Goberno galego optou por converter a información diaria e detallada centro por centro que ofrecía ata o pasado mes de xuño nun exiguo boletín que só ofrece o número total de casos activos e aulas pechadas en cada área sanitaria, sen informar sequera de cantos corresponden ao ensino primario e cantos aos institutos.

Os centros de ensino suman un 25% dos casos de COVID en Galicia, cos menores de 11 anos triplicando a incidencia media

Na última edición do boletín, difundido este mércores, infórmase da existencia nos centros de ensino galegos de 271 casos activos, por debaixo dos 367 casos do mércores anterior. Son cifras moi inferiores ás que se chegaron a acadar durante boa parte do curso pasado, con 4.000 casos activos a comezos de febreiro, e sitúanse nun nivel moi semellante ao dato co que remataron as clases o pasado mes de xuño, algo por debaixo dos 300 casos positivos.

O lóxico é que a maior parte destes casos positivos se estean a dar nos centros de Primaria, onde o alumnado non conta coa protección da vacina. De feito, os rapaces e rapazas de 11 anos ou menos presentan a maior incidencia acumulada, con case 73 casos por cada 100.000 persoas (72,78), case o triplo que a media galega (27,17) e moi por riba do segundo grupo, as persoas de 30 a 39 anos (31,23). 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.