O pasado 15 de setembro, hai dúas semanas e media, comezaron as clases no ensino secundario, e uns días antes fixérano en Primaria. O inicio do curso viña marcado pola persistente incerteza sobre o efecto da pandemia no alumnado pero coa confianza na protección outorgada pola vacinación, que cubría á práctica totalidade dos mozos e mozas entre 12 e 19 anos, pero non aos rapaces e rapazas de 11 anos ou menos.
O número de aulas pechadas increméntase esta semana, pasando de 19 a 24, a maior parte nas áreas de Lugo e Ourense
Despois de dúas semanas completas de aulas, e nun contexto de rápido descenso dos contaxios no conxunto da sociedade grazas ao éxito da vacinación, coas cifras máis baixas de incidencia dende o mes de xullo de 2020, a situación nos centros de ensino semella relativamente controlada, cun número de casos activos moi inferior ao que se rexistraba o curso pasado. Porén, tamén é certo que as comunidades escolares reúnen neste momento máis dunha cuarta parte dos casos activos de COVID en Galicia, segundo a limitada información achegada pola Xunta.
A Xunta optou por converter a información diaria e detallada centro por centro que ofrecía ata o pasado mes de xuño nun exiguo boletín co número total de casos activos e aulas pechadas en cada área sanitaria
Dende o inicio do curso, o Goberno galego optou por converter a información diaria e detallada centro por centro que ofrecía ata o pasado mes de xuño nun exiguo boletín que só ofrece o número total de casos activos e aulas pechadas en cada área sanitaria, sen informar sequera de cantos corresponden ao ensino primario e cantos aos institutos.
Na última edición do boletín, difundido este mércores, infórmase da existencia nos centros de ensino galegos de 271 casos activos, por debaixo dos 367 casos do mércores anterior. As áreas sanitaria de Vigo e Lugo son as que suman un maior número de positivos. Pola contra, o número de aulas pechadas increméntase esta semana, pasando de 19 a 24, a maior parte nas áreas de Lugo e Ourense.
A Xunta só ofrece como información complementaria que os dous centros que presentan un maior número de contaxios son o CEIP O Cantel (Foz) con 36 casos activos e 1 aula pechada, e o CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras), con 23 casos activos e 2 aulas pechadas.
Os dous centros que presentan un maior número de contaxios son o CEIP O Cantel (Foz) con 36 casos activos e 1 aula pechada, e o CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras), con 23 casos activos e 2 aulas pechadas
Estas cifras están moi por debaixo das que se chegaron a acadar durante boa parte do curso pasado, con catro mil casos activos a comezos de febreiro, e sitúanse nun nivel moi semellante ao dato co que remataron as clases o pasado mes de xuño, algo por debaixo dos 300 casos positivos.
Porén, cómpre ter en conta que a incidencia global é nestes momentos máis baixa que en calquera semana do pasado curso escolar. De feito, os 271 casos activos notificados este mércores significaban ao redor do 25% dos algo máis de mil casos activos que ese día existían no conxunto de Galicia. Ese mércores eran 1.179, cunha tendencia de rápido descenso que este domingo leva a que a cifra fique nos 782, a máis baixa dende os primeiros días de agosto do 2020.
A lóxica indica que a maior parte destes casos positivos se están a dar nos centros de Primaria, onde o alumnado non conta coa protección da vacina. En cambio, a porcentaxe de mozos e mozas entre 12 e 19 anos coa pauta completa de vacinación rolda xa o 88%. Con todo, alén da breve información das dúas escolas cun maior número de casos (dous colexios de Primaria), a información facilitada pola Xunta non permite sabelo con seguridade.
Os rapaces e rapazas de 11 anos ou menos presentan a maior incidencia acumulada, con case 73 casos por cada 100.000 persoas (72,78), case o triplo que a media galega (27,17)
Si contamos coas cifras de incidencia acumulada por grupos de idade que todos os días (de luns a venres) facilita o Ministerio. Neste caso, os rapaces e rapazas de 11 anos ou menos presentan a maior incidencia acumulada, con case 73 casos por cada 100.000 persoas (72,78), case o triplo que a media galega (27,17) e moi por riba do segundo grupo, as persoas de 30 a 39 anos (31,23). Iso si, a incidencia no grupo dos máis pequenos e pequenas tamén está a acompañar a tendencia de descenso que se produce no conxunto da sociedade.