Galicia entrará na fase final das restricións pola COVID con máis do 93% da campaña de vacinación completada

Unha traballadora do Sergas sostén un vial da vacina de Pfizer-BioNTech contra a COVID, nun dos recintos de vacinación masiva CC-BY-SA Foto: Moncho Fuentes / Xunta | Montaxe: Praza Pública

A vindeira semana, o Consello da Xunta aprobará a fin da emerxencia sanitaria declarada o 13 de marzo de 2020, escasas horas despois de que o Goberno de España anunciase a inminente declaración do estado de alarma para tentar conter a expansión do coronavirus. O levantamento desta figura apenas terá impacto na vida cotiá da poboación, toda vez que boa parte das restricións abeiradas pola Xunta nesta medida xa foron levantadas nas últimas semanas e meses.

Cando, a vindeira semana, a Xunta suspenda a emerxencia sanitaria declarada o 13 de marzo de 2020 e aprobe a nova ampliación de ocupacións máximas en interiores, case o 85% da poboación total do país estará vacinada por completo contra a COVID

Si está previsto, non obstante, que o Goberno galego dea luz verde -segundo o previsto- a unha nova ampliación dos límites de ocupación máxima en actividades que se desenvolvan en espazos interiores, situados dende a pasada semana como norma xeral no 90%, pero aínda con excepcións. Apenas quedarían así vixentes as medidas estipuladas pola norma xeral estatal en materia de uso da máscara ou distancias de seguridade.

Galicia chegará a esta nova fase da longa desescalada cunha situación epidemiolóxica que continúa sendo moi favorable e, sobre todo, cunha amplísima cobertura da vacinación contra a COVID-19. Cos datos pechados a 14 de outubro, case o 85% do total da poboación recibiu xa a pauta completa da vacina. Son 2,28 millóns de persoas, o que implica que o país xa superou o limiar do 93% da poboación maior de 11 anos, a incluída na campaña de vacinación, coa inmunización completada.

Os datos do Ministerio de Sanidade -correspondentes ao día anterior, o 13 de outubro- amosan como xa só queda un único grupo de idade (30-39 anos) por baixo do 80% de cobertura con pauta completa (neste grupo cómpre ter en conta que cando menos unha parte son persoas que viven fóra e se vacinaron nos seus lugares de residencia). Territorialmente, son xa maioría os concellos cunha cobertura con pauta completa superior ao 90% da súa poboación e só cinco (Negueira de Muñiz, A Lama, Avión, Boborás e Beariz; a maioría cun forte peso da emigración) non chegan ao 80%.

A incidencia acumulada segue en mínimos

A incidencia acumulada, que cada vez ten menos peso para decidir restricións, rolda os 16 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e as persoas hospitalizadas con test positivo da COVID volven ser menos de 40

O avance da vacinación é clave para que as cifras de incidencia acumulada da COVID-19 teñan un peso cada vez máis escaso nas medidas a respecto da pandemia por parte das autoridades sanitarias, cada vez máis partidarias de actuaren sobre surtos concretos da doenza no caso de que se produzan. Así e todo, as cifras de casos novos e por extensión, as incidencias acumuladas, seguen en mínimos dende que hai datos comparables.

Este venres, o Sergas comunicou 38 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Alén da xornada concreta, a incidencia acumulada a 14 días cos datos ata o último día completo dispoñible (o mércores 13) sitúase en algo menos de 16 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días a taxa rolda os 6,5. Ambos indicadores seguen trazando unha liña descendente, aínda que cun ritmo cada vez máis lento derivado da propia escaseza de casos novos detectados. [8 gráficos que amosan que a pandemia de COVID vai quedando atrás]

Neste contexto, as cifras de hospitalización de persoas coa COVID-19 son un indicador ao que as autoridades sanitarias van concedendo cada vez máis importancia para avaliar a situación e estas tamén evolucionan favorablemente. A liña das novas hospitalizacións segue sendo descendente e a ocupación de camas hospitalarias de persoas con test positivo do coronavirus seguen sendo baixas. Ás seis da tarde do xoves eran 38, catro menos que unha semana antes. Sete delas estaban na UCI.

No que atinxe aos falecementos de persoas coa COVID (non en todos os casos a morte é directamente atribuíble ao virus, xa que en gran parte dos casos trátase de persoas con outras enfermidades), a media diaria a sete días segue por baixo de 1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.