As aulas tamén comezan a dicir adeus á pandemia. Nas primeiras semanas do actual curso escolar, que comezou o 9 de setembro en Infantil e Primaria e o 15 de setembro en ESO, Bacharelato e FP, o número de positivos detectados entre o alumnado, especialmente no de menos de 12 anos (aínda non vacinado), seguía sendo elevado, a pesar de que as cifras de incidencia no conxunto da poboación galega estaban a baixar moi rapidademente.
Tamén foi descendendo o número de aulas pechadas pola presenza de positivos: das 19 da primeira semana e 24 da segunda, pasouse a 9 na terceira semana e 5 na información dufindida este mércores polo Sergas
Porén, nas últimas dúas semanas a mellora das situación nas aulas foi evidente. Na actualidade tan só se rexistran 69 casos activos (positivos detectados nas últimas dúas semanas) en todo o alumnado e profesorado do país, moi por debaixo dos 146 do pasado mércores, dos 271 de hai dúas semanas e dos 367 do 22 de setembro, nas primeiras cifras deste curso facilitadas pola Xunta de Galicia.
Tamén foi descendendo o número de aulas pechadas pola presenza de positivos: das 19 da primeira semana e 24 da segunda, pasouse a 9 na terceira semana e 5 na información dufindida este mércores polo Sergas. O Goberno galego só ofrece esta información unha vez á semana, os mércores, e achegando unicamente cifras xerais.
Hai dúas semanas os casos activos nas aulas eran o 25% do total. Hoxe son o 14%
Nas últimas dúas semanas, polo tanto, a situación nas aulas está a mellorar mesmo con máis rapidez que no conxunto da poboación. Hai 14 días os casos activos ligados a centros de ensino representaban case un 25% dos existentes en Galicia, 271 dun total de 1.096. Unha semana despois esta porcentaxe descendera xa ata o 21,5% e hoxe non chega ao 14%.
O curso 2021-22 comezou con moitos máis positivos detectados que o curso anterior: 367 fronte a 161. Porén, a evolución nas semanas seguintes foi a contraria en cada curso, cun rápido descenso da incidencia no actual
De igual xeito, se comparamos os datos das catro primeiras semanas deste curso coas catro primeiras semanas do curso pasado, atopamos que a situación é claramente distinta á que se vivía hai 12 meses. O actual curso 2021-22 comezou con moitos máis positivos detectados que o curso anterior: 367 fronte a 161.
As circunstancias eran distintas: no curso actual, aínda que a incidencia xeral estaba a remitir, o número de contaxios entre a mocidade -aínda non vacinada- foi moi elevado nos meses de agosto e setembro, o que explica o gran número de casos activos notificados o 22 de setembro. Pola contra, o pasado verán foi relativamente tranquilo no que atinxe á pandemia en Galicia. Agás gromos localizados en lugares concretos (A Mariña, A Coruña...), a incidencia foi baixa ata mediados ou finais de setembro, cando comezamos a sufrir os embates da segunda vaga.
A evolución nas semanas seguinte está a ser radicalmente distinta nun e noutro curso: mentres que no 2020-21 o número de positivos non deixou de aumentar ata finais de novembro, no actual as cifras de contaxios redúcense semana a semana, de acordo coas tendencias xerais, o que amosa unha circulación do virus moi inferior á que se sufría hai uns meses, antes de que a meirande parte da poboación estivese vacinada.
A incidencia acumulada nos menores de 12 anos sitúase nos 25 casos por cada 100.000 persoas en 14 días, moi pouco por riba da media galega (16,58)
As cifras proporcionadas pola Xunta en relación cos centros de ensino concordan cos indicadores de incidencia acumulada por grupos de idade que publica a diario o Ministerio de Sanidade. Aínda que o comezo do curso coincindiu con niveis de incidencia aínda moi elevados nos menores de 12 anos (tamén no grupo de 12 a 19, pero en rápído descenso), o número de contaxios entre os máis pequenos foi reducíndose nas últimas semanas.
Na actualidade a incidencia acumulada nos menores de 12 anos sitúase nos 25 casos por cada 100.000 persoas en 14 días, moi pouco por riba da media galega (16,58) e mesmo por debaixo do grupo de 80 anos e máis, que volve ser o que sofre as maiores incidencias (25,61).