A pandemia deixou case 183.000 positivos confirmados en Galicia, provocando 2.643 mortes, 2.148 ingresos nas UCI e un total de 16.000 hospitalizacións
O mércores 4 de marzo confirmábase a detección do primeiro caso de Covid-19 en Galicia; un home de 49 anos que estaba ingresado no CHUAC da Coruña, onde viaxara dende Madrid para unha entrevista de traballo. Dende entón pasou máis de ano e medio e a pandemia deixou case 183.000 positivos confirmados en Galicia, provocando 2.643 mortes, 2.148 ingresos nas UCI e un total de 16.000 hospitalizacións.
A enfermidade chegou en cinco vagas, algunhas máis intensas que outras, e xa noutras ocasións deu a impresión de que a pandemia remitira. Porén, nesta ocasión, grazas a que unha porcentaxe moi ampla da poboación está vacinada (o 84,3% conta coa pauta completa, o 92,8% dos maiores de 12 anos), o final da pandemia semella preto. Isto non significa que o virus desaparecese nin que non exista perigo de que regresen os contaxios, sobre todo a tráves de novas variantes resistentes ás vacinas. Con todo, pódese dicir que a COVID, tal e como a coñecemos no último ano e medio, vai quedando atrás.
Nos 13 primeiros días de outubro notificáronse 401 novos positivos en Galicia, unha cifra que a finais de agosto se acadaba nun só día
Os datos son evidentes: nos 13 primeiros días de outubro notificáronse 401 novos positivos en Galicia, unha cifra que a finais de agosto, hai tan só mes e medio, se acadaba cada día. En xullo chegaron a notificarse máis de 1.500 novos casos nun só día e a finais de xaneiro foran case dous mil novos positivos diarios.
Nos once primeiros días de outubro houbo 33 ingresos hospitalarios e 4 nas UCI. Ademais, producíronse 4 mortes
O mesmo sucede cos efectos máis graves da enfermidade: as mortes e os ingresos hospitalarios. Nos 11 primeiros días de outubro houbo 33 ingresos hospitalarios e 4 nas UCI. Como referencia, nos 11 primeiros días de agosto foran 437 as hospitalizacións e 56 os ingresos nas UCI. Seguen a producirse falecementos, xa que a efectividade das vacinas non é do 100% (como non o é en calquera vacina coñecida), pero no que levamos de outubro foron unicamente catro as mortes.
En todo este proceso foi determinante a acción do persoal sanitario, tanto na atención directa ás persoas enfermas de COVID (en moitas ocasións poñendo a súa propia saúde en risco) como despois noutros labores, como o propio proceso de vacinación ou na actual pescuda das persoas non vacinadas. Nas primeiras semanas foron habituais os aplausos (despois esquecidos) dirixidos a agradecer o traballo destes e destas profesionais.
No seguinte gráfico pode observarse a evolución, mes a mes, do número de positivos, hospitalizacións e mortes. A pesar da dureza da primeira onda, os valores máis elevados producíronse na terceira vaga, entre xaneiro e febreiro. Cómpre lembrar, iso si, que as cifras da primeira onda no que atinxe ao número de positivos, non poden ser comparados aos demais, pola menor capacidade de detección existente naquel momento.
A terceira vaga bateu os récords de positivos, tamén de mortes e especialmente de hospitalizacións, deixando o sistema hospitalario ao borde da saturación. Despois, a quinta vaga que vivimos este verán caracterizouse polo gran número de contaxios (as cifras de xullo e agosto foron superiores ás de xaneiro e febreiro), pero cunha cifra de hospitalizacións e mortes moito máis reducida, grazas ao avance do proceso de vacinación.
Na actualidade hai 45 camas hospitalarias ocupadas (9 nas UCI), cifras moi semellantes ás de finais do mes de xuño ou ás do verán do ano 2020
Esa situación de saturación hospitalaria que se deu, sobre todo, na terceira vaga pode observarse no seguinte gráfico, que reflicte o número de camas ocupadas en cada momento por pacientes COVID. Chegaron a ser 1.452 o 1 de febreiro, cun máximo de ocupación nas UCI de 253 camas tamén nesas datas, unhas cifras que deixaron Galicia a un paso da necesidade de abrir recintos fóra dos hospitais para acoller os e as doentes de coronavirus.
A gráfica amosa, ao mesmo tempo, a moi distinta situación que se vive hoxe en día, con 45 camas hospitalarias ocupadas (9 nas UCI), cifras moi semellantes ás de finais do mes de xuño ou ás do verán do ano 2020.
Tamén variou notablemente o reconto de mortes, aínda que as cifras semanais seguen sen descender aos niveis que acadaran no mes de xuño ou no pasado verán. En todo caso, as seis mortes que se rexistraron nas últimas dúas semanas están moi lonxe das máis de 25 mortes diarias que se notificaban a comezos de febreiro.
Todo cambiou coa chegada das vacinas. O 27 de decembro do pasado ano Nieves Cabo, de 82 anos e residente no centro Porta do Camiño en Santiago, converteuse na primeira persoa vacinada en Galicia. Dende entón pasaron máis de nove meses, nun proceso lento pero constante e que conseguiu inmunizar á inmensa maioría da poboación, con cifras comparables só á dos países do mundo con maior porcentaxe de persoas vacinadas.
Tan só en oito localidades houbo máis de dez contaxios nas últimas dúas semanas. En 216 concellos non se rexistrou ningún positivo nos últimos 14 días
O efecto foi claro xa este verán, cun número de mortes e hospitalizacións moi por debaixo do que sería normal en vagas anteriores cunha cifra tan alta de contaxios. A constatación do éxito das vacinas chegou nas últimas semanas, coa redución ao mínimo das cifras de incidencia, mesmo entre a mocidade, unha mostra das dificultade que agora atopa o virus para circular.
A consecuencia estámola a ver nas nosas rúas. Cada vez son máis os concellos nos que non se rexistraron contaxios de COVID nas últimas dúas semanas, en concreto 216. Tan só en oito localidades houbo máis de dez contaxios nas últimas dúas semanas.