"Non é aceptable que vaiamos por unha terceira dose da vacina contra a COVID cando a metade do planeta non ten acceso a elas"

Persoal sanitario galego recibe un envío de vacinas de Pfizer © Sergas

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas aprobaron este martes, no marco da Comisión de Saúde Pública, administrar unha dose de recordo da vacina contra a COVID ás persoas de máis de 70 anos. Esta terceira dose, sempre das vacinas de ARN mensaxeiro (Pfizer ou Moderna) comezará a ser aplicada a partir do 25 de outubro e só poderá ser recibida unha vez que pasaran seis meses despois da administración da segunda dose. Ata agora xa estaban a recibir esta dose de reforzo as persoas que viven en residencias da terceira idade e de atención á discapacidade e as persoas inmunodeprimidas.

Máis de medio millón de galegos e galegas e 70 anos ou máis poderán recibir a terceira dose da vacina este outono, sumándose ás 27.000 persoas institucionalizadas e ás 17.000 persoas con condicións de alto risco que xa a estaban a recibir

Esta autorización supón que máis de medio millón de galegos e galegas e 70 anos ou máis poderán recibir a terceira dose da vacina este outono, sumándose ás 27.000 persoas institucionalizadas e ás 17.000 persoas con condicións de alto risco que xa a estaban a recibir. Todos estes colectivos presentan unha cobertura das vacinas contra a COVID próxima ao 100%.

A autorización da Comisión de Saúde Pública, que dá continuidade ás recomendacións a Axencia Europea do Medicamento, chega nun momento no que máis do 92,5% dos galegos e galegas maiores de 12 anos contan xa coa pauta completa, o que implica que ao redor do 84% da poboación total está protexida (tendo en conta que os e as menores de 12 anos non poden ser vacinados). Isto sitúa a Galicia ao mesmo nivel de Portugal e Malta, os dous países do mundo con maior porcentaxe de poboación completamente vacinada, só por detrás do Emiratos Árabes.  

Envío de vacinas a Arxentina a través do mecanismo COVAX © Gobierno de Argentina

Porén, en amplas zonas do planeta a porcentaxe de poboación vacinada é moi inferior e calcúlase que só o 35% da poboación mundial conta coa pauta completa e o 43% recibiu cando menos unha dose. En moitos países os niveis de protección son inferiores aos acadados en Galicia pola existencia de grandes grupos de poboación que rexeitan a vacina. É o caso dos Estados Unidos (cun 56% de poboación vacinada) ou de Romanía (cun 28%). Noutros, os problemas chegan polas deficiencias no sistema sanitario e a dificultade para distribuír e administrar as doses.

Só o 35% da poboación mundial conta coa pauta completa e o 43% recibiu cando menos unha dose. En África tan só Marrocos e Tunisia superan o 33% de poboación vacinada e outros cinco países acadan o 10%

Pero en moitos países, as dificultades chegan, directamente, pola falta de vacinas, como sucede nomeadamente en África e tamén nalgúns países de América e de Asia. Así, en África tan só Marrocos e Tunisia superan o 33% de poboación vacinada e no resto tan só cinco países acadan o 10%. En cambio en Israel o 40% da poboación xa recibiu unha dose extra, o mesmo que o 29% da cidadanía de Uruguai ou o 18% da de Chile.

Neste contexto son moitas as voces que veñen criticando o empeño de moitos países do primeiro mundo por administrar unhas terceiras doses que aínda non demostraron ser necesarias, pois a protección das vacinas recibidas ata agora semella suficientemente robusta, cando menos nun prazo de seis meses despois da súa aplicación. Estas voces reclaman que o foco se poña na distribución de doses nos países que non teñen acceso ás vacinas.

A EMA indicou que "non existe unha evidencia clara" de que as persoas non inmunodeprimidas obteñan beneficios da administración dunha dose de reforzo

A Axencia Europea do Medicamento (EMA), aínda que autorizou a administración des doses de reforzo á poboación xeral, deixando en mans de cada Estado membro a decisión final, recomendou que estas terceiras doses se dedicasen ás persoas "severamente" inmunodeprimidas, lembrando que "non existe unha evidencia clara" de que as persoas non inmunodeprimidas obteñan beneficios da administración dunha dose de reforzo.

A propia Sociedade Española de Epidemioloxía reaccionou ao anuncio da Comisión de Saúde Pública incidindo en que nestes momentos o "prioritario" debe ser "Incrementar a cobertura da vacina entre a mocidade", especialmente de 20 a 39 anos, xa que son os que teñen datos máis baixos, tamén as terceiras doses para as persoas inmunodeprimidas e, ademais, "mellorar a cobertura en países con acceso limitado á vacina".

"Os políticos en España tentan protexerse de calquera evento que poida minusvalorar a súa imaxe, pero este tipo de situacións hai que contemplalas dende unha perspectiva global", di Xosé María Torres

Neste senso, Xosé María Torres, farmacéutico e voceiro de patentes da ONG Farmamundi, cualifica de "egoísta" a decisión de comezar a administrar unha terceira dose da vacina a todas as persoas maiores de 70 anos. "Os políticos en España tentan protexerse de calquera evento que poida minusvalorar a súa imaxe, pero este tipo de situacións hai que contemplalas dende unha perspectiva global e dende ese punto de vista non é aceptable que vaiamos agora por unha terceira dose cando a metade do planeta non ten acceso a elas", afirma.

Xosé María Torres © Farmamundi

Torres lembra que "a propia OMS estableceu uns criterios de prioridade, encabezados polos traballadores sanitarios que están en contacto directo cos enfermos e que en case toda África están sen vacinar". Ademais, subliña que "esta terceira dose nin sequera foi recomendada pola EMA, a pesar de que moitos medios de comunicación o difundiron así". "A EMA simplemente dixo que se podía administrar a dose de reforzo naqueles casos nos que se considere que é necesario, sobre todo a persoas inmunodeprimidas, pero en ningún momento o recomendou. É unha sobreprotección moi insolidaria", conclúe.

"Estamos nun mundo totalmente interconectado e os virus circulan. En calquera momento pode haber unha mutación que invalide as actuais vacinas, o que nos obrigaría a comezar dende cero outra vez. Por isto a estratexia ten que ser global", di Agustín Montes

Dun xeito semellante exprésase Agustín Montes, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Curso de Especialización Universitario en Vacinas que ofrece a universidade compostelá. "Aínda que para as persoas inmunodeprimidas a terceira dose pode ser beneficiosa, para a poboación xeral probablemente aínda non é necesaria unha dose de reforzo", di. Ademais, destaca que "hai xa estudos que indican que aínda que nunha persoa que foi vacinada hai seis meses o reconto de anticorpos sexa baixo, a inmunidade celular xoga un papel decisivo e o contacto co virus esperta esta protección".

Montes subliña a importancia de que as vacinas cheguen a todo o planeta, algo que debería interesar aos países do primeiro mundo, coa súa poboación xa protexida nunha porcentaxe ampla, por humanismo pero tamén dende un punto de vista "egoísta". "Estamos nun mundo totalmente interconectado e os virus circulan e mentres o virus circule existe a posibilidade de que haxa mutacións. Ata agora as vacinas seguiron sendo eficaces antes as novas variantes pero en calquera momento pode haber unha mutación que invalide as actuais vacinas, o que nos obrigaría a comezar dende cero outra vez. Por isto a estratexia ten que ser global", alerta.

"Hai que aumentar a produción para asegurar este acceso universal", destaca Montes

"Hai que aumentar a produción para asegurar este acceso universal", destaca Montes, apuntando que a liberación de patentes pode ser un camiño, como apuntaba nesta entrevista hai uns meses. Con todo, lembra que "non se trata só de liberar patentes, porque poñer en marcha unha fábrica de produción de vacinas é un proceso complexo".

Xosé María Torres vén defendendo dende hai moito tempo a liberación das patentes, permitindo a produción libre de fármacos e vacinas. Subliña, por exemplo, que "hai que lembrar que polo abuso das patentes morreron dende o ano 1981 uns 35 millóns de persoas pola SIDA". E destaca que "as empresas farmacéuticas non necesitan os países pobres para gañar cartos. Mesmo facilitando o acceso ás vacinas nos países en desenvolvemento, eles poden seguir obtendo enormes beneficios nos países ricos".

"Hai que lembrar que polo abuso das patentes morreron dende o ano 1981 uns 35 millóns de persoas pola SIDA", di Torres

Con todo, advirte tamén de que "aínda que as patentes son unha parte do problema, a cuestión é máis complexa, porque a eliminación das patentes non significaría un aumento inmediato da produción". "Isto é así porque moitas patentes incumpren un dos seus requisitos de base. Historicamente concedéronse a cambio da revelación do segredo dese produto, cuxos elementos pasaban a ser protexidos, pero tamén coñecidos. A revelación do segredo debería ser total e a patente debería permitir que un experto na materia fose capaz de reproducir ese produto. Pero non está a suceder", explica.

Doses de vacinas contra a COVID nun dos recintos de vacinación masiva habilitados polo Sergas CC-BY-SA Moncho Fuentes / Xunta

Fronte á proposta de liberar as patentes das vacinas contra a COVID lanzada por India e Sudáfrica no seo da OMC, algunhas farmacéuticas subliñaron que esta liberación non tería como resultado un rápido incremento da produción, pola necesidade de preparar antes os centros e equipos de fabricación. Xosé María Torres recoñece que "ese argumento ten a súa parte de razón" pero apunta que "hai case un ano que se presentou esa proposta no seo da OMC e de terse aprobado neste momento, xa se tería notado un aumento da produción". Torres pon o exemplo do Instituto Serum da India, o maior produtor de vacinas do mundo, que chegou a un acordo con AstraZeneca en marzo de 2020, investiu centos de millóns, recibiu o apoio da Fundación Gates e en decembro de 2020 xa tiña a capacidade para producir millóns de doses. "Polo tanto, hai exemplos de que isto se pode facer nuns poucos meses", conclúe.

"En todas as vacinas contra a COVID houbo un grande esforzo económico público, un investimento que non só se deu nas últimas fases, na produción, senón tamén nas primeiras etapas", lembra Torres

Torres tamén lembra que "en todas as vacinas contra a COVID houbo un grande esforzo económico público, un investimento que non só se deu nas últimas fases, na produción, senón tamén nas primeiras etapas". "A parte máis custosa de producir unha nova vacina non é tanto o traballo de laboratorio, senón os ensaios clínicos. Os ensaios das vacinas de Pfizer ou de Astrazeneca fixéronse cunha cantidade inusitada de participantes, 40 mil ou 50 mil en seis meses, cando normalmente un ensaio clínico para a aprobación dun medicamento faise en tres mil ou catro mil persoas ao longo de varios anos. Isto fíxose así de rápido grazas ao tremendo investimento económico que houbo", explica.

"Moitas voces reclaman que eses cartos que os Estados invisten a fondo perdido vaian aparellados de cláusulas claras que indiquen que se finalmente ese investimento conduce a un medicamento que obtén beneficios a sociedade debe poder recuperar parte deses cartos", subliña Torres

"Moitas voces reclaman que eses cartos que os Estados invisten a fondo perdido vaian aparellados de cláusulas claras que indiquen que se finalmente ese investimento conduce a un medicamento que obtén beneficios a sociedade debe poder recuperar parte deses cartos", subliña Torres. Algo así sucedeu coa vacina de AstraZeneca, que foi desenvolvida por un instituto de investigación da Universidade de Oxford, que cando chegou a un acordo con AstraZeneca fixou como requisito que o prezo de venda final fora só lixeiramente superior ao prezo de custo. 

En relación á proposta presentada no marco da OMC, Torres recoñece que recibiu a nova con optimismo no seu momento, pero que agora é "moito menos optimista, porque xa pasaron seis meses e non se avanzou". "O bo é que o tema segue enriba da mesa, non foi oficialmente rexeitado. E que ademais tivemos ese sorprendente posicionamento dos Estados Unidos", apunta. "Aínda que finalmente non se consiga o obxectivo de suspender as patentes, pode que si se consigan outras cousas positivas, para restrinxir o abuso que actualmente se fai", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.