Dende as 00:00 deste sábado, 9 de outubro, en Galicia deixa de rexer oficialmente o mapa de restricións da Xunta pola COVID axustado a cada concello. De agora en diante, as medidas volven ser xerais para todo o país e veñen marcadas por unha nova flexibilización, coa ampliación xeral das ocupacións máximas en interiores ao 90% como principal novidade a dúas semanas do horizonte marcado polo Goberno galego para unha maior recuperación da "normalidade".
Dende as 00:00 deste sábado decae oficialmente o mapa de restricións e entra en vigor o novo protocolo, marcado pola ampliación xeral ao 90% das ocupacións máximas en interiores
Esta nova fase, que cadra en ponte festiva por cadrar o 12 de outubro en martes, chega mentres as principais cifras epidemiolóxicas da COVID continúan en mínimos. Alén das oscilacións de cada día, a incidencia acumulada a 14 días rolda os 18 casos novos por cada cen mil habitantes nunha liña que segue sendo lixeiramente descendente. O indicador a 7 días semella que xa tocou chan arredor dos 9 casos novos por cada cen mil habitantes, unha estabilización no seu nivel máis baixo en máis dun ano que entra dentro das previsións manexadas polas autoridades sanitarias.
Nas súas estimacións para definir o novo modelo de restricións, a propia Consellería de Sanidade contempla que estas cifras tracen liñas máis ou menos estables nas vindeiras semanas. Fano a partir duns modelos preditivos que así e todo, advirten, non son especialmente precisos porque, nuns niveis tan baixos, calquera pequena alteración pode derivar en lixeiros ascensos que, así e todo, non mudarían a boa situación xeral.
Esa boa situación séguese reflectindo no indicador que agora ten máis importancia que as incidencias acumuladas, dadas as altas porcentaxes de poboación vacinada: a ocupación hospitalaria. As 42 persoas con test positivo da COVID que había ingresadas nos hospitais galegos ás seis da tarde do xoves eran 6 menos que unha semana antes. Dez delas estaban na UCI e o mesmo día da semana anterior eran 12.
O outro indicador asistencial de referencia, o dos casos considerados como positivos activos, tamén segue á baixa. Ás seis da tarde do xoves eran 589, case un 40% menos que hai unha semana. Os falecementos de persoas co coronavirus (cómpre lembrar que non en todos os casos a COVID é a causa da morte) tamén seguen en descenso e a media a 7 días xa é inferior a 1 por xornada.
Todo isto sucede nun contexto no que Galicia está a piques de chegar ao 85% do total da súa poboación vacinada con pauta completa contra a COVID-19. Ou, o que é o mesmo, ás portas de superar o 93% da poboación de 12 ou máis anos, a incluída ata o momento na campaña de vacinación. Todos os grupos de poboación maiores de 40 anos superan o 90% con pauta completa e nos restantes, o que consta con menor cobertura (30-39) roza o 80%. [Radiografía das persoas pendentes de vacinación: moitas fóra de Galicia e coa pauta completa administrada]