Só nove concellos rexistraron máis de dez casos novos da COVID nas últimas dúas semanas

Vacinación contra a COVID na Cidade da Cultura e mapa de concellos segundo o número de casos da COVID nos últimos 14 días con datos do 5 de outubro CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

As autoridades sanitarias galegas veñen sinalando dende hai semanas, igual que noutros territorios, que as cifras de casos novos da COVID e por extensión, as taxas de incidencia acumulada, teñen cada vez menos peso á hora de avaliar a evolución da pandemia e as eventuais restricións para contela. A razón non é outra que a ampla extensión da vacinación; con máis dun 84% do total da poboación con pauta completa, eses números por si sós xa non son un guieiro preciso e cómpre atender máis, argumentan, á carga hospitalaria ou ás taxas de positividade dos test.

En calquera caso, na actualidade seguen resultando significativas as moi baixas incidencias acumuladas que segue rexistrando Galicia, produto de cifras moi escasas de casos novos. Cunha media de apenas unha trintena de infeccións diagnosticadas cada día da última semana, unha ollada á distribución xeográfica deses novos casos amosa que xa son menos dunha decena os concellos que rexistraron máis de 10 nos últimos 14 días.

Cando un concello rexistra menos dunha decena de casos novos, a Xunta deixa de informar sobre as súas cifras concretas e sitúao en dous rangos: "entre 1 e 9" ou "sen casos novos". Esta é a situación na que se atopaban, con datos do 5 de outubro, todos os municipios do país agás Vigo, A Coruña, O Barco, Foz, Ourense, Santiago, Ames, Oleiros e Pontevedra, que suman algo máis de 920.000 habitantes. Daquela, case o 70% da poboación reside en concellos con menos de dez casos rexistrados en 14 días.

Nesa decena de concellos con máis de dez casos novos rexistrados nas últimas dúas semanas as incidencias son, en calquera caso, tamén moi baixas. Así, por exemplo, a cidade da Coruña apenas supera os 25 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e Vigo, a máis poboada de Galicia, cae por baixo dos 24. 

Mentres, as cidades de Lugo e Ferrol continúan rexistrando menos de dez casos en dúas semanas. Nese grupo de concellos con menos de dez sitúanse os 208 que non rexistraron caso ningún en 14 días e os ata 248 nos que non foron detectados casos novos nos últimos sete días.

Apenas 40 persoas no hospital coa COVID

Xunto a esas favorables cifras de incidencia acumulada, que van parellas ao novo paso no levantamento de restricións, os indicadores hospitalarios tamén falan de acougo. Concretamente, as 43 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do 5 de outubro eran a cifra máis baixa dende finais do pasado xuño e 14 menos que unha semana antes. Doce delas estaban na UCI, catro menos que hai sete días.

O outro criterio a ter en conta alén dos datos globais de casos novos, as taxas de positividade das probas diagnósticas, tamén ofrece unha imaxe optimista. Apenas o 1% dos test realizados dá positivo en Galicia -tanto no conxunto de probas como tendo en conta só as PCR, as máis utilizadas para comprobar os positivos en persoas con síntomas-, máis de catro puntos por baixo do limiar que a Organización Mundial da Saúde fixa para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.