A xefa de Preventiva da área de Santiago, Cristina Fernández, advirte de que a gripe "vai estar moito más presente este ano" pero non ten claro "que sexa unha gripe máis grave"
Cristina Fernández Pérez é a xefa do Servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza, o departamento que se encarga de vixiar e controlar as infeccións. Agora que a situación da COVID-19 achégase a un punto estable en Galicia, a especialista explica como entramos nunha nova etapa na que o foco está posto en como será a convivencia entre o coronavirus e o virus da gripe este inverno.
Por que se está a dicir que o virus da gripe vén máis forte este ano?
Máis forte pode ser que sexa máis virulento e, polo tanto, que cause máis complicacións de morbilidade, enfermidade concomitante ou mortalidade; ou que sexa máis frecuente. Aí están os dous aspectos cruciais. A respecto da frecuencia eu penso que está claro que o virus da gripe vai estar moito más presente este ano porque o ano pasado non o tivemos e pasamos dunha época de restricións como a que tivemos en 2020-21 á que imos ter na temporada 2021-22 onde xa se fala de reducir o uso de máscaras incluso en interiores.
O virus da gripe xa está a circular, de feito, xa se deron casos na área de Vigo. O que non teño tan claro é que sexa unha gripe máis grave, máis virulenta. Sabemos que van volver os picos de mortalidade que coñecemos pola gripe e que isto vai coincidir con casos de COVID.
Como é agora mesmo a situación coa COVID?
A situación da COVID está controlada, temos casos esporádicos. E non parecen casos relacionados coa xente máis nova non vacinada, senón que algún deles é importado. Pero non podemos esquecer que estamos arredor dun mundo no que a porcentaxe de vacinación de moitos países é moito menor que en España.
Chegaron a convivir o virus da gripe e o coronavirus o ano pasado?
Non, en España non conviviron. Houbo algún caso, pero tamén pode ser que as probas diagnósticas deran falsos positivos. A conclusión é que o virus da gripe non circulou, igual que non o fixo o virus sincitialrespiratorio, os adenovirus... e tampouco houbo catarros comúns.
"Penso que na ausencia de circulación da gripe foron clave o uso de máscaras, a distancia social e mais a hixiene"
Isto foi grazas ao uso de máscaras de protección?
Haberá que confirmalo cientificamente, pero para min si. Penso que na ausencia de circulación da gripe foron clave o uso de máscaras e a distancia social, e mais a hixiene.
Cal é a relación do coronavirus con todo isto? Como se espera que vaia reaccionar coa presenza da gripe, pode chegar a aumentar a súa virulencia?
Eu non o espero. Cando se describiu algún caso na zona do hemisferio sur no que din que hai unha persoa moi grave con coronavirus e coa gripe, non sabemos que tería pasado se só fora coronavirus ou só gripe. A sinerxía poderemos estudala cando teñamos un número de casos suficiente para comparar. Por separado ambas enfermidades son graves en determinadas condicións patolóxicas.
Teremos que estudar como é a convivencia destes virus para saber se a xente con gripe e con COVID está máis grave e morre máis. Ademais, a nivel mundial non coñezo publicacións que teñan avaliado esta cuestión ata o de agora.
"Non agardo que volvamos ter unha situación realmente grave coa convivencia dos virus"
Entón, este inverno volvemos estar nun territorio novo para a ciencia e para as profesionais da sanidade?
Pois si. Co coronavirus foi todo novo, desprazou á gripe e agora pode ser que convivan. Veremos o que pasa este ano. Con todo, non agardo que volvamos ter unha situación realmente grave. Podo estar errada, mais é a miña percepción coñecendo como evolucionan a nivel epidemiolóxico os virus.
E recomendaría manter a obrigatoriedade da máscara en interiores?
Si. É probable que ao mellor si que diminuiría a distancia social se levas a máscara. De feito, nas reunións dos servizos do hospital e nos cursos, onde practicamente todo é xente vacinada, xa non existe a distancia social pero está a obriga de empregar a máscara; e non estamos a ver ningún tipo de problema. Salvo os contaxios que houbo hai uns días nun congreso en Mallorca, aínda que iso foi porque se fixeron actividades nas que non se emprega a máscara.
"No Nadal haberá máis tránsito de persoas de fóra e, polo tanto, máis posibilidade de casos importados"
Temos no horizonte as celebracións de Nadal, onde a maioría de encontros xiran arredor de xantares e ceas onde non se pode levar a máscara, como o ve desde hoxe?
Para maior seguridade o importante é que a xente estea vacinada e sexa inmune. Pero aí temos ás persoas inmunodeprimidas, con cancro ou enfermidades hematolóxicas que poden ter baixóns de inmunidade e que poden ser as máis graves á hora de ter a enfermidade da gripe ou a COVID. No Nadal haberá máis tránsito de persoas de fóra e, polo tanto, máis posibilidade de casos importados e que eses casos nos poidan xerar brotes familiares. Pero o que si vemos é que coa vacinación xa por enriba do 90% non estamos tendo grandes problemas.
Entremos no asunto da vacina da gripe este ano, afróntase como unha cuestión universal como ocorreu este ano coa COVID?
Convócase a toda a poboación en períodos diferenciados. Comezamos o día 18 co persoal sanitario, o 25 de outubro tócalle aos maiores e traballadores de residencias sociosanitarias e ás persoas de 65 ou máis anos, teñan ou non teñan patoloxías. O 15 de novembro ábrese a vacinación para as persoas de 60 a 64 anos, as que teñan patoloxías de risco, embarazadas e nenas e nenos prematuros. Xa o 29 de novembro é a quenda das conviventes de persoas de risco, de calquera idade a partir dos seis meses, e despois ao resto da poboación. O ano pasado case quedamos sen vacinas porque a xente acudiu masivamente a vacinarse, pero este ano xa está chamada toda a poboación maior de seis meses.
"O ano pasado tivemos un 75% do persoal sanitario que se vacinou da gripe e xa foi un éxito"
Ata que punto se agarda que haxa unha resposta masiva como coa vacina da COVID?
Non creo que sexa igual. O ano pasado tivemos un 75% do persoal sanitario que se vacinou da gripe e xa foi un éxito, este ano a cousa parece que vai ben tamén. Da poboación de 65 anos ou máis tivemos case un 73% de vacinadas.
Pero a poboación máis nova a que non ten o costume de vacinarse da gripe.
Claro, por iso hai que motivala para que o fagan, para atenuar a replicación viral.
Como se están a preparar os hospitais para a chegada da gripe?
Temos unha proba que coa mesma mostra de exsudado nasofarínxeo permite analizar unha batería de virus e, polo tanto, distinguir na urxencia cal dos virus é o causante da enfermidade. E a partir de aí facemos circuítos diferenciados para doentes fundamentalmente de gripe, do virus sincitial respiratorio –que afecta principalmente aos nenos– e de COVID. Pero probablemente en breve prazo xa non teremos un circuíto específico para as persoas con COVID, senón que haberá dúas vías diferenciadas: patoloxía infecciosa respiratoria ou non, e desde aí discriminar aos pacientes para poder ter os illamentos oportunos dependendo do tipo de virus.
"A Organización Mundial da Saúde debera de ser a encargada dunha distribución equitativa das vacinas"
Agora que os maiores de 80 xa van contar cunha terceira dose da vacina da COVID e que se estuda como levar esa dose ao resto da poboación mentres noutras partes do mundo aínda non teñen a primeira, estamos a facelo ben para conseguir a inmunidade de grupo?
Estamos moi lonxe esa inmunidade de grupo. En África as cifras están moi mal, ou incluso en países europeos como Polonia onde non chegan ao 20% de vacinados, ou o caso dos Estados Unidos... Hai moitos países onde a porcentaxe de persoas vacinas é moi baixo e iso consegue que o coronavirus siga circulando a través dos avións, que é a maior conexión que temos agora mesmo. A Organización Mundial da Saúde debera de ser a encargada dunha distribución equitativa das vacinas, pero iso tamén depende das patentes e da industria farmacéutica. É moi complexo e tamén depende da vontade da xente para vacinarse ou non, creo que neste país tivemos moita sorte ao non ter que chegar a medidas como a vacinación obrigatoria para traballadores de Italia.