Primeira campaña da gripe con vacinación por quendas e unida á terceira dose da vacina da COVID para maiores de 80

Administración da terceira dose da vacina contra a COVID-19 na residencia Porta do Camiño CC-BY-SA Xoán Crespo/Xunta

Sanidade planifica unha campaña de vacinación contra a gripe na que se poderá coller cita a partir dunha determinada data, dependendo do grupo de poboación

"Vacinarse da gripe diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, polo tanto, o risco derivado de hospitalización e morte relacionada con este virus", salientou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na presentación da campaña de vacinación antigripal 2021 que tivo lugar na sede da Axencia Galega de Coñecemento de Saúde. 

A campaña comeza coas persoas maiores, polo que a Xunta conta con subministrar a terceira dose de reforzo da vacina da COVID-19 e mais a da gripe nunha mesma cita. O titular de Sanidade explicou que serán os centros de saúde de cada área sanitaria os que citen a través dunha mensaxe SMS ás persoas de 80 ou máis anos de idade para vacinarse. Desta maneira, poderán ser vacinados de xeito simultáneo aínda que en diferentes partes do corpo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Alberto Fuentes, e a directora xeral de Saúde Pública, Carme Durán, na presentación da campaña da gripe CC-BY-SA Sergas

A primeira campaña antigripal cun calendario de vacinación por quendas comezou para o persoal sanitario e o día 25 iníciase para os maiores de 60

Esta será a primeira campaña antigripal cun calendario de vacinación por quendas, unha medida asumida pola Consellería de Sanidade por mor da pandemia da COVID-19. Así, a partires do 25 de outubro serán citadas as persoas de 60 ou máis anos e os residentes en institucións pechadas de calquera idade, así como o persoal destes centros. 

O 15 de novembro comezará a vacinación das persoas de 60 a 64 anos, das menores de 60 con patoloxías de risco, embarazadas e puerperio, dos prematuros de 6 meses a 2 anos, do persoal de servizos esenciais para a comunidade, do grupos de persoas con exposición laboral e, ademais, do persoal das oficinas de farmacia.

As persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos terán a posibilidade de solicitar a súa cita no  seu centro de saúde de referencia para seren vacinadas contra a gripe. Para recibiren a terceira dose de reforzo da vacina contra a COVID-19 terán que transcorrer os seis meses desde a segunda dose e, neste caso, será Sanidade quen as convoque directamente. 

Dende o 29 de novembro as persoas a vacinar serán o resto da poboación diana e mais as conviventes de persoas de risco. Sanidade lembra que as citas para vacinarse contra a gripe poderán solicitarse a través da web e as aplicación do Sergas, nos centros de saúde ou por teléfono.

Proceso de vacinación da gripe na campaña do ano pasado CC-BY-SA Xunta de Galicia

O obxectivo da campaña da gripe é acadar o 75% de vacinación entre os maiores de 65 anos

Os obxectivos da Xunta para esta campaña da gripe pasan por chegar a un 75% de vacinación entre os maiores de 65 anos e entre os traballadores do propio Sergas, que xa comezaron a vacinarse. Así mesmo, pretenden lograr a vacinación do 60% das mulleres embarazadas, como mínimo, neste ano. Para isto desde a Consellería de Sanidade salientan que haberá "máis de 900 puntos de vacinación" e que a Xunta "adquiriu para a actual campaña da gripe un total de 885.800 doses, cun investimento de 5.259.157 euros".

Nesta campaña da gripe, que comezou este luns e rematará no mes de decembro, empregaranse tres tipos de vacinas, segundo os diferentes grupos de poboación. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, detallou que a vacina trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados irá dirixida ás persoas de 65 ou máis anos. Mentres que a vacina de alta carga tetravalente aplicarase nas persoas maiores de 60 anos que estean en residencias, dado que xera unha resposta inmune máis potente nun grupo de persoas cun maior risco de transmisión. O resto de poboación maior de 6 meses  recibirá a vacina tetravalente de virus fraccionados e inactivados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.