Non todos os diagnósticos de gripe van acompañados de análises de mostras, pero fronte a niveis do 15% ou 20% de mostras positivas de anos anteriores, desta volta as análises iniciadas a comezos de decembro aínda localizaron agora o primeiro virus
Non todos os diagnósticos de gripe van acompañados de análises de mostras do doente, xa que os facultativos poden sospeitar a presenza da enfermidade por outros síntomas. Pero parte dos posibles casos si son sometidos a análises clínicas no marco das campañas anuais de vixilancia epidemiolóxica da enfermidade, que semana arriba ou abaixo veñen establecendo que as súas vagas adoitan comezar en decembro en comezan a desaparecer ao longo de marzo. Pero este ano, coas medidas de prevención implantadas fronte á COVID-19 e o maior número de persoas vacinadas fronte á gripe, o Sergas vén de rexistrar aínda agora a primeira análise positiva por gripe.
Tras a pandemia de gripe de 2009, coñecida como a gripe porcina, melloráronse progresivamente o sistemas de contabilización e seguimento epidemiolóxico da gripe, especialmente nos últimos anos. Os propios informes do Sergas advirten das súas eivas e da dificultade de diagnosticar ben todos os casos, pero permiten aproximarse aínda que sexa por comparación entre anos á incidencia da enfermidade.
O Sergas fai públicos dous tipos de análises: unha anual de resumo da campaña que se avalía o impacto hospitalario da enfermidade, e outras semanais, a medida que avanza cada campaña da gripe, que ten en conta os casos comunicados polos centros de saúde, as chamadas sospeitosas aos teléfonos de atención sanitaria ou as análises clínicas que se realizan a algunhas mostras. É no último deses informes semanais divulgados, que este ano o Sergas non está a publicar todas as semanas, no que sinala que entre as semanas 12 e 13 deste 2021, entre o 22 de marzo e o 4 de abril, analizáronse un total de 691 mostras para virus da gripe “nas que se atopou o primeiro positivo da tempada, un virus da gripe B.
Sinala o Sergas que, en todo caso, segue a traducirse nunha difusión xeográfica nula da actividade gripal”. Nese último informe tamén se reflicte a respecto dos ingresos hospitalarios, que “desde o principio da tempada e ata o martes día 6 de abril, incluído, non se declarou ningún ingreso por gripe”.
Esta tempada a primeira mostra positiva por gripe detectouse na semana 13 do ano mentres que na tempada pasada "a partir da semana 14 xa non se atopou ningunha mostra positiva"
Segundo os informes feitos públicos esta tempada polo Sergas, que inclúen cifras de 12 das 18 semanas transcorridas desde o inicio da campaña a comezos de decembro, realizáronse máis de 2.500 análises de mostras, das que só agora unha vén de dar positivo por gripe. Como comparación, na tempada 2019-20, que se deu por rematada o 12 de maio pero que desde finais de marzo xa se atopaba en niveis considerados basais, estudáronse 13.793 mostras, das que en 12.333 casos se analizou a presenza da gripe B cun 5,4% de casos positivos mentres que en 13.314 casos analizouse a presenza da gripe A cun 16,4% de mostras positivas, preto de 2.200.
Se agora a primeira mostra positiva foi detectada na semana 13 do ano, na tempada pasada o informe anual reflicte que “dende a semana 11 a porcentaxe de positividade foi menor do 10% e a partir da semana 14 xa non se atopou ningunha mostra positiva”.
Na tempada anterior de gripe, a 2018-19, estudáronse 12.444 mostras, das que en 12.353 se analizou a gripe B atopando un 0,2% de casos positivos e en 12.442 analizouse a gripe A atopando un 21% de positivas, unhas 2.600.