O Sergas prevé distribuír 865.000 vacinas ata o 31 de decembro, o que permitiría vacinar a case un terzo da poboación galega
Desde o próximo luns 5 de outubro para o persoal sanitario e desde o martes 13 de outubro para o resto da poboación, a campaña de vacinación fronte á gripe do Sergas ten previsto distribuír ata o 31 de decembro unhas 865.000 vacinas que permitirían vacinar a case un terzo da poboación galega. Son 200.000 máis que o ano pasado grazas á subministración por parte do Ministerio de Sanidade de 248.000 que se engaden ás 617.000 mercadas pola Xunta. Estas son algunhas das consideracións que que establece o Sergas na Instrución que vén de divulgar dirixida ao persoal encargado de poñer en práctica a campaña:
Obxectivo: evitar entre cen e catrocentas mortes ao ano relacionadas coa gripe
Cada ano prodúcense en Europa, segundo o Centro Europeo para a Prevención e Control das Enfermidades (ECDC), entre 15.000 e 70.000 mortes por causas relacionadas coa gripe, entre 90 e 425 en Galicia segundo Sergas, unha cifra que non sempre pode ser correctamente precisada (na temporada de gripe 2017-18 a Xunta chegou a cuantificar 257 falecementos). Pero máis alá das mortes hai complicacións e ingresos hospitalarios que requiren uns esforzos do sistema sanitario que este ano o Sergas ten que compartir coa pandemia do coronavirus.
A vacina da gripe contribúe a reducir a mortalidade e as complicacións da gripe aínda que a súa eficacia varíe entre o 30% e o 80% “dependendo da idade e da inmunocompetencia da persoa, así como do grao de similitude entre os virus contidos na vacina e os virus circulantes”, segundo sinala o Sergas. Unha eficacia que se potencia canta máis poboación obxectiva resulte vacinada.
Destinatarios: persoas maiores, as máis vulnerables
Os informes periódicos do Sergas sobre a gripe poñen de manifesto como a idade media dos falecementos por gripe foron aumentando progresivamente nos últimos anos ata a contorna dos 79-80 anos e como arredor do 45% das persoas falecidas non estaban vacinadas malia estarlles indicada por ser grupo de risco. Esta é a poboación á que vai dirixida a vacina este ano:
- Persoas de 60 ou máis anos, especialmente de 65 ou máis, poboación entre a que o pasado ano se vacinou o 60% e que desta volta o Sergas quere elevar ao 75%
- Residentes en institucións pechadas (residencias de maiores, centros de menores ou de atención á dependencia ou cárceres)
- Mulleres embarazadas e, como novidade este ano, durante os seis meses posteriores ao parto se non foron vacinadas antes
- Persoas de todas as idades con patoloxías de risco
- Persoal sanitario ou en prácticas en centros sanitarios, xeriátricos ou de atención a domicilio
- Persoas, incluídos menores, que convivan con persoas de grupos de risco
- Persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade como os de emerxencias
- Persoal exposto directamente a aves ou porcos, un grupo no que se pretende “reducir a oportunidade dunha infección concomitante de virus humano e aviario ou porcino, diminuíndo a posibilidade de recombinación ou intercambio xenético entre ambos os virus”. Isto é, dificultar que un virus dos animais poida acabar afectando aos humanos, como fixo o coronavirus.
O Sergas matiza que “o feito de ter padecido COVID-19 non indica a vacinación antigripal” senón que “a indicación é a pertenza a un dos grupos” de risco.
Procedemento: sen receita pero con cita previa
A vacinación fronte á gripe é unha decisión das autoridades sanitarias en materia de saúde pública, polo que “non require diagnóstico nin prescrición previa” por parte dun médico. Simplemente é necesario que as persoas dos anteditos grupos de risco pidan cita previa a partir do 13 de outubro ao servizo de Enfermaría do centro de saúde de referencia. O Sergas salienta que a campaña dura ata fin de ano e que non é necesario acudir nos primeiros días, co que quere evitar aglomeracións. Por outra banda, aínda non está dispoñible a posibilidade de pedir cita para vacinación a través de internet, opción que como en campañas anteriores se abrirá dentro duns días.