A Xunta dispón este ano de 885.000 doses, unhas 40.000 máis que o ano pasado, cando foi inmunizado o 70% da poboación obxectivo de 60 ou máis anos
O Sergas iniciará este luns 18 de outubro a campaña de vacinación contra a gripe, para o que ten adquiridas xa 885.000 doses, unhas 40.000 máis que o ano pasado, cando a inmunización foi especialmente recomendada como medio de previr infeccións á espera de que a vacina contra a COVID fose distribuída de xeito xeralizado.
A campaña deste ano comezará o luns 18 polo persoal sanitario, e continuará a partir do 25 de outubro polas persoas maiores de 65 anos e o persoal e persoas usuarias de residencias de maiores. A partir do 15 de novembro continuarase a campaña por outras poboacións diana.
Segundo o balance que fixo este xoves o presidente Feijóo, na pasada campaña de vacinación a Xunta administrou unhas 840.000 doses, parte delas distribuídas polo Estado ás comunidades a maiores das que habitualmente adoitan adquirir estas. Conseguiuse unha cobertura do 70% da poboación de 60 ou máis anos, aumento notable a respecto das cifras de anos anteriores que adoitaban rondar o 65% para as persoas de 65 ou máis anos, o grupo que se prioriza por idade.
Durante a pasada campaña o Sergas non detectou o primeiro positivo por gripe ata finais de marzo, cando xa debera estar a piques de rematar a tempada.