A Xunta recoñece "casos puntuais" de carencia de vacinas da gripe e pide que as persoas sen risco agarden ao final da campaña

En 15 días foron vacinadas xa 400.000 persoas, 125.000 máis que o ano pasado a esta altura da campaña © Xunta

Hai quince días comezou a campaña de vacinación da gripe para a poboación xeral (para o persoal sanitario iniciárase o 5 de outubro). O obxectivo da Xunta é que nos dous vindeiros meses (ata o 31 de decembro) reciban a vacina moitas máis persoas que nos anos anteriores, incrementando a cobertura nos colectivos de risco (maiores de 65 anos, mulleres embarazadas e persoas con determinadas doenzas) ao máximo. A importancia da vacinación da gripe increméntase este ano pola pandemia de coronavirus: búscase evitar que a coincidencia das dúas enfermidades agrave os seus efectos e, sobre todo, téntase reducir a saturación do sistema sanitario, que debe concentrar as súas forzas na loita contra a covid-19.

A pandemia de coronavirus animou á cidadanía a acudir aos centros de saúde en cifras récord, de xeito que en só 15 días 400.000 persoas foron xa vacinadas, 125.000 máis que o ano pasado a esta altura

A pandemia de coronavirus (ademais da propia campaña publicitaria da Xunta "Contra a gripe, temos vacina") animou á cidadanía a acudir aos centros de saúde e demais centros de vacinación en cifras récord, de xeito que en só 15 días practicamente 400.000 persoas foron xa vacinadas (398.171), 125.000 máis que o ano pasado a esta altura. Porén, este éxito e a elevada demanda provocaron tamén algúns problemas organizativos e en varios centros de saúde ficaron sen vacinas para as persoas de menos de 65 anos.

Aínda que os problemas de insuficiencia de doses foron puntuais e están a ser solucionados, supuxeron unha incomodidade para moitas persoas que concertaran a súa cita para vacinarse. Ademais, o exceso de demanda da vacina da gripe nas persoas que non pertencen a ningún dos grupos de risco obrigou á Consellaría de Sanidade a facer un chamamento público a que estes cidadáns e cidadás agarden ao final da campaña para vacinarse, lembrando que hai doses suficientes, que non vai haber desabastecemento e que non se prevé que a epidemia de gripe chegue antes do mes de xaneiro.

Carteis da campaña de vacinación fronte á gripe de 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O exceso de demanda da vacina da gripe obrigou á Consellaría de Sanidade a facer un chamamento público a que os cidadáns e cidadás que non formar parte dun grupo de risco agarden ao final da campaña para vacinarse

José Antonio Taboada, xefe do servizo de control de enfermidades transmisibles da Consellería de Sanidade, ofreceu este mércores unha rolda de prensa para facer unha primeira valoración da campaña de vacinación da gripe, que está a deixar cifras moi superiores ás dos anos anteriores. Unhas 400.000 persoas xa están protexidas (125.000 máis que o ano pasado), e entre elas hai 248.834 maiores de 65 anos que recibiron a súa vacina, 52.311 máis que o ano anterior a esta altura da campaña. Tamén aumentou a cobertura entre o persoal sanitario, con 24.799 persoas vacinadas, o que supón 7.000 máis das que o fixeran en toda a campaña de 2019.

Por áreas sanitarias, o total de vacinas administradas ao conxunto da cidadanía galega é de 68.961 na área da Coruña; 30.277 na de Ferrol; 68.470 na de Santiago; 53.277 na de Lugo; 58.298 na de Ourense; 40.680 na de Pontevedra e 77.281 na de Vigo.

A Consellaría de Sanidade adquiriu este ano 200.000 doses máis que na campaña do 2019 para acadar os obxectivos previstos de cobertura, xa que se quere superar o 75% entre as persoas maiores de 65 anos (o ano pasado acadouse o 60%) e tamén incrementar as porcentaxes entre as mulleres embarazadas, persoas entre 60 e 64 anos, residentes en institucións pechadas e, en xeral, persoas de todas as idades con patoloxías de risco.

Houbo problemas de insuficiencia de doses "nalgún caso puntual” coa vacina que se administra ás persoas de menos de 65 anos

Como foi entón que algunhas persoas atoparon que nos centros de saúde ficaban nalgún momento sen doses suficientes para administrar? Semella que a demanda, sobre todo entre as persoas de menos de 65 anos superou as expectativas iniciais da Consellaría de Sanidade. Unha demanda por riba do esperado que se produciu en boa medida entre as persoas que inicialmente non tiñan indicada a vacina. Nesta campaña o Sergas está a empregar tres vacinas distintas, dúas para as persoas de máis de 65 anos (Chiromas e Fluzone HD, esta administrada nas residencias de maiores), que son vacinas reforzadas con maior capacidade inmunóxena, e unha para as persoas de menos de 65 anos (Vaxigrip Tetra). Foi esta última coa que se produciu algún problema "nalgún caso puntual”, segundo indicou Taboada na rolda de prensa.

Con todo, dende a Xunta destácase que as existencias de todas as vacinas son suficientes e que nestes momentos os puntos de vacinación contan cunhas reservas de máis de 235.000 doses para as persoas maiores de 65 anos e de case 74.000 para as de menos de 65 anos. Ademais, nos vindeiros días enviaranse outras 77.000 doses. Unhas reservas que non impiden que, en casos puntuais, algún centro de saúde puidese ficar momentaneamente sen existencias. Taboada tamén responsabilizou destas situacións a "erros persoais" cometidos polas persoas encargadas de controlar o stock en cada punto de vacinación, que deberían ter solicitado con máis antelación un novo envío.

Na páxina do Sergas para pedir cita para a vacinación comezou a indicarse que "nesta primeira fase da campaña e ata principios de decembro, terá prioridade a poboación que se atope dentro dos grupos de risco" ©

Na páxina do Sergas para pedir cita para a vacinación comezou a indicarse que "nesta primeira fase da campaña e ata principios de decembro, terá prioridade a poboación que se atope dentro dos grupos de risco"

Ante a elevada demanda da vacina por parte de persoas que non a teñen indicada e que non forman parte dos colectivos de risco, dende hai uns días na páxina do Sergas onde se realiza a cita previa para a vacinación indícase que "nesta primeira fase da campaña e ata principios de decembro, terá prioridade a poboación que se atope dentro dos grupos de risco". "Se este non é o seu caso, solicitámoslle que pida a súa cita máis adiante", engádese, nunha mensaxe que non existía ao comezo da campaña e que levou a moitas persoas fóra da poboación diana a solicitar a súa cita. En consecuencia, nalgúns centros de saúde persoas que non pertencían a grupos de risco e que tiñan a súa cita para vacinarse non puideron facelo.

Na rolda de prensa, José Antonio Taboada fixo un chamamento para que unicamente soliciten a vacinación nestes momento "aqueles grupos que teñen un maior risco de complicacións pola gripe ou aqueles colectivos que lle poden transmitir a gripe a estas persoas, así como os grupos definidos como esenciais". O resto da poboación debería agardar a decembro, para evitar as situacións que se están a dar estes días nos centros de saúde. Taboada lembrou que "en principio non vai haber desabastecemento" e que non hai "urxencia" por vacinarse antes, pois as epidemias de gripe non adoitan chegar ata mediados de xaneiro.

Dende a Consellaría de Sanidade lémbrase a importancia de vacinarse, sobre todo para os colectivos aos que se lles foi indicado facelo, pois isto pois permitirá "redistribuír os esforzos do sistema sanitario para a loita contra a covid"

En todo caso, dende a Consellaría de Sanidade lémbrase a importancia de vacinarse, sobre todo para os colectivos aos que se lles foi indicado facelo. Este ano inclúense as mulleres que se atopan no puerperio (o período de seis meses posterior ao parto) e tamén se recomenda para todas as persoas, incluídos menores, que convivan con persoas de grupos de risco, para as persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade como os de emerxencias e para as persoas de todas as idades con patoloxías de risco. "A vacina da gripe é máis importante ca nunca, pois permitiría redistribuír os esforzos do sistema sanitario para a loita contra a covid", subliñou José Antonio Taboada este mércores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.