María José Pereira Rodríguez é xefa do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Laboral do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e unha das asesoras da Xunta de Galicia desde o comezo da pandemia a través do comité clínico no que participan preto de trinta profesionais da sanidade. Partidaria da transparencia nos datos da COVID-19, incide na importancia de vacinarse da gripe este ano e na necesidade de empregar as máscaras correctamente.
"O coronavirus volve circular de forma sostida en Galicia"
É correcto falar de segunda onda da COVID-19 en Galicia?
É difícil falar de ondas epidémicas se non nos referimos a grandes zonas. Creo que a nivel estatal estamos nunha segunda onda aínda que, se queremos ser coidadosos cos termos, tecnicamente esa definición de onda non se ten moi clara. O que si que é certo é que o incremento da incidencia en canto aos casos, e a duración deste incremento, pódenos facer pensar que xa pasamos a fase dos rebrotes illados e entender que o virus volve circular de forma sostida en Galicia, cun impacto maior ou menor.
Nos meses antes do verán preveuse que no outono volvería circular así o coronavirus?
Baralláronse diferentes escenarios despois do arranque da pandemia e coa diminución dos casos. Todo o mundo entendía que non tiñamos indicios de que o virus desaparecera de forma natural e que volveríamos sufrir unha nova incidencia de casos ben en forma de rebrotes, de brotes ou de circulación sostida como a que tivemos. Quizá a a cuestión a resolver non era se habería unha nova onda, senón cando, como, onde e a quen ía afectar.
En canto a quen está a afectar o virus, os datos de falecementos apuntan a que a peor parte segue a ser para as persoas de maior idade.
O concepto de afectar ten dúas vertentes: a quen infecta máis e a quen provoca maior patoloxía ou maior carga de morbimortalidade [morte por enfermidade]. Nesta onda está claro que se infectou moito máis a poboación nova e que, polo tanto, é a que ten a carga da enfermidade como tal. Esta información podémola trasladar agora porque temos unha capacidade diagnóstica superior á que tiñamos nos meses de abril e maio, e somos quen de facer unha fotografía da situación máis aproximada á realidade.
"Hoxe a porcentaxe maioritaria de doentes afectados pertence a grupos de idade por debaixo dos 40 anos"
Na nosa realidade actual vemos que a porcentaxe maioritaria de doentes afectados pertence a grupos de idade por debaixo dos 40 anos, aínda que a carga da enfermidade grave ten un maior substrato na poboación de idade avanzada e con factores de risco. Esa combinación determina que sexa a poboación que máis ingresa e, por desgraza, máis falece. Nisto non houbo case modificación desde o comezo da pandemia.
A respecto de como se está a transmitir a COVID-19, xogan agora un papel máis importante os aerosois cando nun principio só preocupaban nos hospitais?
Sobre os aerosois houbo certos cambios no discurso derivados das novas evidencias das que dispoñemos. Sempre se abordou a posibilidade dunha transmisión combinada, por diferentes vías, e as organizacións internacionais seguen a afirmar que a maior porcentaxe de contactos se produce por transmisión do virus por gota grosa. Agora sabemos que hai situacións que facilitan a capacidade de permanencia do virus no aire e, a partir de aí, a afectación dun número maior de persoas en contornos distintos do sanitario. Non é que antes non nos preocupara a xeración de aerosois, pero semellaba un fenómeno máis limitado.
"Hai situacións que facilitan a capacidade de permanencia do virus no aire e, a partir de aí, a afectación dun número maior de persoas"
Xa no inicio da pandemia identificamos situacións concretas nas que había afectación por aerosois, como foron os coros ou grupos de canto. De feito, na área sanitaria da Coruña e Cee o primeiro brote que tivemos estaba relacionado cun conxunto coral. Sabemos que determinadas actividades nas que os humanos realizamos unha maior contaminación da contorna como poden ser cantar, berrar ou falar moi alto e ser moitas persoas á vez, que ademais se levan a cabo en espazos pechados e pouco ventilados, multiplican o risco de adquirir a infección.
É importante entender que cando falamos de risco cunha enfermidade referímonos á probabilidade de transmitila. Sabemos que hai determinadas contornas que son de alto risco para este virus e que se concentran nestes lugares onde se realizan respiracións forzadas ou técnicas como cantar ou berrar, que aínda por riba congregan a moitas persoas, e son espazos confinados con mala ventilación. Este é, agora mesmo, o lugar onde nos deben saltar as alarmas porque pode haber un alto risco de contaxio no caso de que haxa un enfermo.
Entón, as aulas de centros de ensino e das universidades serían lugares de alto risco de non teren as fiestras abertas?
Un aspecto diferencial nos colexios, aparte de forzar a ventilación e entender que é algo básico para controlar a COVID-19, é que hai recomendacións como o uso permanente de máscaras que están limitando ese tipo de contaminación ambiental. En todo caso, creo que non podemos comparar un coro que está dúas ou tres horas nunha zona de ensaio cantando permanentemente, cunha aula na que non deberan estar simultaneamente falando, berrando ou sen máscara de protección. Na miña opinión o risco non é o mesmo, mais temos que ir observando como se van desenvolvendo as clases este curso.
O protocolo da Xunta para o ensino presencial coa pandemia non estipula que tipo de máscaras ten que levar o alumnado, protexen igual as máscaras de tea que as cirúrxicas?
"A capacidade de filtración dunha máscara cirúrxica é superior ao mínimo esixible nas máscaras hixiénicas"
A capacidade de filtración de cada máscara, ben sexa hixiénica, cirúrxica ou FFP2 pode ser moi variable. Sabemos que capacidade teñen de filtrado as máscaras que están certificadas, tanto as hixiénicas como as cirúrxicas. Hai máscaras de tea que son hixiénicas e contan cunha capacidade de contención e filtración garantida polo fabricante. Neste momento, dicir que todas teñen a mesma función sería faltar á realidade. Efectivamente, a capacidade de filtración dunha máscara cirúrxica é superior ao mínimo esixible nas máscaras hixiénicas; pero hai máscaras hixiénicas que van máis alá dos requirimentos basais e protexen e filtran de forma axeitada.
Non existen esixencias dun tipo ou outro de máscara de protección para a poboación xeral, temos que ter en conta que a maioría das máscaras hixiénicas, incluso as que son de tea e non pasaron unha certificación, teñen dalgunha forma capacidade de protección. Pero é igual de importante o feito de levala ben colocada e que estea en boas condicións. A máscara non pode estar sucia e hai que desbotala cando se supere o número de usos ou lavados indicado.
"O correcto mantemento e o axeitado uso tamén son elementos fundamentais para que a nosa máscara sexa útil"
Cada vez máis, estamos a incorporar as máscaras ás nosas rutinas sen maior dificultade e temos que ter en conta que a certificación é importante, pero o correcto mantemento e o axeitado uso tamén son elementos fundamentais para que a nosa máscara sexa útil. Con todo, seguimos vendo cousas que non se poden admitir: como non tapar o nariz coa máscara ou ficar sen ela nun bar cando xa non se está a consumir.
Estamos a piques de comprobar como conviven o virus da gripe e o da COVID-19, cal é a maior preocupación nestes intres?
O noso interese debe estar, sobre todo, en mellorar a cobertura de vacinación da poboación de risco e, en xeral, de toda a poboación. Temos que ser quen de trasladar á sociedade que se ben todos os anos a vacina da gripe é importante, este ano é fundamental. Debemos pór todos os nosos esforzos en enfermar o menos posible por gripe porque a combinación coa COVID-19, en canto á necesidade de soporte sanitario, pode complicar a situación de forma moi relevante. Temos a esperanza de que as recomendacións hixiénicas xerais, adoptadas pola COVID-19, tamén sexan útiles para a gripe. Aínda que sexamos máis insistentes na necesidade de vacinarse.
Hai quen se ten que vacinar da gripe e para quen só é recomendable?
As campañas de vacinación identifican unha poboación de risco na que sabemos que a vacina terá unha maior rendibilidade en canto a vidas salvadas. Pero se iso fose posible, a mellor situación sería que toda a poboación se vacinase porque todo o mundo corre o risco de pasar unha gripe complicada; xa que dalgunha forma todos participamos na transmisión do virus.
Con todo, se nos fixamos nos países aos que a gripe chega antes, a incidencia está a ser moito menor.
Efectivamente, os datos que veñen de Australia e doutros países do cono sur son moi esperanzadores. Pero aparte de ter esperanza, temos que facer o posible para que esa incidencia sexa menor e iso conséguese vacinándose. Ademais, Galicia está sempre á cabeza en canto á incorporación de novas vacinas e da última tecnoloxía dispoñible. Este ano é importante salientar que se vai empregar unha vacina de alta carga antixénica para os anciáns que están en residencias. O sistema está facendo un esforzo en mellorar o arsenal de vacinas e a poboación ten que aproveitar esta circunstancia.
Cal diría que está a ser o reto para o servizo de Medicina Preventiva coa pandemia?
A nosa actividade de vixilancia e control de infeccións tiña un ámbito de actuación hospitalario, pero en ningún caso nos ausentamos na necesidade de facer vixilancia de contactos, os famosos rastrexos, e de adoptar medidas nun número tan importante de doentes. Comezamos traballando só no hospital e agora, grazas á coordinación das diferentes institucións, tamén colaboramos coa xefatura territorial fóra do eido hospitalario. O requirimento de facer vixilancia dos casos, e o estudo de contactos entre eses casos, para a partir de aí dar indicacións de corentena e de controis PCR, multiplicou de forma exponencial a actividade que nós realizamos. Porén, tiñamos os mesmos recursos que antes da COVID-19.
A vixilancia dos casos de COVID-19 e o estudo dos contactos "multiplicou de forma exponencial" a carga de traballo nos departamentos de Medicina Preventiva
Ao longo da pandemia fomos incorporando compañeiros e compañeiras que colaboraron de forma magnífica na vixilancia epidemiolóxica, no control da infección dentro e fóra do hospital. Tivemos que adaptar a nosa estrutura e o noso funcionamento á nova demanda, como fixeron outros servizos do sistema sanitario. O reto que temos agora é combinar ambas actuacións: temos que seguir traballando coa COVID-19, mais queremos tamén centrarnos no que faciamos antes. O hospital volve funcionar de forma normalizada e temos doentes ingresados por outras causas, diagnósticos de enfermidades infecciosas por outro tipo de patoloxías, temos que vacinar a doentes susceptibles por outras enfermidades... Desde setembro temos que volver á realidade actual con toda a nosa carteira de servizos en funcionamento, e non cabe dúbida de que iso é complexo.
Como valora que en Galicia, segundo a última actualización de datos do Instituto de Salud Carlos III, preto do 80% dos casos positivos de COVID-19 non teñan identificada a súa orixe?
Non podo falar a nivel galego, pero sei que na área sanitaria da Coruña e Cee a porcentaxe de casos orfos non é esa, son menos da metade. Ás veces é difícil, cando se queren dar os datos tan rápido, establecer os vínculos. Se nós temos hoxe un resultado positivo de COVID-19, será complexo que mañá teñamos unha orixe. Mais se podemos traballar cos datos, e temos o tempo suficiente para facer enquisas á familia e á contorna dese caso positivo, vai resultarnos moito máis fácil identificar os vínculos. Aquí chegamos a ter brotes con máis de cen casos relacionados, porque despois de moito entrevistar atopamos o vencello.
A Xunta anunciou agora que comezará a informar da incidencia da COVID-19 nos municipios, despois de numerosas peticións de transparencia cos datos da pandemia. Cre que ter acceso a esta información pode axudar a concienciar ao conxunto da sociedade?
"Se falamos de saúde pública temos que facelo con datos obxectivos, que entendamos todos, e que iso nos axude a modificar comportamentos"
Paréceme que a claridade na información e a transparencia son básicas. Se falamos de saúde pública temos que facelo con datos obxectivos, que entendamos todos, e que iso nos axude a modificar comportamentos. Quizá a única cuestión negativa desta publicación é que, moitas veces, se busca establecer rankings ou comparacións, que me preocupan sobre todo en concellos moi pequenos nos que os casos son facilmente identificables. Ese tipo de datos demasiado pormenorizados poden xerar situacións desagradables, provocando polémicas absolutamente prescindibles.
Creo que a información debe estar accesible e ser transparente. Información que aporte tranquilidade e que nos permita saber como imos, e que no caso de que sexa necesario dar un toque de atención tamén nolo permita. Neste senso, preocúpame a situación dos contaxios nos colexios. Claro que a poboación debe coñecer cantas aulas hai afectadas e como vai a situación, pero moitas veces chegamos a un grao de detalle que xera angustia e comeza a provocar malentendidos entre determinadas institucións e iso, na miña opinión, non é agradable nin beneficioso.
Están a contar coa chegada dunha vacina da COVID-19 para a planificación dentro do sistema sanitario galego actualmente?
Coa incorporación inminente dunha vacina, non, seguro. Sen contar con información de primeira man neste eido, parece claro que cando a vacina finalice as diferentes fases do ensaio clínico a súa introdución non será de maneira ampla. Teremos un número determinado de doses e haberá que priorizar á poboación sensible, do mesmo xeito que estamos a facer coa gripe.
"A vacina chegará a nós e o único que podemos afirmar é que vai ser clinicamente segura"
É importante que a xente saiba que se está a traballar nunha vacina, que chegará a nós e que o único que podemos afirmar é que vai ser clinicamente segura. Efectiva? Verémolo cando se administre entre a poboación, pois unha cuestión son os ensaios clínicos e outra a efectividade na poboación. Temos que contar con que a vacina non vai estar dispoñible para todo o mundo, por iso non debemos pór todas as nosas esperanzas na vacina que poida entrar o ano que vén.
Oxalá a teñamos, sexa efectiva e a poidamos administrar a toda a poboación de risco porque a mortalidade da enfermidade diminuirá sensiblemente. Pero o resto, os que non somos grupos de risco, imos ter que seguir vivindo con estas recomendacións de hixiene xerais. Isto non remata en decembro e tampouco o fará coa vacina. A vacina será un alivio de toda esta carga, pero non unha solución única aos nosos problemas coa COVID-19.
Semella claro que esta pandemia é un dos maiores retos aos que se van enfrontar as xeracións actuais.
"Ou coidamos o noso mundo, ou isto é o que imos ter de volta"
Dende logo que si, é un dos nosos maiores retos. Debemos ser conscientes da nosa contorna e comprender que os humanos somos seres vivos dentro dunha cadea epidemiolóxica que afecta á contorna e a outro tipo de animais. Non é necesario mirar moito cara atrás, nos últimos dez anos en Europa estivemos en contacto con enfermidades que non eran habituais, como a do Ébola ou o virus do Nilo que afecta agora mesmo a Andalucía. Somos un todo e todas as modificacións que se están a producir no ecosistema tamén nos van afectar. Oxalá só sexa esta a pandemia que van vivir as nosas xeracións, temos que ser moi conscientes de que ou coidamos o noso mundo, ou isto é o que imos ter de volta.