A incidencia da COVID-19 é un indicador que, coa campaña de vacinación completa en máis dun 90%, ten cada vez menos importancia por si soa á hora de determinar restricións e, en xeral, para abordar a pandemia por parte das autoridades sanitarias. Así e todo, os seus baixos niveis seguen sendo significativos da situación xeral ao seren combinados con outros factores, como a escasa ocupación hospitalaria por parte de persoas con esta doenza.
No conxunto de Galicia, a incidencia da COVID a 14 días segue baixando, agora xa moi levemente, e rolda os 14 casos novos por cada cen mil habitantes
Cos datos feitos públicos este luns polo Sergas e mais polo Ministerio de Sanidade é posible comprobar que a incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días en Galicia rolda os 14 casos novos por cada cen mil habitantes, cunha tendencia aínda lixeiramente descendente, pero xa practicamente estable nos seus niveis máis baixos dende que hai datos comparables. Os datos do Ministerio desagregados por idades -a Xunta manexa esta información e remítea ao Estado, pero non a publica- permiten coñecer tamén como, máis dun mes despois do inicio do curso escolar, a incidencia segue descendendo (agora levemente, como no resto da poboación) tamén entre a infancia.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os datos do Ministerio reflicten esa situación de estabilidade da incidencia en niveis moi baixos en todos os grupos de idade. O valor máis alto é o do único do grupo de poboación non incluído na vacinación, a infancia menor de 12 anos, pero así e todo segue baixando e xa é inferior a 20 casos novos por cada cen mil persoas. Na infancia e mocidade de 12 a 19 anos non chega aos 8 casos novos por cada cen mil habitantes, a máis baixa de todos os grupos de idade.
Case o 85% da poboación total de Galicia coa pauta completa
Non é posible obter unha fotografía completa da actual situación da pandemia se, ao carón dos datos de incidencia e hospitalización, non se len tamén os de vacinación. Non en van, en Galicia a cobertura coa pauta completa de vacinación está a piques de chegar ao 85% da poboación total, o que supón que a campaña de vacinación está completada en practicamente un 93%. Está campaña segue estando dirixida polo momento á poboación maior de 11 anos. Mentres, a Axencia Europea do Medicamento confirmaba este luns que xa comezou a avaliar a solicitude para administrar a vacina de Pfizer-BioNTech á poboación de 5 a 11 anos.
No grupo máis mozo da poboación diana da campaña de vacinación, o das persoas de 12 a 19 anos, a cobertura con pauta completa supera xa en Galicia o 90%. Así, son xa só dous os grupos de idade por baixo desa cobertura, o de 20 a 29 e o de 30 a 39 anos. Cómpre ter en conta, non obstante, que cando menos unha parte da poboación que consta como non vacinada son persoas que viven fóra de Galicia e recibiron a vacina nos seus lugares de residencia.