Seis folios, once persoas e ningunha acta: así é segundo a Xunta o comité que a asesora para reformular as residencias

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha reunión co comité que supostamente a asesorou no deseño do novo modelo de residencias tras a COVID CC-BY-SA Xunta de Galicia

Dous meses despois de anunciar verbalmente no Parlamento un novo modelo de centros “ambicioso, audaz e sensato”, o Goberno galego evita concretar á Camára varios datos e informes que lle solicitou a instancias do BNG

O 21 de decembro a conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia para informar sobre as conclusión do comité que creou para asesorarse sobre o novo modelo de residencias de maiores que quere implantar tras o impacto da pandemia da COVID neses centros, que cualificou como "ambicioso, audaz e sensato". Uns días despois o BNG solicitou oficialmente, a través do mecanismo que obriga á Xunta a entregar ao Parlamento calquera documento que estea no seu poder, toda a documentación empregada polo comité asesor, as actas das súas reunións e os informes que elaborou, “de maneira específica” o estudo para o deseño do novo modelo de residencias.

A resposta da Xunta ao Parlamento, que é quen formalmente lle realizou a petición, chegou case dous meses despois e consiste nunha lista con só algúns nomes das persoas que supostamente conformaron o comité asesor e nun documento de só seis folios cuxo contido é equivalente á nota de prensa divulgada polo Goberno galego cando compareceu a conselleira. A Xunta xa rexeitou no pasado en varias ocasións facilitar ao Parlamento diversa documentación relacionada coa xestión da pandemia nas residencias e incide así na súa política de que o poder lexislativo non poida controlar ao executivo.

Unha das reunións do comité asesor sobre o novo modelo de residencias CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Regulamento do Parlamento establece no seu artigo 9 que “para o mellor cumprimento das súas funcións parlamentarias, os deputados, logo de coñecemento do respectivo grupo parlamentario, terán a facultade de solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas”. Amparándose nese precepto a deputada do BNG Olalla Rodil solicitou da Xunta a “relación de persoas e entidades que integran o comité asesor sociosanitario xunto coas actas das reunións celebradas ata o momento”, “copia de toda a documentación que manexe o comité asesor sociosanitario para o desenvolvemento dos seus traballos” e “copia dos informes realizados”, “de maneira específica e diferenciada, o estudo realizado para o deseño do novo modelo residencial” que presentou a conselleira o 21 de decembro. 

A resposta da Xunta sobre a composición do comité asesor é unha lista con once nomes na que só unha persoa está identificada cos dous apelidos e o resto só con un, e da gran maioría non se informa do seu cargo. O documento limítase a dividir os once nomes entre as categorías de “persoal médico e de enfermaría”, “xerontólogos e investigadores”, “traballadores sociais e directores de residencias”, “arquitectos”, “e naturalmente, representantes dos familiares dos residentes”, di a propia Xunta. Porén, malia empregar o plural, só se identifica unha persoa entre os “representantes dos familiares” e outra entre os “arquitectos”.

O documento de seis páxinas que a Xunta remite ao Parlamento como todo o que empregou o comité asesor para facer o seu traballo ten un contido e estrutura similar á nota de prensa divulgada polo Goberno galego

Canto á petición de copia dos informes elaborados polo comité asesor, a resposta da Xunta consistiu en remitir ao Parlamento exclusivamente e de novo o informe que encargou á Universidade de Santiago sobre o impacto da COVID nas residencias xa feito público en xaneiro. Porén, os autores dese informe da USC non se corresponden con ningún nome do comité asesor, e o seu traballo versou sobre o que pasou nas residencias coa COVID, non sobre o novo modelo para eses centros.

Por último, ante a petición de “copia de toda a documentación que manexe o comité asesor para o desenvolvemento dos seus traballos”, a resposta da Xunta é un documento de apenas seis páxinas. A súa estrutura é similar á da nota de prensa coa que o Goberno galego resumiu a comparecencia da conselleira de Política Social no Parlamento o 21 de decembro. Nela cualificábase o novo modelo de residencias como “ambicioso, audaz e sensato” e fundamentábase “en catro piares, que se corresponden cos principais vectores de mellora das residencias: a humanización do trato e a formación continuada de todos os profesionais; o aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía; as melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais, que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción”.

Documentación remitida pola Xunta ao Parlamento sobre o seu novo modelo de residencias

Os seis folios agora entregados pola Xunta ao Parlamento como suposta documentación empregada polo comité asesor reiteran esa estrutura en catro “piares”: “humanización e formación continuada”, “incorporación tecnolóxica das residencias”, “coordinación sociosanitaria” e “avances estruturais e medidas arquitectónicas”. E en cada un deles resúmense moi brevemente diversas medidas a implantar. 

Isto é, o documento que a Xunta presenta como todo o que empregou o comité asesor para facer o seu traballo coincide coas conclusións froito dese traballo defendidas polo Goberno galego. Segundo a resposta da Xunta ás diversas peticións que lle formulou o Parlamento, ningunha das once persoas integrantes do comité asesor formulou ningunha achega por escrito nin tampouco hai actas das súas reunións, se é que existiron, cousa que tampouco concreta o Goberno galego.

Porén, en xaneiro do pasado ano a Xunta chegou a publicitar que ela mesma trasladara ao comité asesor "un documento aberto e xeral sobre o que comezar a debater", ao tempo que se acordara a figura dun "coordinador" dentro do comité. A Xunta agora nin identifica a ese coordinador na lista de nomes dos integrantes do comité nin facilita aquel informe inicial co que comezara o seu traballo. Dous meses máis tarde o comité mesmo foi dividido en "tres grupos de traballo" dos que agora nada di Política Social na súa resposta oficial ao Parlamento.

Resposta nun único folio que dá a Xunta á petición oficial do Parlamento dos nomes e as actas das reunións do comité asesor sobre residencias CC-BY-SA Praza Pública

Hai case un ano a Xunta xa admitiu que tampouco levantou nunca actas das reunións do comité clínico que a asesora sobre as restricións sanitarias xerais que se foron adoptando durante toda a pandemia

A Xunta xa admitiu hai case un ano que tampouco levantou nunca unha acta das súas reunións o comité clínico que a asesora sobre as restricións sanitarias xerais que se foron adoptando durante toda a pandemia. Igualmente, tampouco elaborou nunca por escrito ningún informe ou acordo no que se baseasen as decisións finalmente tomadas por outros órganos da Xunta. 

Non hai polo tanto documentos que permitan comprobar se as decisións do Goberno galego sobre as restricións pola pandemia ou sobre como deben ser a partir de agora as residencias se corresponden ou non coas recomendacións que lle formularon as persoas que ela mesma elixiu como supostas asesoras. Unha ausencia de papeis que contrasta coas críticas de escurantismo que o presidente Feijóo vén lanzando desde hai dous anos contra os órganos de asesoramento do Goberno de España.

Durante este tempo a Xunta mesmo chegou a facer responsable ao Goberno de España de dicir cantas persoas morreron con COVID en cada residencia galega, cuestión sobre a que está pendente que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decida se o Goberno galego debe facilitar a Praza.gal eses detalles que se lle solicitaron en aplicación da Lei de Transparencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.