A Xunta revela que o 'Bono Autonomía' para as persoas con dereito a unha praza residencial pública, que son derivadas á privada por falta de dispoñibilidade, custa 25 millóns ao ano
Uns 74 millóns de euros anuais é o que dedica a Xunta de Galicia a financiar as residencias privadas de maiores. Un investimento que se realiza a través dos concertos para cofinanciar prazas nestes centros privados co fin de que teñan un uso público e do reparto do ′Bono Atonomía′, destinado a persoas con dereito a unha praza pública que non poden acceder a ela ao non quedar ningunha libre.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, informou este xoves nunha resposta oral na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego ao grupo parlamentar do BNG, en liña coa pregunta escrita formulada por este grupo, que o ′Bono Autonomía' supón un investimento de 25 millóns anuais. Unha cifra que hai que sumar aos 49 millóns de euros ao ano que o Goberno galego dedica aos concertos cos centros residenciais de xestión privada.
"Hai unha drenaxe de fondos públicos que van para pagar a prestación das empresas", afirma a deputada do BNG
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu nunha recente sesión de control no Parlamento que non se creou ningunha residencia pública nos últimos 12 anos e indicou, pola contra, que se incrementaron en 13.000 as prazas concertadas. Galicia é o territorio do Estado con menos prazas públicas nas residencias de maiores, segundo as cifras oficiais publicadas polo IMSERSO relativas ao 31 de decembro do ano 2019.
A deputada do BNG Olalla Rodil criticou este xoves na Cámara que os datos constatan "a drenaxe de fondos públicos que non son investidos en nova infraestrutura pública porque van para pagar a prestación das empresas privadas". Ademais, Rodil puxo de manifesto que nos pregos de contratación para os anos 2020 e 2021 sobre prazas concertadas, as empresas que se presentan "son sempre as mesmas", entre as que destacou as fundacións San Rosendo e Valdegodos, e o grupo multinacional DomusVi.
A Xunta ten concedidos máis de 5.000 'Bonos Autonomía' para que persoas que non teñen unha praza pública en residencia vaian á privada
Nunha resposta por escrito sobre o custo da concertación de prazas en residencias de maiores realizada pola deputada nacionalista, a Consellería de Política Social afirma que "a Xunta de Galicia ten actualmente concedidos máis de 5.000 'bonos autonomía' de atención residencial". E abonda que "estas prestacións económicas están orientadas a axudar no pagamento dunha praza nunha residencia privada que elixa a persoa beneficiaria, e tamén facilita o acceso a un recurso residencial para aquelas persoas con dependencia que se atopan á espera dunha praza pública".
Pola súa banda, González Abeijón trasladou este xoves no Parlamento que "Galicia incrementou desde o 2009 un 44% a oferta de prazas públicas en residencias de maiores, ao pasar de 5.500 a máis de 8.000 que hai na actualidade". Ao que a deputada Olalla Rodil replicou co argumento de que cada praza pública supón un gasto de 11.780 euros anuais, fronte á concertada que son 12.716 ao ano. Unha diferencia do 8%, o que supón máis de 900 euros de diferencia ao ano, esgrimiu.
"Estes datos confirman a necesidade de incrementar as prazas públicas e os centros de titularidade pública", di Olalla Rodil
"Estes datos confirman a necesidade de incrementar as prazas públicas e os centros de titularidade pública para garantir un dereito social hoxe convertido nun lucrativo negocio. En Galiza, só o 20% das prazas de residencia son públicas, 2 de cada 10, e polo tanto o 80% son privadas", aseverou Olalla Rodil.
Política Social apunta na súa resposta por escrito que "na actualidade están en fase de construción sete novos equipamentos residenciais públicos nas cidades de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense que suporán un total de 900 novas prazas públicas de atención residencial para persoas maiores: 150 prazas en cada un dos centros de A Coruña e Vigo e 120 prazas nos centros de Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo e Ourense respectivamente".