“Leccións para reforzar os servizos públicos, ningunha”, di o presidente á oposición amparándose nas vitorias electorais
BNG e PSdeG centraron este mércores as súas preguntas na sesión de control á Xunta no Parlamento nos servizos públicos obtendo como resposta do presidente Feijóo unha defensa das súas políticas baseada nas súas sucesivas vitorias electorais. “Leccións para reforzar os servizos públicos, ningunha”, chegou a dicir, ao tempo que afeaba aos nacionalistas o seu intento de “ondear a bandeira dos servizos públicos cando “esa bandeira nola deron a nós os galegos”.
Caballero reclama a Feijóo máis servizos públicos e o presidente pregúntase "que se entende por público" e defendendo a financiación concertada a través de empresas privadas
En resposta ao portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, Feijóo chegou a preguntarse “que se entende por público?”. “Temos as mesmas residencias públicas que herdamos do bipartito”, engadiu, para matizar a continuación que nestes 12 anos a Xunta autorizou “13.000 novas prazas de residencias financiadas con fondos públicos”.
Feijóo criticou a Caballero que lle pida máis servizos públicos pero non esixa ao Goberno central que transfira a Galicia máis fondos para financialos. E lembrou a recente sentenza do Tribunal Supremo que establece que o Estado debe pagar á Xunta o mes do IVE que ten pendente dende a reforma dos prazos do imposto en 2017, que o Goberno galego cuantifica nuns 200 millóns de euros.
Pontón reclama a Feijóo que empregue na sanidade os cartos do IVE que adebeda o Estado a Galicia e o presidente dille que está maís interesada "na autodeterminación"
A esa contía recorreu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para reclamar un plan especial de reforzo da atención primaria na sanidade por importe similar. “Vostede xa non ten escusas, utilice eses 200 millóns da devolución do IVE”, díxolle Pontón, aínda que a Xunta xa gastou esa contía noutras cousas en anos anteriores sen ter aínda garantido o seu futuro cobro.
“Dicir que aproveitamos a pandemia para o deterioro da sanidade pública é unha insidia que non podemos admitir”, respondeu Feijóo, que pola súa banda acusou ao BNG de estar interesado “moito máis na autodeterminación que na sanidade”.
O presidente tamén afeou á nacionalista a sentenza sobre o IVE non entregado a Galicia polo “Goberno do que vostedes forman parte”. Feijóo non especificou que ministro ou ministra de Sánchez sería do BNG, que non está presente no executivo senón que a través do lexislativo o seu deputado no Congreso apoiou a investidura de Pedro Sánchez como presidente.