O presidente evita responder se os sete novos centros que a Fundación Amancio Ortega vai construír para a Xunta nas cidades van ser xestionados por persoal público ou entregadas a unha concesionaria privada
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou este mércores a sesión de control ao Goberno galego no Parlamento na mellora do sistema de residencias de maiores despois de que nelas falecesen 790 persoas desde o comezo da pandemia da COVID-19, o 34% do total de vítimas. A nacionalista non propuxo o rescate ou expropiación das residencias privadas, senón que as públicas que están entregadas en concesión a empresas privadas vaian sendo asumidas pola propia Xunta a medida que rematen eses contratos e que sexa a Xunta quen xestione directamente e non a través de concesións os sete centros que a Fundación Amancio Ortega vai construír e entregar á administración nas sete cidades galegas.
A resposta de Feijóo tanto sobre a situación vivida ata agora nas residencias durante a pandemia como sobre o seu futuro modelo foi defender o traballo do persoal deses centros, especialmente dos privados, derivando cara a eles, como xa fixera noutras ocasións, a responsabilidade. Ante as críticas do BNG pola mortalidade nas residencias, que relacionou co interese económico das empresas propietarias, o presidente respondeu que “é de xustiza que o BNG deixe de desprezar a eses traballadores e poñer en valor o que fixeron 18.000 persoas que estiveron traballando con rigor, entregándose”. Sobre a xestión futura das residencias, Feijóo lamentou “que o BNG considere que estes traballadores porque traballan en empresas, en entidades sociais, non merecen un respecto porque non son funcionarios”.
Ante o xiro argumental co que Feijóo intentou desviar cara ao persoal as críticas que Pontón dirixía á xestión das residencias, a nacionalista retrucou de forma similar: “Non desprece ás traballadoras das residencias públicas, ás que mantén na precariedade e con baixos salarios, non esconda o seu desastre detrás delas”, díxolle Pontón ao presidente. Un Feijóo que tras lamentar todas as mortes insistiu en que “Galicia foi a comunidade autónoma peninsular con menor impacto da pandemia nas residencias”.
Por outra banda, o presidente tamén evitou responder á pregunta directa que nas súas dúas intervencións lle formulou Pontón sobre a xestión que terán as sete residencias construídas pola Fundación Amancio Ortega nas cidades, prometidas pola Xunta en 2017. Unha vez que se rematen os edificios pasarán a ser propiedade da Xunta, que podería xestionalas con persoal propio ou a través de concesións ou contratos de servizos con empresas privadas. O presidente obviou por completo esa cuestión nas súas dúas intervencións para responder a Pontón.
Feijóo asegura a Caballero que coa lei de saúde galega "non temos ningún interese en vacinar de forma indiscriminada" e que ofreceu ao Goberno central "unha interpretación" da norma nesa liña que non foi aceptada
No debate deste mércores o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, centrou a súa intervención en criticar que a Xunta basease a súa estratexia para a desescalada das restricións na lei de saúde que vén de ser suspendida polo Goberno central ao recorrela ante o Tribunal Constitucional. Unha norma que segundo o socialista supón atacar dereitos e liberdades da cidadanía galega pero que para Feijóo foi obrigada pola negativa do Goberno central a lexislar a nivel estatal fronte á pandemia.
O presidente asegurou que coa lei galega “non temos ningún interese en vacinar de forma indiscriminada” e nesa liña di que ofreceu ao Goberno central “unha interpretación” da norma que evitase a súa suspensión, “interpretación” que non foi aceptada.