Feijóo responsabiliza o persoal das residencias de maiores de protexelas da COVID tras preguntar Pontón como as blindará

Feijóo durante a sesión de control á Xunta deste mércores Dominio Público @GrupoPopularGal

O presidente di que os centros galegos se ven menos afectados “grazas a eses traballadores” e non concreta ningunha medida malia asegurar ter “unha proposta”

Máis de medio ano despois do comezo da pandemia de coronavirus, nas residencias de maiores galegas segue a haber contaxios e falecementos, cinco mortes só na xornada do luns comunicada o martes, e 364 desde marzo. Este mércores a portavoz do BNG, Ana Pontón, preguntou expresamente ao presidente Feijóo “que vai facer para blindar as residencias de maiores”. A súa resposta foi que ten “unha proposta”, que non detallou, ao tempo que salientou que Galicia presenta unha menor incidencia do virus nas residencias que outras comunidades “grazas aos traballadores”.

Ana Pontón diríxese a Feijóo nun intre da sesión de control deste 21 de outubro CC-BY-NC-SA BNG

Feijóo evitou citar a DomusVi e referiuse a ela como "esa empresa á que vostede se refire", salientando que a Xunta interveu máis residencias de entidades sociais que privadas

No persoal das residencias puxo o foco Feijóo desde o comezo da súa resposta a Pontón, á que acusou de menosprezar o seu traballo despois de que esta enumerase as cifras de falecidos nos centros máis afectados. Á cabeza deles figuran tres residencias do grupo DomusVi (50 falecidos no centro de Santiago, 32 no de Vigo e 31 no de Cangas), ao que Feijóo se referiu como “esa empresa á que vostede se refire”. O presidente mesmo minimizou a representatividade deses casos salientando que das residencias que a Xunta interveu ata agora “tres son de entidades privadas e cinco de entidades sociais”, insinuando que Pontón estaba acusando a estas últimas de primar o beneficio económico. 

"A min me morreu un pai nunha residencia, non me vai ensinar vostede o sufrimento que iso supón", reprochoulle Feijóo a Pontón

“Deixe de esconderse detrás dos traballadores e traballadoras, temos moi claro que a entrega desas persoas salvou vidas, pero agora o que queremos saber é que vai facer a Xunta”, insistiu Pontón. Feijóo nada detallou nin do que fixo a Xunta ata agora nin do que prevé facer no futuro máis alá de asegurar que a Xunta ten “unha proposta”, por moito que Pontón xa o acusara de “só actuar cando hai contaxios masivos” mentres “acusan á xente nova”. “Quen causa vítimas pola COVID non é a xuventude galega”, sentenciou tamén Pontón na súa intervención.

Pola contra, Feijóo defendeuse recorrendo a un caso persoal: “A min me morreu un pai nunha residencia, non me vai ensinar vostede o sufrimento que iso supón”, dixo, para pedirlle a continuación a Pontón que “non utilicemos a dor da xente para un minuto do Diario de Sesións do que vostede despois se arrepentirá”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.