O Sergas suma nove mortes e 357 positivos da COVID-19, que segue a acelerar nas áreas de Santiago e Vigo

Espazo para a realización de probas PCR dende o coche no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a finais de setembro CC-BY-SA Sergas

Nas primeiras semanas da súa segunda vaga, a evolución da pandemia de coronavirus en Galicia foi semellante á dunha carreira de remudas, toda vez que o empeoramento da situación en concellos ou áreas sanitarias concretas viña cadrando no tempo con melloras significativas noutras contornas, polo que as cifras totais de novos positivos e casos activos eran relativamente estables. Pero esta situación mudou nas últimas semanas. Cando os fortes rebrotes da área de Ourense apenas comezan a remitir, o empeoramento e aceleración do mesmo noutras, especialmente nas de Santiago e Vigo, provocan que a situación xeral se deteriore.

Ata 91 dos novos casos son da área de Santiago-Barbanza e outros 67, da de Ourense, onde a incidencia comeza a descender aos poucos malia seguir sendo moi elevada

Este martes, 20 de outubro, o Servizo Galego de Saúde sumou 357 novos casos do coronavirus correspondentes ás vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, 343 deles detectados mediante probas PCR -cabe deducir que os outros 14 son resultados de test de anticorpos sen síntomas que pasan a computar directamente como "curados", pero a Xunta non o especifica-. Ata 91 deses novos casos son da área sanitaria de Santiago-Barbanza, outros 67 da de Ourense, 63 da área da Coruña-Cee e 48, da de Vigo.

Galicia xa supera os 170 novos positivos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas

Estas cifras contribuirán a que siga á alza a curva da incidencia acumulada a 14 días (novos casos por cada cen mil habitantes) que, cos datos pechados do pasado día 18 -último día con cifras completas-, acada xa para o conxunto de Galicia os 170 positivos. Este indicador sobe con claridade en todas as áreas sanitarias agás a de Ourense, cuxo forte rebrote das semanas previas ofrece sinais de de remisión, se ben a súa incidencia segue por riba dos 450 novos casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o ritmo de incremento é especialmente acusado na área sanitaria de Santiago -onde o Goberno galego ultima novas restricións- e tamén na de Vigo. A incidencia tamén aumenta na área ferrolá, e, cunha intensidade ata agora menor, nas áreas da Coruña e Lugo.

Nove mortes, cinco delas de residencias

Tres dos falecementos notificados son de persoas que viviran na residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar, onde se produciu o brote de máis dun cento de positivos

O empeoramento da situación nas últimas semanas segue traducíndose en falecementos de persoas de avanzada idade, moi especialmente de mulleres e homes que viviran en residencias que rexistraron brotes da COVID-19. Dúas das falecidas, de 94 e 95 anos, morreron no propio centro onde residían, a residencia Os Gozos da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, intervida a pasada semana pola Xunta tras un brote cun máis dun cento de afectados. Tamén vivira nese centro un home de 62 anos que permanecía hospitalizado en Ourense.

Unha muller de 93 anos, procedente da residencia Val de Monterrei, e un home de 95 anos que vivía no centro DomusVi Oleiros tamén morreron coa COVID-19, segundo informou Sanidade. Os outros dous falecementos engadidos ao cómputo, que chega a ás 831 mortes ligadas á pandemia, foron os dun home de 80 anos no CHUVI e unha muller de 73 no complexo hospitalario de Pontevedra.

Continúan, deste xeito, a notificarse falecementos nun contexto no que os casos activos da COVID-19 en Galicia tocan outro máximo da segunda vaga. Son xa 5.215, segundo o informe divulgado pola Xunta con datos pechados á seis da tarde do luns, 114 máis que vinte e catro horas antes. Mentres, as persoas que a Xunta considera como "curadas" chegan xa ás 23.812 (234 máis).

Galicia rolda o 8% de probas PCR positivas, pero os datos son dispares entre áreas e só dúas, Lugo e Ferrol, están na última xornada por baixo do 5% que a OMS sinala como limiar para dar a pandemia por controlada nun territorio

Son as cifras rexistradas nunha xornada na que o número de probas PCR realizadas aínda está influído pola habitual baixada ligada á fin de semana. Foron 4.173 das seis da tarde do domingo á mesma hora do luns e nos últimos tres días a taxa de positividade (porcentaxe de PCR que dan positivo) para o conxunto de Galicia rolda o 8%, por riba do 5% que a OMS sinala como limiar para dar a pandemia por controlada nun territorio.

Non obstante, esta taxa de positividade é dispar en función das áreas sanitarias. Nesas mesmas vinte e catro horas, na área de Santiago-Barbanza superou o 12% e na de Ourense situouse no 8,6%, valor moi semellante ao da Coruña. Mentres, Pontevedra-O Salnés e Vigo roldan o 7%, Lugo apenas supera o 4% e Ferrol queda no 3,91%. Nesta xornada concreta, as áreas lucense e ferrolá serían as únicas por baixo do limiar de control sinalado pola OMS.

Por riba das 300 hospitalizacións por primeira vez dende abril

O empeoramento das últimas semanas, continúase traducindo nun incremento da carga hospitalaria en Galicia. Por primeira vez na segunda vaga e tamén por primeira vez co actual protocolo de datos -en vigor dende o 11 de maio-, o país encadea dous días seguidos con máis de 300 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19. Delas, 277 están en unidades ordinarias de hospitalización (once máis que un día antes) e 47, na UCI (unha máis).

Segundo datos do Sergas, a área con maior hospitalización ligada á pandemia segue sendo, en termos absolutos, a de Ourense, con 123 persoas ingresadas entre unidades ordinarias e UCI. Séguea a área da Coruña-Cee, con 60 pacientes e a continuación sitúanse Santiago, con case medio centenar, e Vigo, algo por baixo dos 40. Estas cifras, segundo o Ministerio de Sanidade, implicaban este 19 de outubro unha ocupación hospitalaria do 3,95% das camas dispoñibles en Galicia con pacientes co coronavirus -a media estatal supera un chisco o 10%- e un 7,29% das UCI, fronte case ao 40% do dato estatal. Ambos indicadores son dos máis baixos do Estado.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.