O vindeiro martes 22 celebrarase o primeiro pleno ordinario do Parlamento galego nesta nova lexislatura, sete meses despois do último, celebrado o pasado mes de febreiro. Nesta sesión a primeira votación será a promovida polo BNG para crear unha comisión de investigación sobre a xestión da COVID-19 nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, unha iniciativa que o PSdeG apoiará e que o PP xa adiantou que rexeitará, o que impedirá a súa creación.
A plataforma sinala que "non molestarse tan sequera en investigar o por que destas mortes evitábeis é un insulto e un desprezo para as vítimas"
Nacionalistas e socialistas demandaran xa na primavera a posta en marcha dunha investigación sobre a xestión levada a cabo nestes centros, nos que se produciron ao redor de 300 falecementos, máis do 44% de todas as mortes ocasionadas polo coronavirus en Galicia. Así mesmo, os dous partidos da oposición levan semanas advertindo que a situación das residencias será a súa prioridade no arranque da nova lexislatura.
En consecuencia BNG e PSdeG reaccionaron con duras críticas á negativa do PP a permitir a creación desta comisión de investigación, unhas críticas que tamén chegaron este martes dende REDE, a Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarios de Residencias e da Dependencia. A plataforma leva igualmente meses reclamando unha investigación a todos os niveis -político e xudicial- do sucedido nestas instalacións.
"O presidente Feijóo non debería ser tan covarde, debería dar a cara, xa que a Xunta ten responsabilidade directa en parte deses sufrimentos", afirma REDE
A plataforma sinala que "non molestarse tan sequera en investigar o por que destas mortes evitábeis é un insulto e un desprezo para as vítimas". "A negativa do Grupo Popular propiciará dar máis paus de cego na xestión da presente e futuras ondas da enfermidade e impedirá implementar protocolos e medidas acertadas para protexer aos nosos maiores", engade a entidade presidida por Paulino Campos, que fai fincapé en que a investigación podería tamén atopar "todo o que se fixo ben, xa que en moitas residencias non houbo mortes nin contaxios".
"Esa comisión debera analizar todo o que se fixo mal, tanto por parte da administración como das xestoras das residencias, particularmente nos 45 centros de persoas maiores e dependentes afectados polas defuncións. Unha análise que debera contemplar por que o 99,6% dos falecementos oficias pola covid se deron coa xestión privada nos xeriátricos", subliña REDE. "O desastre absoluto doutras autonomías non pode agochar as cifras horrorosas do país galego", engade.
"O presidente Feijóo non debería ser tan covarde, debería dar a cara, xa que a Xunta ten responsabilidade directa en parte deses sufrimentos, pola inacción ante as denuncias dos familiares e traballadoras e a conivencia coas empresas xestoras dos xeriátricos", denuncia a entidade.
"Froito da non investigación, do non recoñecemento de erros e de insistir neles, estamos agora nunha segunda onda con centos de contaxiados e camiño dos 40 mortos", denuncia a plataforma
REDE alerta de que a falta de investigación sobre o sucedido está a provocar o regreso dos contaxios e as mortes en moitas residencias do país, que se están a ver afectadas de forma moi importante pola segunda vaga da pandemia, especialmente nos casos do centro de DomusVi en Outeiro de Rei e da residencia do Incio, con máis dun cento de contaxios en cada un. "Froito da non investigación, do non recoñecemento de erros e de insistir neles, estamos agora nunha segunda onda con centos de contaxiados e camiño dos 40 mortos, e novamente DomusVi e a Fundación San Rosendo e os seus incumprimentos en materia de persoal, hixiene e outras, no centro do problema. E novamente a Xunta escondendo a cabeza, non actuando e non sancionando", denuncia a plataforma.
"O incumprimento sistemático do número de persoal impediu facer desinfeccións e limpezas adecuadas. As traballadoras están depauperadas e esgotadas, non dan máis de si, psíquica e fisicamente", critica REDE
REDE pon o foco, unha vez máis, na falta de persoal nas residencias privadas, na falta de medios para os traballadores e traballadoras e na ausencia de control por parte do Goberno galego. "Os numerosos casos de novas infeccións nas residencias, agora no verán, son froito desta desalentadora situación da que partiamos e que nin moito menos corriximos. O incumprimento sistemático do número de persoal impediu facer desinfeccións e limpezas adecuadas. As traballadoras están depauperadas e esgotadas, non dan máis de si, psíquica e fisicamente", critica.
A plataforma conclúe que "non se pode esconder a cabeza e pasar páxina sobre 300 cadáveres que falan a través dos seus familiares, que necesitan as explicacións concretas do acontecido". "O obxectivo da transparencia e da hixiene democrática de novo fica de xeonllos ante os intereses privados e opacos", remata.