O BNG evidencia o seu novo peso parlamentario solicitando unha comisión de investigación e o PSdeG o debate dunha de seguimento
99 persoas usuarias positivas en coronavirus en tres residencias de maiores distintas (87 no Incio, 11 en Culleredo e unha en Lalín). Esa é última cifra oficial da Xunta a respecto do rebrote da pandemia nese tipo de centros tras lograr reducir a cero os casos durante o confinamento e parar unha cifra de falecementos nese colectivo que chega agora a 278. Neste contexto BNG e PSdeG veñen de situar as residencias de maiores como a súa prioridade no arranque da nova lexislatura, con peticións de creación no Parlamento de comisións específicas de investigación -o BNG- ou seguimento -o PSdeG- que á súa vez reflicten o novo peso das dúas formacións.
O mércores 19 de agosto a Xunta informaba da detección un día antes dun caso de positivo por coronavirus entre o persoal da residencia de maiores do Incio rexentada pola Fundación San Rosendo. Un día despois, o xoves, comunicábase ao mediodía o positivo de 65 persoas residentes e pola tarde a intervención da residencia por parte da Xunta, que ao día seguinte corrixía por un “erro” o número de casos entre os residentes rebaixándoos a 57, ademais de 8 traballadores. E coa residencia intervida pola Xunta desde o xoves pola tarde, cinco días despois, este martes, segundo os datos divulgados polo Sergas o mércores, sumábanse 31 casos positivos máis entre as persoas usuarias, para un total de 87 residentes e 26 traballadores e traballadoras.
Sobre o brote na residencia do Incio Feijóo di que no caso dalgún residente “preocupa non por dar positivo senón polas súas patoloxías previas e a súa idade”
O presidente Feijóo foi preguntado expresamente pola situación na residencia do Incio na súa comparecencia deste mércores, pero a súa resposta limitouse a restar gravidade ao caso dicindo que é un brote “numeroso” pero que a maioría das persoas afectadas “non revisten unha preocupación asistencial máxima”, poñendo o foco en que algún caso “preocupa non por dar positivo senón polas súas patoloxías previas e a súa idade”. Sobre a actuación da Xunta desde que interveu o centro limitouse a dicir que acometera “un reforzo” das visitas sanitarias e do persoal.
Para que un grupo poda pedir en solitario unha comisión de investigación ten que ter cando menos 15 escanos, algo que agora cumpre o BNG, con 19, pero para que a comisión se cree de xeito automático deben pedila cando menos 30 deputados, o que só lograría sumando os do PSdeG
Con esta situación, este mércores os grupos parlamentarios de BNG e PSdeG reuníronse con familiares de persoas residentes en centros de maiores. Tras o encontro, os nacionalistas informaron de que viñan de presentar formalmente no Parlamento unha petición de creación dunha comisión de investigación política “sobre a xestión da pandemia da COVID-19 nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade de Galiza”. Unha petición que por si soa evidencia o novo peso político dos nacionalistas na Cámara.
Tras a súa reforma en 2015, o Regulamento do Parlamento contempla que para poder sequera propoñer formalmente a creación dunha comisión de investigación a iniciativa debe partir “de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados” da Cámara. Isto é, para que un grupo poda pedir en solitario unha comisión ten que ter cando menos 15 escanos, situación que na pasada lexislatura só tiña o PP pero nesta tamén o BNG, con 19 (non así o PSdeG, con 14), que agora a emprega evidenciando a súa nova fortaleza. Porén, a petición do BNG só forza o debate da súa iniciativa, que poderá ser bloqueada pola maioría absoluta do PP.
A mesma reforma do Regulamento de 2015 abriu a porta a que, malia a maioría absoluta do grupo que sustente ao Goberno, que adoita tombar as iniciativas de todo tipo da oposición, esta poida forzar por si soa unha única comisión de investigación por lexislatura. Pero para iso a propia proposta de creación da comisión, como a que este mércores presentou o BNG en solitario, ten que ser solicitada conxuntamente por máis deputados e deputadas que os que teñen os nacionalistas.
O Regulamento di que “poderase crear de xeito automático unha única comisión de investigación por lexislatura de o solicitaren un terzo [25] dos deputados e das deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes [30] dos deputados e das deputadas”. Isto é, os 33 deputados que suman BNG e PSdeG terían que pedir de forma conxunta a comisión de investigación para que esta se crease “de xeito automático”, gastando así esa “única” posibilidade de impoñerse fronte á maioría absoluta do PP.
O 12 de agosto, só cinco días despois de constituírse o Parlamento, o PSdeG presentaba a primeira proposición non de lei da lexislatura pedindo unha comisión de seguimento sobre a pandemia
De momento, o BNG evidencia o seu novo peso parlamentario forzando en solitario cando menos o debate da súa propia iniciativa, ao tempo que o PSdeG, cuxos 14 deputados non llo permiten, adiantábase o pasado 12 de agosto, só catro días despois de constituírse o Parlamento o venres 7, rexistrando a primeira proposición non de lei (PNL) da nova lexislatura, un tipo de iniciativa coa que forzar un debate político para que o PP tome posición sobre a creación dunha “comisión parlamentaria de seguimento da pandemia na que se reciba información específica, o Goberno poida comparecer para o tratamento de cuestións específicas sobre a pandemia e poidan ser debatidas propostas e posibles acordos para a mellora da situación”.