A xornada inaugural de cada lexislatura, a constitución do Parlamento, adoita ter un aquel festivo. Apertas entre vellos coñecidos, encontros de quen se estrean ou fotografías con persoas convidadas dan ao primeiro pleno de cada mandato un aire diferente. Pero o Pazo do Hórreo deste 7 de agosto pouco tivo que ver co doutros inicios: os paneis de seguridade entre os escanos, a tribuna do público baleira e omnipresenza das máscaras ou dos frascos de xel lembraron en todo momento o que se presenta como gran tema da undécima lexislatura, a pandemia do coronavirus.
Este primeiro pleno deixa tamén tras de si, malia todo, os primeiros sinais políticos da lexislatura a comezar polo que seguirá sendo grupo que sustenta o Goberno. O PP, coa cómoda maioría absoluta de 42 escanos -un máis- esperou ata literalmente o último minuto para confirmar que Alberto Núñez Feijóo mantén o veterano, ourensán e baltarista Miguel Santalices como presidente da Cámara, posto que ocupa dende 2016, na recta final da novena lexislatura. Tras o cuarto triunfo consecutivo, os populares rebaixaron ao mínimo o pulso político nas últimas semanas.
Santalices recunca na Presidencia da Cámara nunha Mesa na que tamén repite Diego Calvo e na que Feijóo incorpora a Corina Porro, que como a lucense Elena Candia fican fóra do reparto de postos na Xunta
Ao carón de Santalices na Mesa do lexislativo segue na vicepresidencia un representante doutra familia do partido, Diego Calvo, herdeiro político de Carlos Negreira que chegou ao posto por primeira vez hai catro anos e que, tras os bos resultados do 12X na provincia coruñesa, onde preside o PP, seguirá afastado dos postos do Goberno galego. O terceiro posto do PP na Mesa, a secretaría, entrégallo Feijóo a Corina Porro, que ao asumir o enésimo posto do seu currículo non retornará á delegación da Xunta en Vigo, onde foi situada en 2019 coa encomenda de reconstruír o PP da cidade.
Calvo e Porro non tocarán Goberno e tampouco o fará Elena Candia, cabeza de lista do PP de Lugo. A ex-alcaldesa de Mondoñedo sae de vez das quinielas para ser conselleira tras confirmar a dirección do partido que a incorpora como vicevoceira parlamentaria, responsabilidade compartida con Miguel Tellado e Paula Prado -vicevoceiros no anterior mandato- no grupo que seguirá dirixindo Pedro Puy.
O BNG comeza a exercer como primeira forza da oposición situando a Montse Prado na vicepresidencia segunda da Mesa e co agora amplo grupo liderado por Ana Pontón nos escanos nos que se situara o PSdeG dende 2005
Alén da continuidade salpicada das devanditas recolocacións de pezas nas filas populares, a constitución do undécimo Parlamento fixo visible tamén a nova situación da esquerda parlamentaria, que oito anos despois volve estar composta por só dous grupos. O BNG, primeira forza da oposición con 19 escanos, foi tamén protagonista circunstancial dos primeiros minutos da lexislatura por seren seus o deputado máis vello -Xosé Luís Rivas, Mini- e os dous máis mozos -Daniel Castro e Paulo Ríos-, aos que lles correspondeu constituíren a Mesa de Idade. Castro, mariñao de 24 anos, estreouse como deputado máis mozo vestindo unha chaqueta de traballo da factoría de Alcoa San Cibrao, cuxo persoal se manifestou no exterior do recinto parlamentario.
A condición de segunda forza outórgalle ao BNG a vicepresidencia segunda da Mesa, para a que foi designada Montse Prado. Tamén a parte do hemiciclo que ocupara o PSdeG ininterrompidamente dende a última etapa en que estivo liderado polo ex-presidente Emilio Pérez Touriño, a partir de 2005. Dende alí, Ana Pontón proponse exercer como líder da oposición á fronte dun grupo que triplica amplamente a súa dimensión -de 6 a 19 escanos-, cuxos membros principiaron a lexislatura portando caraveis e exemplares do Sempre en Galiza (como é tradición na formación) e prometendo o cargo "por imperativo legal" e co propósito de "ser fiel a Galiza e defender os intereses nacionais e sociais das galegas e galegos e a súa liberdade".
Caballero, que anuncia "catro anos de traballo ao servizo de Galicia", ten inevitablemente como primeira materia da lexislatura a recomposición interna
O quinto posto da Mesa, aínda que aritmeticamente correspondería ao Bloque, foi para o PSdeG en virtude dun acordo entre ambas forzas. A ourensá Marina Ortega representa como vicesecretaria no órgano reitor da Cámara a un Grupo Socialista que portou rosas e que ten a mesma dimensión que nos últimos catro anos, 14 escanos, aínda que politicamente magoado polo resultado do 12X, lonxe das expectativas marcadas polo equipo de Gonzalo Caballero cando asumiu a secretaría xeral. Caballero, que anuncia "catro anos de traballo ao servizo de Galicia", ten inevitablemente como primeira materia da lexislatura a recomposición interna, sen ben advirte que a súa prioridade será "que ninguén quede atrás" na crise que vén.
Con estas posicións de partidas principia unha lexislatura que Santalices inaugurou cun "discurso estilo ourensanía", ironizou. Fíxoo tamén defendendo a necesidade de tomar medidas fronte aos contaxios da COVID-19 no Parlamento "por prudencia", pero tamén para "trasladar unha mensaxe á cidadanía".
"Poucas persoas pode haber que lle queiran tanto ao Parlamento", repetiu sobre si mesmo Santalices (como xa dixera catro anos atrás) no comezo da súa sétima lexislatura como deputado, veteranía dende a que recomendou aos debutantes que teñan en conta que "callan os discursos que teñen contido e argumentación sólida" máis que a "estridencia". Agora do que se trata, concluíu antes de dar paso a un minuto de silencio polas vítimas da pandemia e á reprodución dunha gravación do himno galego, é "de estar á altura da confianza" do electorado.