Os populares comprometeran para 2018 as leis de impulso demográfico e do xogo, aínda pendentes, e deixan de prever as de emprego e patrimonio, anunciadas para 2017
Os comicios do 12 de xullo elixiron os 75 deputados e deputadas do Parlamento de Galicia que teñen como principal cometido, máis alá de designar o presidente da Xunta, aprobar leis. A maioría absoluta coa que conta o PP garántelle poder facelo sen contar con ningún outro partido, pero malia que iso xa viña sucedendo os populares non foron quen de aprobar aínda cando menos oito leis que anunciaran para a anterior X Lexislatura e que volveron incluír no programa electoral para a XI Lexislatura que agora comeza, ás que suman promesas doutras 11 novas normas.
Entre as leis aínda pendentes están a de impulso demográfico e a do xogo que o propio Feijóo se comprometera a aprobar en 2018. Porén, non foi así e a pasada lexislatura rematou como a de menor produción lexislativa da historia da autonomía con só 22 leis, 18 se non se contan as leis de acompañamento dos orzamentos, ao tempo que a Xunta impulsou a través desas últimas a modificación doutras 59 normas distintas.
A pasada lexislatura foi a de menor produción lexislativa da autonomía, con só 22 leis
En 2017 e 2018, obrigada por unha lei estatal, a Xunta fixo públicas as súas previsións de leis a remitir cada ano ao Parlamento para a súa aprobación, o denominado Plan Anual Normativo, do que en 2017 só foi quen de aprobar cinco das 11 anunciadas e en 2018 dúas das 12, ademais de quedarlle aínda cinco pendentes do ano anterior. Despois, deixou de ser obrigatorio facer público ese Plan Anual Normativo e a Xunta limitouse a ir anunciando leis puntuais, como a de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, cuxa entrada no Parlamento comprometeu para novembro de 2019 pero nunca se produciu.
Na Cámara si chegaron a entrar outras cinco leis que quedaron a medio tramitar pola decisión de Feijóo de disolvela en febreiro e convocar eleccións. O programa electoral volve prometer esas normas pendentes sobre ordenación do territorio, residuos e solos contaminados, pesca continental, museos e acción exterior e cooperación.
Xunto con eses anuncios incumpridos agora recuperados, o programa electoral do PP para a nova lexislatura incorpora cando menos outras 11 novas normas, algunhas reformulación doutras xa existentes, que promete desenvolver de xeito expreso co rango de nova lei -outras medidas do programa tamén poderían requirilo pero non se prometen expresamente co rango de lei-. Porén, no programa deixan de aparecer referencias explícitas á aprobación de novas leis de emprego e patrimonio, prometidas no Plan Normativo para 2017. Esta é a situación lexislativa:
Leis no programa electoral xa anunciadas e aínda non aprobadas
- Lei de impulso demográfico (prevista no Plan Normativo para 2018)
- Lei do xogo de Galicia (prevista no Plan Normativo para 2018)
- Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia (anunciada a súa entrada no Parlamento en 2019 pero non foi así)
- Lei de ordenación do territorio (non rematou a tramitación parlamentaria)
- Lei de residuos e solos contaminados (non rematou a tramitación parlamentaria)
- Lei de pesca continental de Galicia (non rematou a tramitación parlamentaria)
- Lei de museos (non rematou a tramitación parlamentaria)
- Lei de acción exterior e cooperación de Galicia (non rematou a tramitación parlamentaria)
Novas leis prometidas no programa electoral
- Lei de xestión das dexeccións gandeiras
- Lei de prevención e extinción de incendios forestais
- Lei de desenvolvemento da “Galicia Intelixente”
- Lei de arquitectura de Galicia
- Lei de avaliación ambiental de plans, programas e proxectos
- Lei de calidade alimentaria
- Lei de infancia e adolescencia
- Lei de inclusión e accesibilidade na cultura
- Lei de transformación dixital da cultura galega
- Lei de mecenado
- "Modificación" da Lei galega de colexios profesionais
Leis prometidas para 2017 e novamente para 2018 aínda non aprobadas e que xa non están no programa electoral
- Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia
- Lei de emprego
Leis prometidas para 2017 xa aprobadas e data
- Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía
- Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais
- Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
- Lei 8/2017, do 26 de decembro, de Orzamentos para 2018
- Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas
- Fóra de prazo: Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
- Fóra de prazo: Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia
- Fóra de prazo: Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia
- Fóra de prazo: Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia
Leis prometidas para 2018 xa aprobadas e data
- Lei 2/2018 de Orzamentos para 2019
- Fora de prazo: Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia
- Fóra de prazo: Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario
- Fóra de prazo: Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia
Leis aprobadas en 2017, 2018 e 2019 sen que fosen previstas pola Xunta
- Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2017)
- Lei 3/2017, do 13 de xullo, de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social (impulsada polo grupo do PP, non pola Xunta)
- Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica (impulsada por unha iniciativa lexislativa popular, non pola Xunta)
- Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2018)
- Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
- Lei 3/2018 de medidas fiscais e administrativa (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2019)
- Lei 2/2019, do 9 de maio, pola que se concede un suplemento de crédito para o reforzo de actuacións prioritarias para o ano 2019