As negociacións sobre o futuro da planta de San Cibrao, bloqueadas tras a negativa de Alcoa a participar en dúas xuntanzas

Os traballadores de Alcoa levan varios días mobilizados para presionar na procura dun acordo © Olalla Rodil

Este xoves estaba chamada a ser unha xornada decisiva para coñecer o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao e dos 534 postos de traballo afectados polo ERE presentado pola empresa. Os representantes da multinacional norteamericana estaban citados ás 10 da mañá nun hotel da cidade de Lugo para continuar as negociacións co persoal. Porén, finalmente non se presentaron á xuntanza, alegando que foran recibidos con lanzamento de ovos e protestas por parte dos traballadores concentrados nas proximidades do lugar.

Os representantes de Alcoa non se presentaron á xuntanza, alegando que foran recibidos con lanzamento de ovos e protestas por parte dos traballadores concentrados

Era xa a segunda xuntanza consecutiva á que os representantes de Alcoa se negaban a acudir, despois de non participar no encontro que tivera lugar o mércores pola noite e no que estaban citados xunto coa Xunta de Galicia, a empresa interesada en adquirir a planta de San Cibrao (Liberty House) e cos asesores dos sindicatos, que ían participar de forma telemática. Paradoxalmente, Alcoa explicou que non podía asistir a esta xuntanza porque aínda estaba en negociacións co comité de empresa para tratar a resolución do ERE, precisamente o encontro ao que non acudiron unhas horas despois.

Alcoa tampouco asistira o mércores pola noite ao encontro coa Xunta e Liberty House, o grupo interesado en adquirir a planta

Os representantes dos traballadores fixeron varios chamamentos ao longo do día para que Alcoa se reincorporase ás negociacións para pechar o período de consultas do ERE e "tentar acadar un acordo", convidando á compañía a que fixe "data e lugar" para unha nova reunión. Porén, a única proposta por parte da multinacional norteamericana foi manter esta xuntanza de forma telemática, a través do intercambio de documentos vía fax, escáner ou por videoconferencia.

Traballadores de Alcoa durmindo no lugar no que tiveron lugar as maratonianas xuntanzas © Rebelion Aluminio

Alcoa afirma que é "inviable" chegar a unha "solución acordada", acusando os traballadores de ter rexeitado as dúas alternativas presentadas, que pasan en ambos os dous casos pola paralización das cubas da factoría, aínda que unha delas abriría a posibilidade de mudar o ERE por un ERTE de dous anos. O persoal négase a este parado das cubas, polo enorme custo que implicaría o volvelas poñer en funcionamento, o que dificultaría moito calquera posibilidade de venda.

Alcoa afirma que é "inviable" chegar a unha "solución acordada". O comité de empresa propón que se prorrogue o período de consultas durante seis semanas máis para facilitar a venda a Liberty

A multinacional denuncia que un grupo de traballadores "impediron o seu acceso con intimidación e violencia", no que cualifica como "graves incidentes". Mentres, o comité de empresa acusa a Alcoa de "facerse as vítimas", cunha reacción "esaxerada" e "sobreactuada" coa que buscan xustificar a súa negativa a continuar as negociacións. O presidente do Comité de empresa salientou que non se pode comparar a importancia dun ovo guindado a un autobús "cun despedimento colectivo".

O comité de empresa propón que se prorrogue o período de consultas durante seis semanas máis, buscando así facilitar a venda do complexo industrial de San Cibrao ao grupo británico Liberty House, interesado en mercar tanto a planta de aluminio coma a de alúmina. Con todo, Liberty, que tamén se puxo en contacto en varias ocasións con Alcoa, esixe que as cubas estean en funcionamento

O comité de Alcoa fixo un chamamento á Xunta de Galicia e ao Goberno central para que non os "deixen sós"

O comité de Alcoa fixo un chamamento á Xunta de Galicia e ao Goberno central para que non os "deixen sós". Este venres, os traballadores protestarán en Compostela ante a sede do Parlamento galego, a partir das 10 de mañá, coincidindo coa sesión constitutiva da Cámara. Alí esixirán o apoio dos deputados e deputadas electas e das tres forzas políticas con representación parlamentaria. E pediranlles que fagan presión ante Alcoa para que a multinacional abra o proceso de venda a Liberty House e renuncie a parar as cubas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.