O tempo corre en contra do persoal da planta de Alcoa en San Cibrao. Este martes finalizaba o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego presentado pola multinacional norteamericana e que afecta a 534 traballadores. E as primeiras horas de xuntanza non amosaron un achegamento das posicións, manténdose inflexible a compañía no seu desexo de parar as cubas da factoría, unha medida que o persoal rexeita de pleno, pola dificultade de implica e polo obstáculo que suporía para unha posible venda.
Os traballadores destacan a "solvencia" da proposta de compra de Liberty
Precisamente a presenza dun comprador interesado en adquirir a factoría -Liberty House Group- reafirma a negativa dos traballadores a aceptar a hibernación das cubas e abre unha porta de esperanza para eles. Este luns pola tarde representantes do persoal e de Liberty mantiveron un encontro do que os traballadores saíron destacando a "solvencia" da proposta do posible comprador, un proxecto "con ganas de seguir facendo aluminio primario en España", sinalou o comité de empresa de San Cibrao.

"O único que están facendo é torpedear ese proceso de venda, porque o único que queren é parar as cubas"
Notas positivas que contrastaron coa "xuntanza bastante tensa" (en palabras dos traballadores) mantida este martes pola mañá coa propia Alcoa. En declaracións aos medios de comunicación, o presidente do comité de empresa de San Cibrao, José Antonio Zan, acusou á multinacional de "torpedear" a posobre venda da factoría a Liberty. "O único que están facendo é torpedear ese proceso de venda, porque o único que queren é parar as cubas", dixo, engadindo que "estes señores están montando un proceso fraudulento",
Zan defendeu unha vez máis que as cubas non deben ser detidas, explicando que na xuntanza "demostramos que tecnicamente a parada ordenada das cubas é moi difícil, por non dicir case imposible, e que non poden asegurar que se poida levar a cabo. Polo tanto, iso obrigaría a facer unha parada non ordenada que faría inviable un proceso de venda".
Os traballadores esíxenlle ao Goberno central que "lidere este proceso e paralice o ERE"
O Comité de Empresa lembrou que "a propia Xunta" lle esixe a Alcoa que deteña o ERE e sente a falar cos traballadores, con Liberty e co Goberno central. E ao Executivo Central o persoal esíxelle que "lidere este proceso e paralice o ERE". "O Estado regaloulles hai trinta anos unha fábrica que estaba funcionando ao 100% e non a poden deixar tirada no chan e desguazada. Téñena que deixar como a atoparon: funcionando ao 100% e con viabilidade para que outros, se queren operar con ela, poidan facelo", dixo José Antonio Zan, que concluíu que "o que non se pode permitir é que veñan uns cuatreros a desfacer a industria deste país".
"O que non se pode permitir é que veñan uns cuatreros a desfacer a industria deste país", dixo o presidente do Comité de Empresa
"Imos seguir loitando e de aquí non nos imos mover ata que consigamos unha solución", pechou Zan a súa intervención, xusto antes de iniciar unha nova xuntanza con representantes de Alcoa.
Este luns o conselleiro de Economía, Francisco Conde instou a Alcoa a que retire o ERE, outorgando o tempo necesario para facer efectiva esta operación de compra-venda e tamén reclamou ao Goberno central un novo "marco eléctrico que dea viabilidade á planta”.
De igual xeito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu unha carta ás ministras para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e de Industria, Comercio e Turismo. Neste texto, a Xunta insta ao Goberno central "a adoptar solucións enerxéticas inmediatas" que garantan a actividade da fábrica. “A viabilidade da planta de aluminio pasa necesariamente por dispoñer de forma inmediata dun prezo eléctrico competitivo, polo menos ata que poidamos garantir a viabilidade a medio prazo”, dixo Núñez Feijóo.