A Mariña eleva o ton nas protestas contra o despedimento colectivo anunciado en Alcoa. A folga que o persoal leva a cabo acadou un seguimento "do 100% neste mércores, que amenceu coa corte da vía férrea que transcorre pola fábrica, barricadas e a queima do cartel que a multinacional ten na entrada da factoría en San Cibrao. Algo máis tarde, a uns 200 quilómetros e ante a sede compostelá da Xunta en San Caetano, centos de traballadores clamaron por unha "intervención" e esixiron a Feijóo que "apoie" esta medida para evitar os despidos.
A folga ten un seguimento do 100% en Alcoa e foi apoiada tamén por comerciantes da comarca e algúns Concellos
A folga do 100% abrangueu non só o persoal das fábricas de aluminio e alúmina, senón tamén os das auxiliares, ademais de recibir o apoio de moitos establecementos comerciais da Mariña que decidiron tamén pechar as súas portas. Mesmo Concellos como os de Viveiro, Cervo ou Xove tamén se sumaron a este paro co que os traballadores buscan presionar as administracións para que consigan axiña unha solución.
Así, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, instou o Goberno central a "tomar nota e facer o seu traballo". "Xa estamos fartos de ter que saír á rúa para defender o que é bo para a comarca e para España", dixo quen logo, na concentración ante a Xunta, asegurou que "se a ministra [de Industria, Reyes Maroto] non ten afouteza para intervir a fábrica, intervirémola os obreiros".
"Se a ministra [de Industria, Reyes Maroto] non ten afouteza para intervir a fábrica, intervirémola os obreiros", advirte o comité
Nesa mobilización, o persoal de Alcoa cargou contra a Xunta, aludindo directamente nas súas consignas a Feijóo, pedíndolle que "apoie a intervención", ademais de volver preguntarse polo estatuto electrointensivo. Todo, nunha protesta na que se tiraron petardos, ovos, pintura ou fariña contra as instalacións de San Caetano e algúns dos axentes antidisturbios despregados, ademais de queimarse bonecos que advertían nos seus lemas de que "sen industria non hai futuro".
Á protesta asistiron representantes políticos de BNG, Galicia en Común ou Marea Galeguista, así como líderes sindicais. Todo nunha xornada na que o persoal de Alcoa se reúne co conselleiro de Economía, Francisco Conde, un día antes dunha nova xuntanza coa empresa dentro do proceso formal de negociación do ERE, que remata o vindeiro 24 de xullo. Desde os traballadores xa advirten de que seguirán "loitando e defendendo o emprego ata o final".
O conselleiro Conde di que Sánchez e Yolanda Díaz queren "pechar a empresa e mandar as familias ao paro"
A candidata á presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, advertiu de que "Alcoa non se pode deixar caer" e asegurou que o Bloque "ten a vontade política que lle falta a PP e PSOE para nacionalizar e salvar a factoría”. Así, a portavoz nacional da formación nacionalista avogou por unha "intervención poública" da fábrica, "como fai Alemaña con Lufthansa e Portugal coa TAP, así como a creación dunha "tarifa eléctrica galega".
Pola súa banda, o conselleiro Conde acusou a Pedro Sánchez e ás ministras Yolanda Díaz e Teresa Ribera de ter "como único obxectivo" que se deixe de producir aluminio en Galicia". "Os tres teiman en pechar a empresa e mandar as familias ao paro", di quen cre que "falar de nacionalizar é intentar confrontar".