O Fondo de Reserva aprobado este venres terá continuidade na aprobación "nas vindeiras semanas" do estatuto electrointensivo, dixo María Jesús Montero
O Goberno central aprobou este venres a creación dun Fondo de Reserva de Garantía, dotado con 600 millóns de euros, para que grandes consumidores electrointensivos poidan subscribir contratos de compra-venda de enerxía a medio e longo prazo. Esta medida, consistente en avais que permitirán a contratación de enerxía renovable a prezos máis reducidos, está pensada para empresas como Alcoa e que chega no marco do proceso que vive a factoría de aluminio de San Cibrao, que esta semana iniciou o proceso para a presentación dun ERE.
Na presentación do Fondo de Reserva, a portavoz do Goberno central, María Jesús Montero, anunciou que este é tan só un "primeiro paso", que terá continuidade na aprobación "nas vindeiras semanas" do estatuto electrointensivo, que se atopa "na última fase de tramitación". Este Estatuto do Consumidor Electrointensivo é demandado polos sindicatos como unha medida imprescindible para tentar salvar os postos de traballo da factoría da Mariña lucense. De feito, a Secretaría de Estado de Enerxía concretou que espera que se aprobe o Estatuto de Consumidor Electrointensivo antes do remate do verán, xa que "se tramitará de modo urxente a través do Consello de Estado".
A Secretaría de Estado de Enerxía espera que se aprobe el Estatuto antes do remate do verán, xa que "se tramitará de modo urxente a través do Consello de Estado"
Mentres o Executivo aprobaba esta medida, en Lugo o candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometíase ante os alcaldes socialistas da Mariña a estudar a intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao como vía para salvar os postos de traballo. “Se a intervención pública é necesaria, comprométome como presidente da Xunta a contribuír co goberno de España para intervir a factoría”, dixo Caballero, que engadiu que o obxectivo é “darlle viabilidade e garantir que unha empresa estratéxica para o sector do aluminio en España non se peche polos intereses dunha multinacional".
“Se Alcoa quere quedar terá un goberno amigo en Madrid e Santiago, e se non quere manter o proxecto en San Cibrao, deberá abrir as portas a novos inversores con proxectos solventes, como os dous inversores que xa teñen amosado interese e capacidade para darlle viabilidade”, afirmou o líder dos socialistas galegos.
Caballero cargou contra Núñez Feijóo, do que dixo que durante 11 anos de goberno “non fixo política industrial en Galicia e non aportou solucións ás necesidades da industria galega”
"O que non pode é pechar as portas a posibles competidores que poden producir aluminio de forma competitiva en San Cibrao. Polo tanto, obrigaremos a que abra as portas a ceder as instalacións a proxectos que garantan a viabilidade da empresa”, sinalou. Así mesmo, engadiu que se Alcoa quere marchar, “terá que facer fronte ás indemnizacións por abandonar a planta e cumprir cos requirimentos medioambientais pola cuestión dos lodos".
Gonzalo Caballero tamén se referiu ao Fondo de Reserva aprobado, que cualificou como “un avance fundamental para camiñar de cara a un novo estatuto do consumidor electrointensivo”. Ademais, cargou contra Núñez Feijóo, do que dixo que durante 11 anos de goberno “non fixo política industrial en Galicia e non aportou solucións ás necesidades da industria galega”. “Cómpre un presidente con capacidade e coñecemento económico para afrontar a folla de ruta da reconstrución do noso país”, concluíu.
Un goberno "comprometido" co benestar e os servizos públicos
“Estamos preparados e listos para darlle a Galicia o 12X un goberno comprometido coas políticas de benestar, a defensa dos servizos públicos e unha nova política económica e industrial para a reconstrución”, dixo Caballero
Finalmente, o candidato socialista á presidencia da Xunta dixo neste primeiro día de campaña electoral que o PSdeG vai “encher Galicia de propostas, proxectos e ilusión socialista". "Imos encher o país da cor vermella”, engadiu. Caballero afirmou que Galicia “xoga o futuro entre o proxecto esgotado no tempo e nas ideas” que representa o PP e o “proxecto progresista e con forza do PSdeG, que garante o único cambio posible para Galicia”.
"Os socialistas galegos", rematou, “estamos preparados e listos para darlle a Galicia o 12X un goberno comprometido coas políticas de benestar, a defensa dos servizos públicos e unha nova política económica e industrial para a reconstrución”.
Manifestación na Coruña, este sábado
A Coruña acollerá este sábado unha manifestación en defensa da industria electrointensiva. A marcha, que partirá ás 12 horas da Delegación do Goberno, busca chamar a atención sobre a "situación crítica" que viven Alu Ibérica e Alcoa San Cibrao.
A marcha busca chamar a atención sobre a "situación crítica" que viven Alu Ibérica e Alcoa San Cibrao
"Ante esta situación é lamentable a innacción da Xunta de Galicia, que só parece interesada destes conflictos para facer oposición contra o goberno estatal. A Xunta ten competencias en industria e en enerxía, polo que ten que traballar en común", afirmou Victor Ledo, secretario xeral da Federación de Industria de CCOO de Galicia, na presentación da mobilización.
Na rolda de prensa Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, salientou que "o aluminio é estratéxico para a economía do país" polo que "xa é tempo de que das administracións interveñan para resolver definitivamente a situación de risco que permanentememte padecen as empresas do aluminio".