Alcoa insiste na inviabilidade da planta de aluminio pero o comité confía nas propostas de Xunta e Estado

Manifestación contra os despedimentos en Alcoa, en Viveiro CC-BY-SA CCOO-Galicia

Alcoa teima no despedimento colectivo dos 534 traballadores en Alcoa-San Cibrao, insiste en que o aluminio non ten futuro e mesmo se nega a valorar unha venda da planta. Así de contundente se amosou a multinacional logo da reunión telemática que este martes mantiveron xunto a representantes do Goberno central, da Xunta e do persoal. 

Alcoa asegura que os problemas da planta de aluminio "teñen unha natureza permanente e non se van reverter"

Para Alcoa, os problemas da planta de aluminio "teñen unha natureza permanente e non se van reverter", polo que, e tendo en conta as proxeccions de futuro, nin tan sequera unha venda da planta é facible "xa que a produción non é sostible". A empresa insiste nos "dous problemas estruturais" que "fan necesario tomar medidas urxentes para frear o alto nivel de perdas" e que, nesta altura, provocan que considere totalmente inviable o futuro de boa parte da factoría da Mariña: os altos custos da enerxía en España e a sobrecapacidade do aluminio a nivel mundial. 

Mobilización contra os despedimentos en Alcoa, en Viveiro CC-BY-SA CCOO-Galicia

Alcoa insiste en manter o actual proceso informal de consultas e en que non tomou "decisión ningunha" e no a tomará ata que estas conclúan. Fronte á súa actitude, o comité de empresa saíu da xuntanza algo máis positivo, aínda que advertindo de que á multinacional "calquera marco do que dispoña non lle serve". 

O comité considera positiva a actitude da Xunta e do Goberno central e cre que "se cumpren co que din, pódese salvar a planta"

"Tampouco entra a valorar unha venda", explicou o presidente do comité, José Antonio Zan, que si ve "positivas" as propostas e a aposta polo aluminio amosada polo Goberno central e pola Xunta. "Se cumpren co que están dicindo e teñen intención política de salvar a planta, pódeno levar a cabo e podemos salvala", insistiu quen aclarou que o Executivo autonómico dixo estar disposto a apoiar unha PPA (Power Purchase Ageement). Sería, como ocorre noutros países, un acordo de compravenda de enerxía renovable a un prezo prefixado e a longo prazo, unha hipotética solución que só podería chegar dentro de dous ou tres anos, ao non haber aínda enerxía renovable abonda para abastecer a planta. 

O comité di que a Xunta aproba un acordo de compravenda estable e a prezo fixo de enerxía renovable e que o Estado terá axiña o marco enerxético demandado

Sería aí onde tería que entrar o Goberno central cun acordo enerxético estable para o prezo.  Un marco que permita dar viabilidade á planta durante eses anos e que, segundo avanzou Zan, o Executivo de Sánchez prevé ter listo xa nas próximas semanas. 

Mentres, advirte o comité, ao persoal e á cidadanía "o único" que lles queda "é seguir loitando". "A Mariña sálvase loitando", rematou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.