Viveiro acolle unha multitudinaria marcha tras a celebrada o sábado en Xove
Este sábado foi en Xove e este domingo en Viveiro. Por segundo día consecutivo a cidadanía da Mariña volveu botarse á rúa en defensa dos postos de traballo -máis de medio milleiro directos e moitos máis indirectos- que Alcoa quere eliminar co peche da súa planta de produción de aluminio. Cos asistentes algo máis espallados do que é habitual como medida de precaución fronte ao coronavirus, e coa asistencia limitada polas restricións de mobilidade entre provincias, a marcha estendeuse ao longo do litoral da vila.
Á espera da reunión que a empresa terá cos sindicatos este mércores 10 de xuño, os traballadores reclaman das administracións galega e central “unidade” e alternativas fronte á proposta de Alcoa. A súa principal arma é a mobilización social, como veñen facendo desde hai días, coas marchas desta fin de semana ou con cortes reiterados do tráfico na A-8. Este domingo, co apoio engadido dos líderes dos principais sindicatos e formacións políticas, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ou o covoceiro de En Marea Pancho Casal.
Xa este sábado unha marcha en Xove amosara o impacto que ten na Mariña o emprego industrial en Alcoa. Pero non só alí, xa que ao tempo na Coruña o comité de empresa de Alu Ibérica, antiga Alcoa, levou a cabo unha concentración na praza de María Pita na que os traballadores estiveron acompañados por ducias de persoas, gardando a distancia social. O obxectivo da concentración era instar ao Goberno central a que investigue a venda da factoría ao Grupo Riesgo e a que interveña para asegurar a súa viabilidade.