Pedro Sánchez asegura que “as perspectivas de futuro” que ten o Goberno central para garantir o futuro de Alcoa na Mariña é "buscar investidores". Esa é a intención do seu Executivo para "salvar" a planta de aluminio, ameazada cun despedimento colectivo de ata 534 traballadores segundo os plans da multinacional estadounidense.
Sánchez aclara que a aposta do Goberno central na planta de aluminio de San Cibrao é "buscar investidores" para "salvar" os empregos
No debate celebrado no Congreso este mércores, a factoría da Mariña foi protagonista na intervención de varios deputados. Así, Néstor Rego, do BNG, reclamou ao Goberno central que interveña Alcoa San Cibrao e que a "nacionalice" de ser preciso. Tamén desde a dereita e a extrema dereita, Pablo Casado, do PP, e Santiago Abascal, de Vox, cargaron con dureza contra Sánchez, a quen acusaron de actuar contra os intereses da empresa e do persoal.
"O Goberno español coñece desde hai tempo a delicada situación da industria electrointensiva en Galiza, e aínda non aprobou o Estatuto do Consumidor Electrointensivo”, reprochou Rego, que a xente que protesta na Mariña "non son os ricos de Núñez de Balboa defendendo os seus privilexios". "Son os traballadores do meu país loitando polos seus dereitos", asegurou.
Membros do comité de empresa de Alu Ibérica, antiga Alcoa, pecháronse no Concello da Coruña para esixir o cumprimento dos compromisos na planta
Nas súas respostas, Pedro Sánchez asegurou que o seu Goberno está a intentar "resolver" os "parches" e a "política de desindustrialización" do seu predecesor no cargo, en alusión a Mariano Rajoy. Ademais, advertiu de que o conflito "vén de lonxe" e lembrou as axudas públicas de "38 millóns de euros" cobradas pola compañía nos últimos anos a cambio de manter o emprego.
Só horas máis tarde, o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, comunicou ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao que convocará a mesa multilateral para abordar o futuro da planta. A este encontro están convocados representanets do Ministerio de Industria, da Xunta, de Alcoa e dos traballadores.
Así, Sánchez lembrou que no caso das plantas de Avilés e da Coruña, o Goberno central "tutelou o proceso de compra", o que permitiu "salvar os empregos". Agora, o plan parece semellante e é a "busca de investidores" a solución elixida, aínda que o resultado na factoría coruñesa, polo momento, non é o axeitado.
De feito, membros do comité de empresa de Alu Ibérica pecháronse este mércores no Concello da Coruña tras reunirse coa alcaldesa para esixir o cumprimento dos compromisos de "investimento, viabilidades e garantías laborales" pactados tras a venda da factoría por parte de Alcoa, subliñan. O comité apela ao Ministerio de Industria e á Xunta para unha convocatoria "inmediata" da mesa de seguimento dos acordos.