Nova xornada de protestas na Mariña contra a ameaza de despedimento de case 540 traballadores na planta de aluminio de Alcoa. A primeira hora da mañá deste martes, persoal da factoría volveu bloquear o acceso principal ao complexo industrial cunha barricada de pneumáticos, antes de camiñar en manifestación polo concello de Cervo e cortar despois estrada N-642.
Entre 1.500 e 2.000 persoas participaron nunha marca a primeira hora da mañá que cortou a N-642 e a entrada ao complexo de Alcoa
Entre 1.500 e 2.000 persoas participaron na marcha, que xuntou persoal de Alcoa pero tamén das auxiliares que prestan servizo á fábrica e que tremen tamén ante a decisión da multinacional de practicamente botar o peche á planta de aluminio. Nesta nova mobilización, na que se berraron consignas contra a ministra de Industria, Reyes Maroto, e a de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, volveuse reclamar a "nacionalización" da factoría como solución para evitar os despidos e garantir o futuro.
O persoal de Alcoa advirte de que as protestas destes días "non son máis que un quecemento"
Segundo explicou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, as protestas destes últimos días non son "máis que un quecemento" ante as mobilizacións previstas para os vindeiros e que se prevén moito máis intensas de non ofreceren unha solución nin Alcoa nin as administracións públicas para evitar o despedimento colectivo.
A mobilización, segundo o comité, está "moi á altura dunha comarca como a da Mariña Lucense". "Quen non está á altura é a clase política e, concretamente o Goberno de España, as ministras Maroto e Ribera”, lamentou Zan.
Precisamente, xa este pasado luns, a minitra Maroto lembroulle a Alcoa os 37 millóns de euros que cobrou en axudas públicas nos últimos dous anos e volveulle pedir que recapacite a súa decisión. Ademais, reclamou tamén da Xunta que traballe de forma conxunta co Executivo central na busca dunha solución e que non poña pau nas rodas.
O conselleiro Francisco Conde sinala o PSOE, ao que acusa de "non querer dar unha solución" ao problema de Alcoa
Non parece recoller a luva a Xunta. Desde a Administraicón autonómica, o seu conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, criticou este martes que "a día de hoxe o Goberno central siga sen dar unha solución a unha industria que necesita todo o eu apoio e o dunha boa política industrial".
"Parece claro que o Partido Socialista non quere dar unha solución a este problema", engadiu Conde, que asegurou que a Xunta está a "trasladar propostas", como que España "poida acollerse ao fondo europeo" para a recuperaciòn de sectores estratéxicos e esenciais, formando o aluminio "parte dun marco específico".
Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminou a Feijóo a estratexia de “brazos cruzados” ante o risco de perder miles de empregos e pídelle solucións para Alcoa. Ademais, advertiu de que Galicia precisa "un goberno liderado polo BNG que teña unha folla de ruta para reactivar o sector industrial".