Este venres foi un día de reaccións ao anuncio, coñecido este xoves, de que Alcoa aposta por pechar a planta de aluminio en San Cibrao e despedir 534 traballadores. Todas as forzas políticas e administracións rexeitan a medida e reclaman a continuidade da factoría e dos postos de traballo e ademais das propostas postas enriba da mesa, que pasan na maior parte dos casos por unha maior intervención do Estado, houbo numerosas críticas cruzadas entre as distintas institucións e partidos, ao fío da responsabilidade de cada quen na actual situación.
Mentres, os traballadores da planta mariñá mobilizáronse dende primeira hora desta mañá, colocando unha barreira de neumáticos -aos que despois plantaron lume- na entrada á factoría. O comité de Alcoa San Cibrao reuniuse este venres para debater e aprobar un plan de mobilizacións.
A CIG defende a necesidade de intervir as plantas de aluminio para que estas retornen ao sector público, "onde naceron"
Por parte dos sindicatos houbo grandes críticas á empresa e, igualmente, demandas para as administracións públicas, ás que lles esixen accións decididas para salvar os postos de traballo. A CIG reclámalle ao Goberno central a creación dunha tarifa industrial en base ás alegacións sindicais presentadas ao proxecto de estatuto do consumidor electrointensivo, co obxectivo de acadar "unha tarifa máis xusta, estábel e competitiva".
Así mesmo, o sindicato defende a necesidade de intervir as plantas de aluminio para que estas retornen ao sector público, "onde naceron". Unha intervención que "non só é legal, senón que ten precedentes noutras fábricas similares de Europa", lembrou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
CIG e CCOO esixen a aprobación do Estatuto Electrointensivo
De igual xeito, CCOO salientou que o peche de Alcoa San Cibrao "non é xustificable e moito menos en metade dun estado de alarma", cando ademais "estase por rematar a aprobación do Estatuto Electrointensivo e mesmo a estratexia para unha transición xusta para o sector industrial". O sindicato reclama neste senso "que o Ministerio de Industria aprobe o Estatuto Electrointensivo, atendendo as alegacións de CCOO para a viabilidade do sector, e que permita unha autentica transición xusta para a industria, xa que o que estase dando e o peche da indutria en Galicia".
CC.OO. criticou tamén ao Goberno galego, sinalando que "é lamentable a innacción da Xunta, que só parece interesada destes conflictos para facer oposición contra o goberno estatal". "A Xunta ten competencias e ten que ter interese en parar a decisión de peche de Alcoa San Cibrao". "Nas mans da Xunta de Galicia e do seu presidente, Alberto Nuñez Feijóo, está poder evitar a quebra económica da comarca da Mariña Lucense", engadiu Victor Ledo, secretario xeral da Federación de Industria de CCOO de Galicia.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntoulle ao Goberno central "se quere" que "continúen operando industrias como Alcoa", instándoo a aprobar un estatuto electrointensivo que faga "viable" e "competitivo" producir aluminio primario. De igual xeito, o PP pediu a comparecencia das Ministras de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e de Industria, Reyes Maroto, para que informen sobre a situación en Alcoa. Os populares afirman que "a inoperancia e a falta de entendemento entre os dous ministerios provocaron esta situación que pon en risco a continuidade da única fábrica de aluminio primario en España".
Gonzalo Caballero demandoulle "responsabilidade" á multinacional, que recibiu 38 millóns de euros de cartos públicos nos últimos dous anos
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou ao goberno central que “estude todas as posibilidades” para garantir o emprego da planta. E, sobre todo, demandoulle "responsabilidade" á multinacional, que recibiu 38 millóns de euros de cartos públicos nos últimos dous anos, en torno a 35.000 euros por cada traballador, converténdose nunha das industrias máis apoiadas do Estado. Ademais, reclamoulle á Xunta que “demostre capacidade de involucrarse e traballar cooperativamente co goberno de España” para ofrecer unha “posición unitaria e contundente” fronte ao peche. E denunciou que a Xunta “non aportou nada para darlle solución aos problemas do sector industrial en Galicia”, a pesar de que dispón de "plenas competencias en economía, industria e comercio".
Gómez Reino: “Non sabemos que fixo o PP de Feijóo nestes dez anos por garantir o futuro da industria electrointensiva e porque non empregou as súas competencias en procurar solucións"
Por parte de Galicia en Común-Anova Mareas, o seu voceiro Antón Gómez Reino fixo un chamamento a todas as Administracións para que traballen conxuntamente na procura dunha solución. Gómez Reino avoga por unha "intervención pública decidida para garantir o emprego e a viabilidade das industrias electrointensivas cun plan de rescate". E cargou especialmente contra Núñez Feijóo: “Non sabemos que fixo o PP de Feijóo nestes dez anos por garantir o futuro da industria electrointensiva e porque non empregou as súas competencias en procurar solucións. O que vemos é que non fixo absolutamente nada, nin agora nin antes", dixo, engadindo que Feijóo é "unha sorte de político rémora, especialista en desviar o tiro e apropiarse do esforzo lexislativo dos outros ao servizo das súas siglas e estratexia”.
Ana Pontón reclamou a "nacionalización" da factoría "para salvar a produción e o emprego”
Finalmente, polo BNG Ana Pontón reclamou a "nacionalización" da factoría "para salvar a produción e o emprego”. “Cando está en xogo o futuro dunha comarca e centos de postos de traballo no país, non valen nin vacilacións, nin medias tintas, nin botar balóns fora, nin liortas partidistas, o que se necesita é unha solución inmediata que pasa pola intervención pública", dixo a voceira nacionalista. "Se Angela Merkel pode intervir Lutfhansa en Alemaña porque non ALCOA en Galiza?”, argumentou Pontón, que engadiu que "se o 12X os galegos e as galegas nos dan a responsabildidade de Goberno o primeiro reto no que traballaremos é a nacionalización desta factoría".
O presidente da Deputación propúxolle ao Goberno central que “estude a posibilidade de entrar no accionariado, como o están facendo outros países europeos como Francia ou Alemaña"
De igual xeito, representantes da Deputación de Lugo reclamaron solucións para o problema xerado na planta mariñá. O Presidente, José Tomé, reclamoulle á Xunta que poña enriba da mesa "os intereses de Galicia" e que tome "exemplo do Goberno vasco no relativo ao apoio das empresas estratéxicas do noso país". E propúxolle ao Goberno central que “estude a posibilidade de entrar no accionariado deste tipo de empresas, como o están facendo outros países europeos como Francia ou Alemaña". Mentres, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, demandou "unha resposta valente" dos gobernos galego e central, apostando pola “intervención pública” para manter a produción de aluminio e os empregos en San Cibrao.