Milleiros de persoas participaron este sábado en Xove nunha marcha convocada por comerciantes da comarca en defensa da permanencia dos postos de traballo da factoría de Alcoa. A mobilización, encabezada por unha faixa na que se podía ler 'O pobo en loita polo emprego', foi acompañada por un coche fúnebre e boa parte dos e das participantes (con cadansúa máscara de protección) levaban roupas negras.
Na mobilización estivo presente o comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, que reclama "unidade" entre o Goberno central e a Xunta e alerta de que, de confirmarse as intencións confirmadas de Alcoa de marchar de vez, as administracións deberían buscar unha alternativa para continuar coa produción na planta galega.
Alcoa, pola súa banda, insiste en non se dan as condicións para manter a actividade e alude á sobrecapacidade mundial do aluminio e ao elevado prezo da enerxía eléctrica, aínda que nin tan sequera unha rebaixa considerable dos custos parecería abondarlle. A multinacional convocou os sindicatos para outra reunión o vindeiro día 10 de xuño, no proceso de conversas antes de iniciar o proceso formal dun Expediente de Regulación de Emprego.
Ante unha ameaza que afecta máis de 500 traballadores, pero a case outros tantos empregos indirectos e á economía de toda unha comarca, a poboación da Mariña únese ao persoal na loita polo futuro da planta. Este domingo, en Viveiro e desde a Cruz Vermella ás 11.30, outra marcha que se prevé masiva percorrerá a localidade para "loitar pola industria e salvar A Mariña".
Ademais, este sábado ao mediodía na Coruña, o comité de empresa de Alu Ibérica, antiga Alcoa, levou a cabo unha concentración na praza de María Pita, na que os traballadores estiveron acompañados por ducias de persoas, gardando a distancia social. O obxectivo da concetración era instar ao Goberno a que investigue a venda da factoría ao Grupo Riesgo e a que intervenña para asegurar a súa viabilidade.