A Deputación Permanente do Parlamento reuniuse este xoves por primeira vez dende a convocatoria das eleccións galegas do 12 de xullo. Fíxoo de novo no salón de plenos para manter as distancias a causa do coronavirus. Na orde do día, dous puntos: unha petición da oposición e unha engádega do Goberno para substituíla. Todos os grupos da esquerda -actualmente PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Mixto (En Marea)- introduciran a petición de que Alberto Núñez Feijóo comparecese "para dar conta das medidas que ten previsto adoptar para evitar o peche" dunha das factorías de Alcoa en San Cibrao "e garantir o emprego" tanto na Mariña como na antiga fábrica de Alcoa, agora Alu Ibérica, na Coruña.
Como era previsible, os votos do PP tombaron a petición. Tanto é así, que o segundo punto da orde do día a Xunta incluíra unha comparecencia sobre o mesmo tema do conselleiro de Industria, Francisco Conde. O feito de que os populares evitasen a comparecencia pero, sobre todo, que Feijóo nin sequera acudise á sesión do Parlamento irritou aos grupos da actual oposición mentres o Goberno e o partido que actualmente o sustenta insistiron en culpar o Executivo central, ao PSOE, a Unidas Podemos e tamén ao BNG das dificultades destas industrias.
Gonzalo Caballero lamenta que, tras meses "omnipresente nos medios públicos", Feijóo siga a crise de Alcoa como "mero espectador" e asegura apoiar "calquera vía legal e economicamente viable que priorice o emprego" na planta de San Cibrao
Tras case tres meses con Feijóo "omnipresente nos medios públicos", criticou Gonzalo Caballero no nome do PSdeG, volve ficar constatado que "nos problemas dos galegos", neste caso dos afectados polos posibles peches e despedimentos en Alcoa, segue a exercer de "mero espectador". E este xoves nin sequera iso, senón que bateu, coa súa "ausencia", o "récord de escapismo político".
O aspirante á reelección polo PP, censurou o candidato do PSdeG, foxe "das súas responsabilidades, está ausente das grandes crises" cando "o que Galicia merece é a presenza do presidente" en momentos de dificultade. O líder socialista di ver claro que Feijóo non acudiu ao Pazo do Hórreo para amosar que "a política industrial non é cousa súa" cando en realidade tamén o é. Fronte a el, comprometeu, o "compromiso do PSdeG" é defender en Galicia e ante o Goberno central "calquera vía legal e economicamente viable que priorice o emprego" na planta de Alcoa en San Cibrao. Iso é, agrega, o que xa trasladou persoalmente ao persoal da compañía.
Pontón lamenta que Feijóo "non se poña de fronte para dar solucións" e reivindica a tarifa eléctrica galega e, se cómpre, a nacionalización das factorías
A ausencia de Feijóo foi tamén censurada dende o BNG por Ana Pontón. "Unha semana despois" de que Alcoa comezase a ameazar con ata medio milleiro de despedimentos directos na Mariña, criticou, Feijóo "aínda non tivo tempo de reunirse" co persoal, "non se pon de fronte para dar solucións", senón que se declara "incompetente".
"Estamos como estamos porque o Goberno do PP de Rajoy aprobou un marco enerxéitco que é unha ruína para a industria galega e porque o Goberno do PSOE continuou con ese marco", criticou a líder nacionalista, a cuxo xuízo a solución pasa por unha tarifa eléctrica galega e, se cómpre tamén pola "nacionalización" das factorías, que, subliña, "é legal".
Chao (GeC) coida que, malia a ausencia deste xoves, "a xente non vai esquecer que o PP leva once anos gobernando este país sen poñer sobre a mesa solucións para Alcoa"
Por parte de Común da Esquerda a súa deputada Luca Chao, dixo non sorprenderse pola ausencia de Feijóo na sesión. Igual que durante a pandemia "se dedicou a dar mitins na televisión pública, hoxe tampouco está aquí simplemente porque segue en campaña". Pero, coida, "a xente non vai esquecer que o PP leva once anos gobernando este país sen poñer enriba da mesa ningunha solución para Alcoa". Tampouco, agregou, que foi o PP quen "regalou a empresa aos seus amiguetes a prezo de saldo", dixo en referencia á privatización de Inespal en 1998.
Por parte de En Marea, Davide Rodríguez lamenta que o Goberno do PP se limite a "botar a culpa a Madrid" no canto de propoñer solucións. "Están de acordo coa intervención temporal do Estado?", preguntou. "Aprobará o Goberno do PSOE de xeito inmediato un Estatuto electrointensivo?", agregou.
O conselleiro Conde pide "prezo eléctrico competitivo" para Alcoa, máis axudas para o sector e que parte dos fondos europeos para a reconstrución tras a pandemia vaian destinados a ese fin
Ese traslado de responsabilidades ao Goberno central e mesmo aos representantes de PSdeG, BNG e Galicia en Común foi a nota dominante nas intervencións tanto do secretario xeral e vicevoceiro parlamentario do PP, Miguel Tellado, como do conselleiro Francisco Conde. Segundo Tellado, en Alcoa non hai máis problema ca "exclusivamente, o prezo da enerxía" e "quen queira dicir algo distinto" está "tentando enganar aos galegos", aos que a esquerda "traizoa" nesta cuestión, acusa.
O conselleiro Conde, pola súa banda, centra tamén as culpas no Goberno central, ademais de asegurar que "hai alternativas" para a alumineira en San Cibrao se o Executivo do PSOE e Unidas Podemos aproba decontado un "prezo eléctrico competitivo" e ademais, "un plan de investimentos específico para o sector electrointensivo". Neste sentido, o conselleiro cre que "parte dos fondos de reconstrución previstos pola Unión Europea" vaian destinados a estas finalidades. Conde, que sitúa o inicio dos problemas "hai dous anos", cando o PP deixou de gobernar España, especula tamén coa posibilidade de que, realmente, "o Goberno" -en referencia ao central- teña tomada a "decisión" de "pechar" as factorías de Alcoa.