Alcoa teima no ERE tras rexeitar un plan a dez anos do Goberno central que dá esperanza ao persoal

Mobilización polo emprego en Alcoa, en Burela CC-BY-NC-SA CIG

Alcoa rexeita un plan a dez anos do Goberno central, segue adiante co ERE co que pretende prescindir de 534 traballadores en San Cibrao iniciando este xoves o período de consultas para o despedimento colectivo. 

O Ministerio de Industria presenta plan industrial a dez anos no que crea un marco enerxético cun prezo estable do MW/hora de entre 25 e 35 euros

Na mesa multilateral polo futuro da factoría da Mariña, o Ministerio de Industria presentou este martes un plan industrial a dez anos no que crea un marco enerxético cun prezo estable do megavatio/hora de entre 25 e 35 euros para darlle viabilidade á planta de aluminio. “É o prezo que pediron a Xunta, os traballadores e a empresa", lembrou o departamento estatal. 

O proxecto, que se pode consultar aquí, pretende abaratar o prezo da enerxía mediante acordos bilaterais (PPA) con varias fontes enerxéticas (gas de alta eficiencia de 100/200 MW, parque eólico de 400 MW e parque fotovoltaico de 800 MW), ademais de manter as compensacións por emisións de dióxido de carbono e o apoio das medidas dun estatuto das industrias electrointensivas aínda pendente e aínda por concretar. 

Raül Blanco, secretario xeral de Industria, na reunión multilateral © Ministerio de Industria

Ademais, o Goberno central tamén prevé un plan industrial para investir na eficiencia enerxética da planta de San Cibrao para convertela nunha "factoría modelo a nivel europeo co uso de hidróxeno verde", unha iniciativa para a que se requiriría a implicación tamén da UE e da Xunta. 

O plan do Goberno central prevé acordos bilaterais con varias fontes enerxéticas e investir no uso de hidróxeno verde

"O prezo da enerxía non é o problema. San Cibrao é viable, pódese facer un PPA de cara ao futuro, producir hidróxeno verde e introducir un proceso de produción máis limpo e sustentable", advertiu Raül Blanco, secretario xeral de Industria, que acusou a Alcoa de "non ser neutra na evolución dos prezos", senón "orixinar" as súas variacións, e que comparou a situación da planta da Mariña coas que a empresa ten no Québec, Washington ou Córcega --"non é un fenómeno illado, dixo-- ou co acordo asinado pola multinacional en Noruega. "É perfectamente reproducible en Lugo". "Non creo que consturír un parque eólico sexa máis barato nin máis competitivo alí que en Glaicia; e non creo que a alúmina alí sexa máis competitiva que en San Cibrao", dixo. 

"Alcoa é o inimigo, non o Goberno; só quere subvencións, subvencións e subvencións", advirte a ministra Maroto

Xa este mércores, no Congreso, a ministra de Industria, Reyes Maroto, respondeu a unha pregunta do BNG sobre a crise industrial en Galicia acusando a Alcoa de buscar "só subvencións" e de non aceptar o plan industrial. "Alcoa é o inimigo, non o Goberno", dixo. "Mentres nos anuncia un pecheo por un lado, estanos solicitanto por outro 38,4 millóns de euros por compensación de custos CO2". 

"Isto é o que é Alcoa: subvencións, subvencións e subvencións", dixo despois Maroto, que cargou tamén contra a Xunta: "A unidade de acción é clave para a resolución das crises industriais, cos respondables dos traballdores pero tamén lealdade institucional coas administracións afectadas". 

Ademais, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, denunciou tamén, en referencia á crise de Alcoa, a "inexistente política industrial do PP no país, en Galicia". "Grazas a Feijóo perdemos 20.000 empregos industriais no meu país, en Galicia, e deixou caer Vulcano, Barreras, R, Caramelo, Alfageme, Cuca... Podo seguir ata o infinito", espetou a Diego Gago, deputado do PP. "O seu partido deixou morrer a industria", engadiu. 

Porque o Ministerio de Industria, na reunión do marte, insistiu en que a planta é "viable" e advertiu de que "hai xente diposta a entrar como socio enerxético ou socio industrial". "Pero dependa da empresa", engadiu, tras asegurar que calquera desas propostas son "incompatibles con presentar un ERE pasado mañá". Por iso, pediu a Alcoa que venda ou permita unha solución. "Se quere, estaremos axudando, senón, que venda e deixe paso a outros", dixo Blanco, que non dubidou en cargar contra a Xunta: “É lamentable que se aliñase con Alcoa contra o Goberno, dando osíxeno á empresa". 

O Ministerio pide a Alcoa que colabore ou "venda e deixe paso a outros" e critica a Xunta: "É lamentable que se aliñase coa empresa contra o Goberno"

Pero Alcoa di non. Asegura que, respecto do prezo da enerxía, "calquera proposta para alcanzar un prezo competitivo debe ir acompañada das suficientes garantías e certeza sobre a súa aplicación". "Non se suscitou proposta ningunha que se sosteña con garantías e certeza”, engadiu, para insistir na "inviabilidade" da planta polos importes enerxéticos e a sobrecapacidade mundial do mercado do aluminio. Así, advirte de que o "marco axeitado" para o futuro da planta é a mesa de negociación coa representación do persoal. 

Francisco Conde, conselleiro de Economía, durante a reunión multilateral CC-BY-SA Xunta

Pola súa banda, o comité de empresa pide concretar as "medidas técnicas" para ese marco enerxético do Miniterio, así como os "prezos" que implica. Ademais, os sindicatos piden unha mesa tripartita na que se inclúan a Xunta e os traballadores para concretar por escrito o plan e "botar abaixo o ERE", algo que ven posible se o documento inclúe "compromiso e datas de cumprimento". 

O comité de empresa cre que o plan do Ministerio pode "botar abaixo o ERE" de concretarse as medidas e as datas de cumprimento nun documento

Desde a Xunta, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, advertiu de que os contratos bilaterais que propono Ministerio "non impiden o peche da planta xa que os seus efectos comezarían a notarse a medio e longo prazo“, e insistiu na convocatoria da poxa de interrompibilidade para o segundo semestre, as compensacións por emisións de CO2 e "o estatuto prometido hai máis de ano e medio”. Raül Blanco respondeu precisando que o Estado sería multado cuns mil millóns de euros por Bruxelas de aplicar a poxa pretendida. 

Pola súa banda, Javier Losada, delegado do Goberno central en Galicia, destacou que os traballadores "valoraron positivamente a proposta" do Ministerio de Industria, pero atopáronse co peche en banda de Alcoa e cunha Xunta "que parecía pensar máis nas eleccións". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.