Unhas 15.000 persoas saíron á rúa en Burela "polo futuro" da Mariña e esixindo unha rápida resposta que free o "deserto industrial"
A Mariña teima na súa loita contra os despedimentos anunciados por Alcoa na planta de aluminio de San Cibrao. Consciente do golpe económico e social que suporía --534 empregos directos e uns 400 das auxiliares--, a cidadanía rebélase. Este luns en Burela, nunha marcha convocada por CIG, CCOO e UGT e reclamando "un futuro" para a comarca con arredor de 15.000 persoas na rúa.
Persoal da factoría e das auxiliares e veciñanza reclamaron unha resposta axiña que free a sangría económica e laboral da Mariña, que volve sentirse abandonada polas administracións tras anos, lembran, de crise da pesca, da construción ou da agricultura.
A dous días de que Alcoa inicie o período de consultas do ERE para o despedimento colectivo, foron moitos os negocios que pecharon antes as súas portas para unirse a unha marcha que clamou pola "industrialización da Mariña" e apelou á "loita", demandando solucións tanto á Xunta de Feijóo como ao Goberno central de Pedro Sánchez.
Á marcha asistiu o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, que cualificou de "indignidade" a decisión da multinacional en plena pandemia e cunha situación conxuntural do mercado como xustificación. "As multinacionais é certo que non teñen alma, pero aproveitar estes momentos tan duros no planeta...", reflexionou.
Os sindicatos insisten en reclamar a intervención da planta e denuncian a "indignidade" de Alcoa
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, volveu reclamar que se activen os mecanismos para unha intervención pública que evite un "deserto industrial" e advertiu de que chegou xa "a conta atrás".
Tamén o secretario xeral de CCOO-Galicia, Ramón Sarmiento, reclamou "unha intervención, que non é unha nacionalización". "Intervir é impedir que se consume o ERTE, logo xa haberá tempo de buscar unha estratexia de futuro entre todos", asegurou.
Ademais, o presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, dixo que o persoal "necesita" que o Ministerio de Industria dea "unha boa noticia" na reunión vía telemática da mesa multilateral con sindicatos, empresa, Xunta e Goberno central deste martes. Refírese á necesidade urxente dun estatuto electrointensivo e de "certezas" para o prezo da enerxía.