Unhas 10.000 persoas --8.000 segundo a Garda Civil e 12.000 segundo os sindicatos convocantes-- alumearon na noite deste sábado a vila de San Cibrao en apoio ao persoal de Alcoa e contra os despedimentos previstos pola multinacional na planta de aluminio, cuxo ERE afectaría máis de 534 traballadores e outros 400 das firmas auxiliares.
A veciñanza recibiu o persoal de Alcoa en San Cibrao e uniu as súas candeas e luces ás dos traballadores
O persoal camiñou desde a factoría con luces, o mono de traballo e cadaleitos simbolizando o que suporía para A Mariña a paralización da produción de aluminio. Manifestáronse ata a vila de San Cibrao, onde os veciños agardaban prendendo candeas ou os seus teléfonos móbiles para apoiar os traballadores, que finalizaron a marcha na PRaza dos Campos, onde se leu un manifesto.
"Se non hai solución, Goberno dimisión", "Feijóo, escoita, A Mariña está en loita" ou continuas alusións á necesidade de seguir pelexando pola fábrica. Esas foron algunhas da consignas que se berraron, ademais de esixir, tamén no manifesto, tanto ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, como ao da Xunta, "que fagan o seu traballo, que interveñan a planta".
"Non por caridade, senón porque os traballadores o merecen e A Mariña o merece. Non aceptamos un non por resposta", asegurou Antón Losada, politólogo e encargado de ler o manifesto.
O persoal de Alcoa pide a Feijóo e Sánchez "que fagan o seu traballo, que interveñan a planta"
A marcha, na que volveu quedar claro o apoio cidadán á loita dos traballadores, chega só uns dáis antes de que Alcoa intente iniciar a negociación dun ERE que ameaza o futuro económico e laboral de toda unha comarca e contra o que o persoal prevé protestas moito máis contundentes.