Alcoa prevé iniciar o 25 de xuño o proceso formal de consultas para aplicar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ou despedimento colectivo na planta de aluminio de San Cibrao. A multinacional anunciou o seu proposito nun comunicado na mesma mañá na que se reúne co comité de empresa, que cualificou de "vergoñenta" a actitude da compañía, á que atribúe "mala fe".
Alcoa prevé despedir uns 534 traballadores da planta de aluminio, o que suporía tamén a perda duns 400 empregos nas auxiliares
A empresa xustifica este posible ERE nunha "reestruturación" da planta de aluminio que afectaría un máximo de 534 traballadores dun total de 633, aínda que o recorte na produción suporía tamén que se perdesen uns 400 empregos das empresas auxiliares. Na práctica, a decisión supón o peche da electrólise nesta factoría e de todas as operacións derivadas.
Xa que logo, queda unha semana de consultas informais, que comezaron a finais do pasado mes de maio, nas que Alcoa di que "informa das graves circunstancias e da situación insostible pola que atravesa a planta de aluminio". Agora, de cumprirse o previsto, os sindicatos deberán designar os seus representantes para as negociacións formais, que se desenvolverán durante un mes.
A multinacional insiste en que "os altos custos de enerxía, o baixo prezo do aluminio e o exceso de capacidade global" abócana aos despedimentos
A empresa asegura que este proceso formal ten o "propósito de lograr o mellor resultado posible para ambas partes". "Non se adoptará ningunha decisión final ata que se complete o proceso de consulta formal”, asegura a empresa, que segue alegando problemas "estruturais" como "os altos custos de enerxía, o baixo prezo do aluminio e o exceso de capacidade global" para xustificar o despedimento masivo. Son, segundo di, problemas que "existían antes da crise da covid e espe´rase que continúen tras a emerxencia sanitaria".
Ademais, Alcoa asegura que a planta de alúmina, na que traballan 510 persoas, "non se verá afectada" polo proceso de despedimento colectivo na outra parte do complexo de San Cibrao.
O comité de empresa criticou con dureza a actitude de Alcoa, de quen lamenta a súa "falta de vontade" para buscar "solucións" que garantan a viabilidade da produción de aluminio e dos empregos. Os representantes do persoal aseguran que a multinacional abriu o "proceso informal" de consultas "coa decisión xa tomada sobre o futuro dos traballadores".
O comité de empresa lamenta a "falta de vontade" de Alcoa para buscar solucións e acúsaa de "mala fe" e de ter unha actitude "vergoñenta"
“A maior proba é que non esperaron” á reunión da “mesa multilateral convocada para o 23 de xuño” e “anunciaron oficialmente o inicio do proceso de ERE”, di o comité nun comunicado, no que lamentan tamén as formas, que anunciou a decisión aos traballadores mediante unha mensaxe a todo o persoal antes de que rematase a reunión co comité.
"A única saída é a imlicación das administracións e a loita na rúa", advirten os representantes do persoal. O presidente do comité, José Antonio Zan, cualificou de "vergoñenta" a actitude de Alcoa, a quen lle atribúe unha "mala fe clarísima".
“Está claro que o que fixeron é un paripé directamente durante este tempo de negociación, porque nos trouxeron a unha mesa cando xa sabían o que querían facer, con que prazos e que día querían anuncialo”, asegurou, logo de esixir a retirada do ERE e a presenza de Alcoa na mesa multilateral, na que esixe "solucións" por parte das aministracións.
O obxectivo agora do comité é “conseguir que nesa mesa do día 23, o Goberno central, a Xunta de Galicia e Alcoa se vexan tan apertados polas nosas mobilizacións que nos teñan que dar unha solución”.