Máis de dez mil persoas manifestáronse este domingo pola mañá en Foz pola continuidade de Alcoa na Mariña, segundo os datos da Policía Local. A cidadanía da comarca volveu saír ás rúas, ao igual que o fixera a pasada fin de semana en Xove e Viveiro, en demanda da salvagarda dos postos de traballo da factoría e baixo o lema de "A Mariña sálvase loitando".
Se non hai movementos que o eviten, a vindeira semana 534 traballadores poderían ficar sen emprego, co peche da única fábrica de aluminio primario de España. Na marcha participaron os propios traballadores, coas súas roupas de traballo, representantes políticos de todos os partidos, alcaldes e alcaldesas de toda a provincia e cidadanía procedente de todos os concellos da contorna. Ademais, a mobilización foi acompañada dende o mar por varias embarcacións, que fixeron soar as súas buguinas e que tamén amosaron faixas de apoio.
A manifestación comezou pouco despois das 11 fronte á praia da Rapadoira e dende alí dirixiuse ao Porto de Foz, onde recibiron o apoio das embarcacións que alí se atopaban. "SOS A Mariña", "Enerxía Solución", "O peche, a morte da Mariña", "A solución? Unha intervención" ou "Madrid, escoita. A Mariña está en loita" foron algunhas das mensaxes que se escoitaron na manifestación ou que se puideron ler en diversas faixas portadas por algúns dos participantes na mobilización.
Esta semana a mesa na que se reuniron Goberno central, Xunta, Alcoa e os sindicatos non rexistrou avances, e tampouco o encontro bilateral posterior entre a multinacional e os representantes sindicais. Para Alcoa, os problemas da planta de aluminio "teñen unha natureza permanente e non se van reverter", polo que, e tendo en conta as proxeccións de futuro, nin tan sequera unha venda da planta é factible "xa que a produción non é sostible".
Mentres, o presidente do comité, José Antonio Zan, ve "positivas" as propostas e a aposta polo aluminio amosada polo Goberno central e pola Xunta. "Se cumpren co que están dicindo e teñen intención política de salvar a planta, pódeno levar a cabo e podemos salvala".