Este martes finaliza o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego presentado por Alcoa na planta de San Cibrao. O luns foi unha xornada de xuntanzas a varios niveis, comezando polas que mantivo o comité de empresa coa compañía ou a que celebrou a Xunta con representantes de Liberty House Group, a multinacional interesada en adquirir a factoría.
Este martes finaliza o período de consultas do ERE que afecta a 534 traballadores
Ademais, Alcoa comunicou aos representantes do persoal dúas ofertas que mudan un chisco o escenario para os traballadores de San Cibrao, pero que manteñen o criticado parado de cubas. En primeiro lugar, Alcoa apostaría por manter o ERE para 534 traballadores e 'hibernar' as cubas, iniciando posteriormente un proceso de venda da planta no que se esixiría ao comprador como "prioridade" a reincorporacións dos traballadores despedidos.
Aínda que esa é a opción predilecta por Alcoa, a multinacional norteamericana tamén ofrece unha segunda posibilidade, que pasa tamén por deter as cubas, hibernándoas durante 120 días, pero que implicaría a substitución do ERE por un ERTE para os 534 traballadores de dous anos de duración, ata o 31 de xullo do ano 2022. Abriríase un proceso de venda de 9 meses de duración e, de consumarse a transacción, Alcoa comprometeríase a arrincar de novo as cubas, asumindo os custos desta operación, uns 35 millóns de euros.
A segunda opción implica tamén deter as cubas, pero o ERE sería aprazado dous anos, substituído por un ERTE
De non haber venda, agardaríanse eses dous anos, analizando Alcoa a situación do mercado nese momento para determinar a viabilidade ou non da planta. No caso de ser viable, arrincaríanse as cubas e a factoría regresaría á produción. E se Alcoa considera que a planta non é viable, o ERTE de dous anos sería seguido por un novo ERE.
A empresa afirma ter "valorado as formulacións dos representantes dos traballadores e da autoridade laboral" e que "co ánimo de poder concluír o presente período de consultas con acordo" expón "esta proposta que consideramos cumpre coas súas demandas, evitando os despedimentos e mantendo a posibilidade de re-arrincar as cubas no futuro se se producise un cambio nas circunstancias que permitise a súa viabilidade, así como desenvolver un proceso de venda competitivo".
Os traballadores denuncian o "empecinamento" de Alcoa cando está sobre a mesa unha oferta dun comprador interesado en adquirir a factoría
Con todo, o comité de empresa recibiu as dúas propostas con escepticismo, sobre todo pola teima de Alcoa en parar as cubas, unha medida que os traballadores sempre rexeitaron de pleno. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, criticou a "insistencia" da empresa no parado de cubas, pois "sen as cubas funcionando morre o corazón da fábrica".
Os traballadores denuncian o "empecinamento" de Alcoa "cando hai un informe que di que se hai unha venda en 30-40 semanas resulta máis barato que parar as cubas" e, sobre todo, cando está sobre a mesa unha oferta dun comprador interesado en adquirir a factoría (Liberty House Group) que podería pechar en 8 semanas o proceso de adquisición. O comité de empresa propón agardar "unha semana" para chegar a un acordo con Liberty.
O comité de empresa mantivo unha xuntanza con representantes de Liberty House, cualificando a súa proposta de "solvente"
Precisamente este luns pola tarde, os representantes dos traballadores mantiveron unha xuntanza coa sección de aluminio de Liberty House (Alvance Aluminium Group). Tralo encontro, o comité de empresa cualificou de "solvente" a proposta do posible comprador, un proxecto "con ganas de seguir facendo aluminio primario en España" e de darlle viabilidade á planta de San Cibrao. Finalmente, os traballadores instan a Xunta e Goberno central a "obrigar" a Alcoa a frear o ERE.
Este martes terá lugar o derradeiro encontro do proceso de consultas do ERE entre a compañía e os traballadores, que nos últimos días mantiveron as súas mobilizacións. O pasado venres pola noite centos de persoas, principalmente o persoal coas súas familias, xuntáronse na Praza do Obradoiro con elementos luminosos para esixir unha solución para a planta de Alcoa en San Cibrao e o mantemento de todos os postos de traballo.
Reunión entre a Xunta e Liberty
A Xunta "constatou que existe unha posible solución e un plan industrial que permitiría dar continuidade ao emprego"
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, participou este luns pola mañá nunha reunión co grupo Liberty House. No encontro, a Xunta "constatou que existe unha posible solución e un plan industrial que permitiría dar continuidade ao emprego".
Trala xuntanza, Conde instou a Alcoa a que retire o ERE, outorgando o tempo necesario para facer efectiva esta operación de compra-venda:. “Volveremos facer unha advertencia para que, á luz da información e do plan industrial trasladados por Liberty House, Alcoa retire o ERE e se aveña a unha solución ordenada e a unha solución industrial que garanta o mantemento do emprego”, dixo o conselleiro de Economía, que tamén reclamou ao Goberno central un novo "marco eléctrico que dea viabilidade á planta”.