Nin mudou o curso do Amazonas nin “había partido”. As eleccións galegas celebradas nas que, posiblemente, foron as circunstancias máis excepcionais da historia da autonomía, deixaron tras de si unha nova maioría absoluta do Partido Popular, con menos votos pero cun escano máis derivado, en boa medida, máis da enésima recomposición das forzas da oposición que dun avance significativo dos de Alberto Núñez Feijóo.
No número de TEMAS, o monográfico para socias e socios de Praza.gal, percorremos a anatomía dos resultados electorais do 12X
Pouco ou (máis ben) nada foi comparable no clima político deste mes de xullo ao que arrodeaba os comicios convocados para o 5 de abril e que nunca se chegaron a celebrar por mor da pandemia. Tras semanas de confinamento e no inicio dunha crise sanitaria e económica sen precedentes marcada, no político, polo enfrontamento entre a Xunta do PP e o “mando único” do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, Galicia votou nun clima máis ben desapaixonado. Así o acredita a escasa participación, inferior ao 50% unha vez recontado o voto exterior, máis escaso ca nunca por mor da propia pandemia.
As socias e socios de Praza poden acceder ao novo número de TEMAS e aos anteriores no seu espazo do xornal
Cifras de participación á marxe, o 12X supuxo un triunfo incontestable para un Feijóo que o xogou todo á carta de si mesmo tras meses con todos os resortes da Xunta orientados para tal fin e sen que aparecese, tampouco dende as forzas gobernantes do Estado, un contrapeso institucional real. O segundo gran triunfador da noite electoral foi o BNG que, con Ana Pontón á fronte, non só recuperou todo o terreo electoral perdido nos últimos lustros, senón que virou en primeira forza da oposición co maior número de escanos dunha formación da esquerda dende os tempos do PSdeG de Touriño. Mentres, o PSdeG de Gonzalo Caballero ficou moi por baixo das súas propias expectativas e vese abocado a unha fonda reflexión.
Estes e outros elementos do 12X fican reflectidos nos datos que, dende a xornada electoral, fomos debullando a través de gráficos e mapas interactivos en Praza.gal. Neste novo número de TEMAS, que as socias e socios de Praza.gal veñen de recibir, achegamos un pequeno guieiro para percorrer a anatomía dos resultados electorais.
Se aínda non es socia ou socio, podes facerte de Praza.gal nesta ligazón e teres acceso a todos os números de TEMAS. Se xa o es, accede ao teu espazo para accederes a eles.