O vindeiro venres, 7 de agosto, constituirase oficialmente o Parlamento da undécima lexislatura autonómica. Unha semana antes, este 31 de xullo, o Pazo do Hórreo acolleu un dos actos finais do mandato anterior. A Deputación Permanente, órgano que substitúe ao pleno en períodos inhábiles ou coa Cámara disolta, pechou a rexencia máis longa da súa historia -o adiamento dos comicios previstos para abril mantívoa como único órgano parlamentario activo dende o pasado febreiro, case 8 meses- despachando cun "non" dúas peticións de comparecencia.
Unha semana antes da constitución do Parlamento saído das urnas do 12X, a Cámara galega celebrou a súa derradeira xuntanza coa composición dos últimos catro anos, na que o PP despachou cun "non" dúas peticións de comparecencia formuladas pola oposición
Unha, formulada antes das eleccións por todos os grupos da antiga oposición (PSdeG, BNG, Común da Esquerda e Mixto -En Marea-) para que Feijóo acudise á Cámara a dar conta do brote de de coronavirus da Mariña. Outra, asinada polas formacións que comporán a oposición no novo período (BNG e PSdeG) para que a conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, dea conta do protocolo do seu departamento para evitar contaxios da COVID-19 o vindeiro curso. Ambas, freadas pola maioría absoluta do PP, que dende o día 7 disporá dun escano máis. Argumentan os populares que as explicacións sobre o curso escolar poden producirse en setembro, unha vez iniciada a nova lexislatura -e, por datas, tamén o propio curso escolar-.
Así, entre o coronavirus como tema esencial e a inercia das iniciativas da oposición de esquerdas que baten contra a maioría absoluta do PP, finaliza a décima lexislatura, despídense os grupos que non volverán e comezará a undécima. A loita contra a pandemia será o gran tema da lexislatura. Rachar a inercia, o gran reto da oposición que agora encabeza do Bloque tras o seu forte ascenso do 12X, con Ana Pontón á fronte como primeira líder que recunca á fronte dun dos grupos da esquerda por primeira vez dende 2009.
O terceiro grupo da Cámara é agora o do PSdeG. Como no inicio da anterior lexislatura -ata a escisión do grupo de En Marea-, pero con cinco escanos menos que a segunda forza e non empatada en representación con ela, como daquela. Fronte a un Bloque que se sente fortemente impulsado polas urnas, o grupo encabezado por Gonzalo Caballero comezará a lexislatura coa sutura das feridas do resultado electoral como primeira materia pendente.
Nacionalistas e socialistas foron, por esta orde, os primeiros grupos en presentárense como tales cara á nova lexislatura, esta semana na propia sede do Parlamento. O numeroso grupo do PP, que como é habitual experimentará aínda diversos cambios cando se forme o Goberno, aínda non se xuntou.
Como primeiro grupo da esquerda que, dende o PSdeG de Touriño, comeza a lexislatura con máis escanos que na anterior, Pontón compromete unha "oposición rigorosa" coa vista posta en 2024
Alí, con 13 membros máis que antes do 12X, o Bloque destacou o simbólico de ter a "primeira muller líder da oposición na historia da Cámara galega". Como primeiro grupo da esquerda que, dende o PSdeG de Touriño, comeza a lexislatura con máis escanos que na anterior, Pontón compromete unha "oposición rigorosa" coa vista posta, asegura, xa en 2024.
"Erguer Galiza" tras a crise do coronavirus, di Pontón, será prioritario e por iso, asegura, "tenderá a man" ao Goberno do PP para buscar un pacto de país neste sentido, a coemzar por que "Galiza reciba a parte que lle corresponde" dos fondos europeos de reconstrución. "É unha cuestión crucial e temos que ter unha posición de país" nun momento no que "se require que a política estea á altura" e "as ideas, ao servizo do país".
Nun clima marcado polo mal resultado do 12X, Gonzalo Caballero compromete "oposición leal pero contundente" e insta a primar o "interese xeral" para "fortalecer o PSdeG"
O PSdeG, pola súa banda, reuniu o seu grupo parlamentario -agás os seus 3 representantes de Ourense, que non viaxaron por mor dun casos sospeitoso de COVID-19 nunha empregada do partido, que despois deu negativo nas probas- mentres continúa a primeira rolda de análises dos malos resultados electorais, inevitablemente ligada ao proceso que, contra mediados de 2021, desembocará no Congreso Nacional da formación. Gonzalo Caballero di comprometer unha "oposición leal, pero contundente".
Os socialistas, mantén Caballero, "entenderon a mensaxe que trasladaron os 253.000 galegos que nos votaron" e dispóñense a facer "propostas en positivo, construtivas" no marco da crise do coronavirus para que "ninguén quede atrás". Nos últimos días, o secretario xeral da formación reiterou, nas reunións internas sobre o resultado do 12X, que tamén nas decisións orgánicas debe primar "o interese xeral" para "fortalecer o PSdeG" como "alternativa ao PP".
A elección da Mesa do Parlamento -tres membros do PP e dous da oposición, un por grupo, porque o Bloque cede un posto ao PSdeG- será o primeiro trámite dunha nova lexislatura que botará a andar, a efectos prácticos, cando a finais de mes Feijóo sexa reelixido como presidente da Xunta. Por diante, catro anos nos que nacionalistas e socialistas aspiran, sobre todo, a rachar coa inercia que a política galega respira tras o 12X.