Santalices: un veterano baltarista como segunda autoridade de Galicia

Santalices, tras tomar posesión xunto á nova vicepresidenta, Marta Rodríguez © Parlamento de Galicia

O pleno do Parlamento fixo oficial este martes o nomeamento de Miguel Santalices como novo presidente da Cámara. No seu breve primeiro discurso como substituto de Pilar Rojo o veterano deputado, o que máis horas de voo parlamentario acumula de todos os presentes, realizou a agardada promesa de "diálogo" e expresou o seu "amor" ao Parlamento, ao que chegou hai cinco lexislaturas como fiel representante do baltarismo e no que agora, cando menos no que resta de lexislatura, exercerá como segunda autoridade de Galicia.

O nomeamento de Santalices non pode ser interpretado como a enésima concesión da dirección do PP galego á contorna da familia Baltar ou, cando menos, non só como iso. Tras a marcha de Rojo, presidenta dende que Feijóo chegou ao poder, no Grupo Popular non abondaban as opcións que, alén do voceiro, Pedro Puy, aglutinasen experiencia e coñecemento da Cámara e, ao tempo, capacidade de dirección dos debates. O veterano doutor Santalices, médico de profesión, ten cintura dabondo para terzar en debates combativos e tensos. Entre outras cousas, porque así son os que el adoitou protagonizar sempre que lle tocou defender a xestión sanitaria do PP ou algúns asunto vinculado a Ourense.

Na cerna dun dos episodios políticos máis tensos da historia da autonomía estivo tamén Santalices. El foi un dos cinco deputados do PP de Ourense que no ano 2004 se pecharon nun piso mentres José Luis Baltar acudía á residencia oficial de Monte Pío para amezar a Manuel Fraga cunha escisión que o deixaría sen maioría absoluta. O novo presidente réstalle agora importancia a aquel conflito do tardofraguismo impregnado no chapapote político do Prestige, o mesmo que alimentou o principio da fin do PP 'da boina' coa destitución de Xosé Cuiña e a súa substitución por Alberto Núñez Feijóo, 'Núñez' para o PP de Ourense.

Santalices foi un dos cinco deputados do PP de Ourense que se pecharon nun piso mentres José Luís Baltar ameazaba a Fraga coa escisión

Dende a escena do piso pasaron moitas cousas. Santalices fixo férrea oposición ao bipartito de PSdeG e BNG mentres seguía cultivando a súa afección á arte como responsable da Fundación Quessada ou lembrando o seu ilustre parente, o histórico gaiteiro Faustino Santalices. Cando o PP regresou ao poder mantívose nas cómodas bancadas do grupo que sustenta ao Goberno e accedeu á vicepresidencia primeira en substitución de José Manuel Baltar cando o fillo da saga ourensá abandonou o lexislativo para herdar do pai a presidencia da Deputación de Ourense. Santalices, precisamente, foi o principal organizador da multitudinaria homenaxe coa que José Luis Baltar foi despedido polos seus afíns tras deixar a Deputación, aquela na que o barón popular foi comparado cos galeguistas da Xeración Nós.

"Quizais ninguén lle quere tanto ao Parlamento coma min, que levo aquí media vida", afirmou tras tomar posesión

Nos últimos anos non foron poucas as ocasións nas que o novo presidente tivo que exercer labores de dirección da Cámara, especialmente durante o período en que Pilar Rojo se estivo a recuperar dunha enfermidade. Combinou así a función institucional coa puramente partidaria, na que por exemplo foi responsable de que se lle chame Álvaro Cunqueiro ao novo hospital de Vigo, ese que Santalices admite polos corredores do Pazo do Hórreo que o seu propio partido non foi quen de defender como, ao seu xuízo, corresponde ante as protestas da oposición.

Agora disponse a pilotar o derradeiro treito dunha lexislatura na que asegura detectar menor cortesía parlamentaria que nos seus comezos. Xusto despois do primeiro discurso protocolario xa comezou a exercer con man dura, instando a deputada do BNG Ana Pontón a retirar do estrado un cartaz contra a prórroga da autorización a ENCE para permanecer na ría de Pontevedra. "Quizais ninguén lle quere tanto ao Parlamento coma min, que levo aquí media vida", defende.

Santalices, pronunciando a súa primeira intervención como presidente © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.